Bendición de ramos

O domingo 25 de marzo ás 11.30 h, celebrarase na praza de Santa María a Bendición de ramos (se no momento da bendición o tempo non permitise facela na praza, trasladarase ao interior da Catedral)

A continuación terá lugar a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén e, ao finalizar, celebrarase a Eucaristía na Catedral que estará presidida polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Bicapés a Xesús Nazareno. Na Catedral desde as 10 h ata as 14 h e de 17:30 a 19h. Este acto organízao a confraría episcopal e catedralicia do Bo Xesús.

Actividades do Programa de Maiores de Cáritas

No mes de marzo Cáritas Lugo comezou o taller de iniciación á informática os xoves en horario de 17.00 a 18.30 h nas instalacións da Avenida das Américas, 93-97. Con este taller preténdese favorecer a adquisición de nocións básicas e destrezas no uso das tecnoloxías informáticas, abordando dunha forma sinxela e práctica os coñecementos que lles permitan aos maiores utilizar o ordenador nos seus quefaceres cotiáns.

O Programa de Maiores tamén deu comezo ao taller de ximnasia “Móvete en Compañía” coa finalidade de favorecer o envellecemento activo das persoas maiores, a través da realización de exercicio físico para evitar así o sedentarismo e a prevención de enfermidades.
Este taller ten lugar todos os xoves en horario de 12.00 a 13.00 horas no local de Cáritas, na Avenida das Américas, 93-97.

Unha Luz na Noite o 24 de marzo

O sábado 24 de marzo mozos de Lugo estarán evanxelizando no centro da cidade. Acenderase unha Luz na Noite para os que están de festa. Para facer isto hai unha preparación durante toda a tarde no local da Delegación de Xuventude.

Unha luz na noite é unha visión, un cambio de mentalidade, un espertar, é a nova evanxelización.

Os protagonistas son os mozos, que se encargan de preparar todo.

A ANTORCHA: responsable do Proxecto Centinela na Diocese.

CENTINELAS: participan na actividade “Unha Luz na Noite“.

MINISTERIOS: os Centinelas fan catro servizos:

  • Música: encárgase de acompañar durante a experiencia con cantos e tamén lendo a Palabra de Deus.
  • Intercesión: son os centinelas que se quedan na Igrexa rezando polos centinelas.
  • Rúa: dous centinelas invitan a outros mozos para que se acheguen á igrexa. A invitación é: “A igrexa está aberta e alí agárdate Xesús, que está VIVO“
  • Acollida: aos que entran tras ser invitados polos do ministerio de rúa.

Vía Crucis “A fe dun pobo”

O 23 de marzo, ás 20.15 h, celebrarase o VÍA CRUCIS organizado pola Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo. A primeira estación será na igrexa dos PP. Franciscanos e logo terá o seguinte itinerario:

Casas Novoa, Praza Sta. María, Bo Xesús, pasando logo por dentro da Catedral e saíndo pola porta principal á Praza de Pío XII, Bo Xesús, Praza de Sta. María, e diante do Bispado será a derradeira estación.

A ombreiros de corenta mulleres sae o “Paso do Cristo da Misericordia”, que é venerado na parroquia de Santiago a Nova.

Xubileu dos Seminaristas no Corpiño

O luns 19 de marzo, Solemnidade de San Xosé e día do Seminario, celebrouse no Santuario do Corpiño o Xubileu dos Seminaristas.
Ás 11:30 h eran recibidos na Carballeira do Santuario, os seminaristas e os seus formadores chegados de varias dioceses de Galicia, tanto dos Seminarios maiores como dos Seminarios menores; seguidamente o Reitor do Seminario de Lugo impartía a Bendición e iniciábase a procesión cara á Porta Santa.
Ás 12:00 h, comezaba a Eucaristía, que presidiu o Reitor dos seminarios de Lugo, David Varela Vázquez, que estivo acompañado polos formadores do propio Seminario; o Reitor, Formador e Director Espiritual do Seminario Maior de Ourense, o Formador do Seminario de Mondoñedo-Ferrol e o diácono José Antonio, quen, logo de ser ordenado o día anterior, tiña a súa primeira celebración como diácono no Corpiño. Pediuse especialmente polo aumento das vocacións, tan necesarias, e ao finalizar impartiuse a bendición a todos os presentes.

A %d blogueros les gusta esto: