“Mañás de Nadal” da Asociación Xuvenil Ateibo

Dende o 22 de decembro ata o 5 de xaneiro do 2017, a Asociación Xuvenil Ateibo está levando a cabo a actividade denominada ”Mañás de Nadal”, que ten como destinatarios nenos de 3 a 12 anos (cursen estudos ou non no colexio Salesianos – Divina Pastora de Lugo).

Este proxecto responde á necesidade vista dende o propio centro xuvenil de que os nenos ocupen o seu tempo libre, dunha maneira lúdica e educativa, neste tempo de vacacións; e de que os pais concilien a súa vida laboral coa familiar.

O proxecto desenvólvese de luns a venres, de 10:00 a 13:30 horas, e hai servizo de gardería de 9:00 a 10:00 horas e de 13:30 a 14:00 horas para aquelas familias que necesiten un horario máis amplo.

Os obxectivos son educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar o traballo en equipo, e axudar aos pais que traballan nestas datas a conciliar familia e traballo. Durante estes días organízanse obradoiros, excursións, actividades de animación á lectura, disfraces, xincanas, deportes, teatro, xogos musicais, cociña creativa… E faise cun equipo de animadores cualificados, voluntarios de Ateibo.

O prazo de inscrición permanece aberto. Para consultar máis información ou solicitar a ficha de inscrición, dirixirse aos locais da asociación: Praza da Milagrosa, 10 (teléf. 633 674 528).

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: