Alberte Leiva abre as IX Xornadas divulgativas do Camiño

 

O Centro Penitenciario de Bonxe, na semana da Nosa Señora da Mercé, acolle as IX Xornadas divulgativas do Camiño Primitivo. Trátase de dar a coñecer a ruta xacobea nos seus variados aspectos: relixioso, histórico, paisaxístico… e fomentar a cultura xacobea no ámbito penitenciario. O programa deste ano é o seguinte:

MARTES 19 ás 17:45h

Presentación das Xornadas a cargo de D. Álvaro Nuevo García, Director do Centro Penitenciario de Bonxe -Lugo.

Conferencia: “Roma-Santiago, Camiño en espíritu e verdade”, por D. Alberte Leiva Torreiro, párroco de San Antonio de Padua (Lugo), licenciado en Maxisterio, profesor no Colexio Divino Mestre.

MÉRCORES 20 ás 17:45h

Conferencia: ” O Camiño primitivo do Acebo a Lugo”, por D. Manuel Muñiz Besteiro, Licenciado en Galego-Portugés, profesor no Instituto Gregorio Fernández de Sarria, sindicalista, presidente da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde e socio de varias Asociacións culturais e veciñais.

XOVES 21 ás 17:45h

Conferencia: “El Camino como intervención terapéutica”, por D. Roberto Fernández Villamil, Subdirector de Tratamento do Centro Penitenciario de Bonxe-Lugo.

Proxección da montaxe audiovisual “Lembranzas do Camiño Primitivo”. Participan José Peña Lage, secretario da Asociación Viandantes do Camiño Primitivo e internos da prisión.

 

Tamén está en marcha o V Encontro de Pastoral Penal de Galicia, que este ano preside Mons. D. Alfonso Carrasco

A vida espiritual do artista cristián

Rosa Cruz

Necesitamos entrar na vida no Espírito. A porta de entrada é o amor… Antes que músicos, cantantes, bailaríns, somos fillos de Deus. Todo o demais non é tan importante. Ás veces vivimos mendigando, comendo as migallas, e somos fillos do Rei! Este é o primeiro paso para ser artistas de Deus.

Teño que tomar conciencia de que a miña vida é loanza do seu Nome, as miñas palabas, as miñas obras, a forma en que me movo, o que son, é o que dá gloria a Deus. Isto significa que poño a El en primeiro lugar e eu só son un micrófono, as miñas obras fan que Xesús tome o primeiro lugar. En situacións difíciles as miñas reaccións serán un acto de confianza en Deus. Nas pequenas cousas de cada día, se a miña forma de conducirme é unha loanza a Deus, logo, cando cante, tomaranme en serio. Cando dea testemuño, crerannos se no día a día ante as dificultades reacciono como Xesús. Se non, non servirá de nada.

 Un artista cristián cre no poder ilimitado de Deus, que resucitou e que segue facendo milagres hoxe, que o Señor é dono de todas as cousas. Calquera cousa que pidades no meu nome eu daréivola. Eu vin milagres, de sanación interior, física, de reconciliación, porque Cristo está vivo. Se o creo, cando canto transmítoo coa miña voz, coa miña mirada, coa miña palabra, e o que me escoita poderá crelo e abrirase á esperanza de ser amado. Do contrario, eu cantarei moi bonito pero non me crerán, e se non cren o que digo non crerán en Xesús. Teño que pedirlle ao Señor que me dea unha fe total no seu señorío.

Festival no que participou este verán Rosa Cruz

 Hai unha palabra que me conmove, gustaríame tanto que o Señor puidese dicir isto de min: “Velaquí un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez“ (Xn.1:47) Ti es íntegro, en ti pódese confiar, é o máis fermoso que o Señor pode dicir dun artista seu. Ti non tes fisuras, e ao caer, un arrepíntese e levántase, como o rei David, que pecou gravemente arrepentiuse e o seu corazón seguiu sendo segundo o corazón de Deus. Eu aprenderei a ser como David, cheo de forza e expresión de loanza, a danzar ante El e, ao mesmo tempo, a escoitar o que o Señor espera de min como María. Se somos íntegros o Señor daranos os carismas que necesitamos para a música, para o liderado, segundo necesitemos. Non esquezamos que cando nos subimos ao escenario somo líderes a lso que o Señor utiliza para guiar ao seu pobo na loanza, abrindo o camiño.

 Ser home/muller de Deus e de Igrexa. En realidade é unha vocación. Un verdadeiro artista de Deus descóbreo deste xeito. E entón o cansazo e o sacrificio non pesa. É moito máis grande o que o Señor fai contigo cando ti serves que o que ti estás dando. Realmente o noso ministerio como artistas cristiáns é unha escusa que ten o Señor para converternos máis cara á santidade.

 “Xa non vos chamo servos chámovos amigos“. Somos eses amigos do Señor que o que saben facer é cantar, bailar para El, para guiar ao seu pobo na loanza e a adoración cando nolo piden segundo o corazón de Deus.

 Non teñas medo de coñecer a Deus, non temas que che cambie a vida. El sabe o que che convén.

 Entra na gratitude, dá grazas a Deus por cada día de vida.

Entra na gratuidade. Nada o gañei. Nada merezo. Todo canto me deu é porque El me ama.

Rosa Cruz

[Audio da ensinanza de Rosa Cruz]

A eutanasia: unha sociedade sen esperanza

Volve estar sobre a mesa o tema da eutanasia, ou da morte digna, en linguaxe eufemística. De cando en vez, alguén encárgase de sacar este tema á palestra pública e política, para que a xente se manifeste a favor do mesmo e así un día dar punto final ao ancián ou ao enfermo, sen que supoña un trauma para ninguén e sexa aceptado por todo o mundo como algo normal dunha sociedade moderna.

Entendo que produza pánico a dor e o sufrimento. A min, o primeiro. Persoalmente, recoñezo que me aterroriza pensar que, por un simple accidente de tráfico, un poida quedar parapléxico ou tetrapléxico. Dáme moito máis medo cá mesma morte. Podo entender que unha persoa, desesperada pola dor, desexe morrer para non seguir sufrindo. O que non podo entender é que, cando estamos perfectamente sans, queiramos morrer, ou que esteamos dispostos a facilitar a morte a outros cando nolo pidan.

Pero outra cousa, é o que se desprende de todos os argumentos que nos expoñen para facernos ver que a eutanasia é un gran avance e o mellor para as persoas. Se é que aínda nos recoñecen esta categoría.

Non me produce unha tristeza insoportable a morte cando é natural, nin sequera cando se produce prematuramente. Confío en Deus e a súa promesa dunha vida eterna.

O que me produce moita tristeza é que sexamos unha sociedade sen esperanza, na que a xente quere morrer e outros queren matarnos, só co único pretexto do benestar.

Detrás da eutanasia o que hai é unha gran falta de esperanza. A eutanasia é a expresión do baleiro do home que quere morrer porque non consegue ser dono absoluto de si mesmo. Un home que quere morrer antes que confiar a súa vida e o seu sufrimento ao Autor da verdadeira vida.

As cousas non xorden da nada nin, por desgraza, é idea só duns poucos. Nas miñas conversacións cos traballadores das funerarias ou con compañeiros sacerdotes, decátome de casos que se achegan ao surrealismo. Por exemplo, que teñen nas súas instalacións urnas con cinzas que ninguén recolle, ou que unha familia quería enterrar ao seu “ser querido“ o mesmo día que faleceu. Ou o caso dun compañeiro que, logo dun funeral, observou como a familia ía sen levar as cinzas do defunto e ao avisala dixéronlle que eles non as querían para nada.

Son casos reais, de familias reais, onde o desapego e a falta de afectos ou de caridade chega a uns extremos nos que non se valora nin aos defuntos nin aos vivos. Así, a ninguén lle estraña que intentemos desfacernos dos anciáns e dos enfermos canto antes. Ou tamén, que nós deixemos todo arranxado para que, se un día chegamos gravosos para os demais, recibamos unha “inxección máxica” e emprendamos o camiño cara á nada.

Pero detrás destas aparentes boas intencións: de non molestar, de non sufrir, de escoller con liberdade, o que se manifesta, máis ben, son as carencias da nosa sociedade. Somos unha sociedade sen esperanza, na que os nosos semellantes deixaron de ser un valor absoluto e convertéronse nun simple obxecto de “usar e tirar“. Claro, que se non existe Deus, como din algúns, é normal que as cousas sexan como as estamos vendo. Moi triste, unha sociedade sen esperanza e sen ansias de eternidade. Moi triste.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán.

Teño necesidade de Ti

Matt Maher

27 de xullo de 2013. Río de Janeiro. Preto de tres millóns de mozos reunidos co Papa Francisco para orar. E foi durante a exposición do Santísimo onde diversos autores católicos interpretaron algunha das súas cancións para axudarnos na oración. Foi entón cando o canadense Matt Maher cantou o seu “Lord, I need you“  (Señor, Teño necesidade de Ti).

O documento do Concilio Vaticano II que dedica algúns dos seus números á música é a Sacrosanctum concilium. No número 112 dinos que a finalidade da música sagrada «é gloria de Deus e a santificación dos fieis». E o beato Paulo VI dicía nun discurso aos músicos polo día de Santa Icía que «se a música -instrumental ou vocal- non posúe ao mesmo tempo o sentido da oración, da dignidade e da beleza, impídese a si mesma a entrada na esfera do sagrado e do relixioso».

Pois ben, creo que Matt Maher soubo captar nunha canción o que moitas veces nós expresamos na nosa oración de petición e súplica, cando nos sentimos esmagados polas dificultades e non sabemos como avanzar, ou cando o pecado nos arrastra lonxe da amizade con Xesucristo. Pero vou engadir unha cousa sobre a canción: Cristo vive por amor a nós. Como di San Agustín nas súas Confesións: «O home, pequena parte da túa creación, quere loarche. Ti mesmo incitas a iso, facendo que atope as súas delicias na túa loanza, porque nos fixeches para Ti e o noso corazón está inquedo mentres non descansa en Ti». É coma se Deus necesitase de ti e de min.

Xa ves, querido lector, que a música é un instrumento moi útil para verbalizar aquilo que levamos no corazón e ás veces non sabemos como expresar. Non cansemos nunca de poñernos ante Deus tal e como somos, dicirlle estas ou outras palabras e deixarnos abrazar polo seu amor misericordioso, que ten o seu xesto máis concreto no sacramento da reconciliación. Dille que o necesitas, o desfeito que estás, que perdiches a esperanza ou cales son as túas tentacións; pero logo déixache tocar por El, que Deus sae ao teu encontro a través de tantas persoas que nos coidan, que nos queren, da súa Igrexa, os seus ministros, os sacramentos… E que Xesús sexa sempre a esperanza onde decidamos permanecer.

Nicolás Susena Presas

Diácono da Parroquia da Milagrosa de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: