«A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva»

Xa chegou o verán. Tras un inverno difícil en todos os sentidos, por fin chegou o verán, polo menos a estación que coñecemos con este nome. Outra cousa será que o tempo veña a gusto de todos e que os nosos políticos nos dean unha tregua, aínda que só sexa para que descansemos un pouco a cabeza.

Todos poñemos moitas esperanzas no verán, para o que temos moitos plans, aínda que xa sabemos que non todos os poderemos realizar. Sabémolo ben: o home propón e Deus dispón, unhas veces con sorpresas boas e outras malas. Digo isto a raíz das palabras do evanxeo do vindeiro domingo que encabezan este artigo.

Cantas persoas terán nas súas mentes o mesmo pensamento que aquel xefe da sinagoga que acudiu a Xesús desesperado pola enfermidade da súa filla! Cantas situacións dolorosas prodúcense cada día e de todo tipo en calquera lugar do mundo! Cantos berros desesperados dirixidos a Deus!: enfermidades, dependencias, rupturas, exilios, pobreza, fame, inxustizas, violencia, roubos, atentados… tamén no verán.

Deixando ao carón os bos propósitos para o verán, necesitamos volver poñer os pés no chan e con esperanza firme non deixar de acudir a Xesucristo, que no medio dos nosos choros e alborotos sempre ten unha palabra para acougar a nosa alma: “Talitha qumi” (contigo falo, nena, érguete).

Deus non colle vacacións nin tampouco é un can que deixar nun refuxio para cando volvamos. Para unha vida auténtica necesitamos estar preto do Autor da Vida, e para unhas vacacións auténticas necesitamos levar connosco ao único capaz de poñer paz infinita no noso espírito («Vinde a min os que estades cansos e angustiado»).

 

Verán e festas

As festas dos santos e a Virxe María celébranse durante todo o ano, con máis ou menos solemnidade, pero celebración á fin e ao cabo. Con todo, agora no verán, todo é distinto, a iso axudan o bo tempo e os días grandes. É verdade que todas esas cousas condicionan o noso ánimo e tamén a forma de vivir a fe, pero iso non quere dicir que os santos que teñen o seu día nos meses de xullo, agosto e setembro, sexan distintos aos que celebran a súa festa nos outros meses do ano. En actitude distinta estamos nós, pero non os santos.

En calquera caso, as persoas debemos aproveitar cando as circunstancias son favorables. Isto serve tamén para as cousas de Deus e para as celebracións litúrxicas. Despois, como existe a comuñón dos santos, xa se encargarán “alá arriba” de distribuír todo entre todos da mellor posible.

Aí está o verán, non só para as festas, senón tamén para o descanso, a familia, a lectura e para Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

San Xoán Bautista, solsticio de verán, o Camiño de Santiago e a fonte da Fonsagrada

Este ano houbo que esperar un pouco, pero logo de tres días de néboas e nubes, puido verse como os primeiros raios de sol do día impactaban de cheo no centro da Fonte da Fonsagrada.

Este acontecemento, que só pode contemplarse no solsticio de verán, fainos lembrar toda a importancia do sol para a vida da persoas, que se podería estudar desde a antropoloxía e as ciencias, sen esquecer a teoloxía e a Bilblia.

Desde aquí quero ofrecer unas cantas notas que nos poidan axudar a comprender mellor o simbolismo relixioso deste acontecemento, que se repite noutros moitos lugares do mundo, coas súas variacións.

Sobre o solsticio de verán e o día de San Xoán Bautista

O soslticio de verán é o 21 de xuño. O 24 deste mesmo mes, só tres días despois, celébrase a solemnidade do Nacemento de Xoán Bautista, primo de Xesús. Nestas datas gozamos dos días máis longos do ano.

Non se trata, como din algúns, de que o cristianismo “expropie” as antigas festas pagás. O que fan os primeiros cristiáns é encher esas festas de contido trancendente e un sentido cristián, como fixeron con todas as cousas da vida ordinaria.

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, refírese a Xesucristo como “o Sol que nace do alto”. Xoán Bautista di que convén que el mingüe para que Cristo creza.

Se nos fixamos, unha vez que chegamos ao día máis grande do ano, 24 de xuño, festa do nacemento de San Xoán, necesariamente a partir desa data empezan a decrecer os días. Será, seis meses despois, o 25 de decembro, día do nacemento de Xesucristo, cando volvan comezar a crecer: Xoán decrece (24 de xuño), Xesucristo crece (25 de decembro).

O caso da Fonte de Fonsagrada.

A tradición vincula os milagres desta fonte ao Camiño Primitivo a Santiago. Unha das lendas conta que chegou un peregrino canso e famento a este lugar, chamou a unha casa a pedir algo de alimento, pero a casa era pobre e non tiñan nada. O peregrino indicoulle á señora da casa que fose buscar auga á fonte para darlle de beber. A muller foi e cando chegou de volta a casa a auga converteuse en leite, da que se alimentaron aquel peregrino e todos os da casa. Esta historia lémbranos a pasaxe de Elías e a pobre viúva e o seu fillo, ademais doutros moitos.

Por este milagre, a fonte é chamada “sagrada” e, fose como fose a historia, o feito é que a este lugar chámaselle desde sempre “Fonsagrada” (Fonte Sagrada). A fonte está dedicada a Santa María, da que hai dúas imaxes na fonte: unha no centro e a outra ao carón. A parroquia deste lugar, situada á beira mesmo da fonte, tamén está dedicada a Santa María. Seguramente, así comezou a historia deste pobo: un peregrino, unha fonte e Santa María.

A esta fonte chega directamente o Camiño de Santiago. Ao coroar a forte pendente que hai desde Paradanova, os peregrinos atópanse de cheo coa fonte. Seguramente noutros tempos, bastante afastados, máis dun peregrino saciou a súa sede nesta fonte e aquí repúxose do cansazo.

Por este último tramo do camiño, que aquí coñecemos como “Caella de Valeriano”, nestes días (21-24 de xuño) entran os primeiros raios de sol do día e iluminan dun modo singular o centro da fonte, coas imaxes de Santa María, como se pode ver na foto.

Concluíndo

No día máis grande do ano, o día de menos escuridade, o Sol que nace do alto (Xesús) é acollido pola Virxe María, para ser a súa nai e poida asumir a condición humana e guiarnos na peregrinación da nosa vida, para que un día podamos gozar da eternidade nun día que xa non terá ocaso.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

Liberdade, progreso e transcendencia

De cando en vez rexorde o debate en torno ao lugar do relixioso no sociedade. Manifestacións sobre a privacidade do relixioso, os constantes intentos de apartar todo o que sexa manifestación relixiosa da vida pública, os ataques e ofensas frecuentes aos dogmas máis sagrados do cristianismo, o desprezo dalgúns cara á sagrada presenza da Igrexa no mundo da marxinalidade e a consideración da relixión como resto arcaico, son feitos innegables que as relixións e as Igrexas teñen que soportar con estoicismo e paciencia. Afírmase como evidente que as relixións son unha fase superada da historia humana, unha neurose infantil, un consolo para ignorantes e unha alienación da existencia real. Afirmacións claras coas que se quere dar a entender que crer non é razoable e que os crentes fomos privados da razón. Aquí temos, alambicada, a crítica moderna da relixión desde Feuerbach, Marx e Nietzsche ata Freud. Abundan fracasados e trasnoitados divulgadores e falsos intérpretes daqueles sabios pensadores.

Os gobernos van e veñen pero as persoas, que somos quen conformamos e constituímos as sociedades, permanecemos xeración tras xeración. Por iso as categorías fundamentais para pensar a sociedade e o lugar do fenómeno relixioso nela son a persoa e a liberdade. Negándose, non hai nin haberá nunca progreso. Elas sosteñen a cidadanía e a realidade transcendente do ser humano expresada de xeito positivo na realización relixiosa da existencia dentro da autonomía propia (laicidade positiva) ou reducíndoa exclusivamente á súa dimensión secular e temporal (laicismo destrutivo e negativo). Os dereitos dos cidadáns articúlanse na familia e nos grupos intermedios (institucións, asociacións, cabidos, confrarías, congregacións…). Neles exprésase e realizan as persoas quen a través desas articulacións, elixen e exercitan o seu destino fronte ao poder supremo do Estado, ante o cal o individuo illado é como gran invisible na engrenaxe xigante das superestruturas estatais. Desde o sentido común, os poderes deben recoñecer que hai logros definitivos na orde da liberdade, dos dereitos humanos, da ciencia e da conciencia, da moral, da ética de mínimos e máximos, detrás dos cales xa non se debería volver: ningunha política, relixión ou cultura poden negalos ou abrogalos. Ante as mareas de ambigüidades, complicidades e ocorrencias que queren atentar contra as estruturas da conciencia (a relixión non é unha fase da historia), é esencial definir e diferenciar Estado, sociedade e goberno. O primeiro somos os cidadáns quen expresamos de forma plural a nosa vontade, e a responsabilidade prioritaria dun goberno é o recoñecemento desa vontade da cidadanía. Observo, con frecuencia, pola realidade eclesial na que me toca vivir que unha tarefa pendente na nosa sociedade española é a necesaria clarificación entre ser cidadán e ser relixioso. A nosa sociedade é aínda maioritariamente católica tanto polo feito histórico do cristianismo como polo feito social e comunitario da cristiandade ou Igrexa. Crer ou non crer son dúas implantacións radicais e primarias da existencia humana que merecen respecto. Ningunha das dúas ten primacía ou plusvalía civil. Cando unha delas fai de xuíz que dicta á outra os seus deberes, exerce violencia persoal, social e institucional. Non é bo camiño cara á paz buscar sempre un culpable. Sería bo que quen se saben soamente fillos da razón ilustrada fagan tamén exame de conciencia.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Imaxe: Cathopic

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

Cáritas Diocesana de Lugo quere fomentar a cultura emprendedora. Por iso, a través do Programa de Emprego, organiza xornadas divulgativas que poidan favorecer o xurdimento de novas iniciativas. A próxima xornada terá lugar o día 22 de xuño de 10:30h. a 13:00h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, Avda. Américas, 93-97.

Ese día xuño contarase con:

– Un técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que informará sobre os recursos dispoñibles para axudar á promoción e creación de empresas.

– Panel de experiencias, onde coñecer as historias de tres mulleres que un día decidiron dar o paso e emprender o seu propio proxecto profesional.

Para participar hai que inscribirse antes do 21 de xuño. Horario de atención: mércores e xoves de 10:00h a 14:00h.

Asignación tributaria ou imposto?

Ata o 30 de xuño está aberto o prazo para a declaración da renda. Os cidadáns estamos chamados a contribuír cos nosos impostos na construción dunha sociedade e dun mundo mellor. De todo o que tributamos tan só podemos elixir o destino concreto dun 0,70% que, marcando simultáneamente o correspondente X nos cadros da Igrexa Católica e doutros fins de interese social, pode converterse no 1,40%. Mesmo hai iniciativas para unha nova opción, con fins científicos. Do outro diñeiro non se nos pregunta. Por iso é bo recordar que este sistema non é un imposto, senón unha asignación tributaria; un modo de exercer a liberdade e a cidadanía que é plenamente legal e constitucional, que non vai contra ninguén e si a favor de moitos millóns de persoas desfavorecidas e marxinadas.

A asignación tributaria é un acto de liberdade cidadá que non obriga a ninguén a sumarse a ela. No caso de que os cadros quedasen baleiros sería Facenda quen decidiría distribuír esa porcentaxe. Non é un novo imposto, como algúns pensan ou malpensan, xa que non grava nin desgrava un céntimo máis ao contribuínte. E é bo recordar que o destino concreto que a Igrexa fai dos fondos que proveñen da asignación é para fins ministeriais, caritativos, culturais, sociais, misioneiros e solidarios, que tanto contribúen ao ben común e que tanto aforran aos cidadáns coa multiplicidade de servizos que a Igrexa realiza. Servizos que son maioritariamente solicitados, que pola súa demanda son un constante referendo sobre a Igrexa Católica quen, para a realización dos seus servizos e accións solidarias, non distingue nin pide carnet de raza, nin cor, nin relixión nin estamento social. Miles e miles de persoas, con independencia da súa nacionalidade ou confesión relixiosa, inmigrantes, xitanos, familias desestruturadas, parados, etc. son testemuñas, nas miles de parroquias, congregacións, organizacións, fundacións e oficinas de Cáritas ou de Mans Unidas estendidas por toda España, da veracidade destes servizos e da calidade e o bo trato no exercicio da caridade e da solidariedade.

Parece razoable e laudable recoñecer que a fe en Deus segue exercendo un rol importante nas nosas sociedades modernas pluralistas, e nós, os crentes, debemos afirmalo sen temor porque somos os coidadores e gardiáns duns fundamentos culturais interrelacionados co transcendente e con cosmovisións antropolóxicas nas que o sagrado constitúe un punto permanente de referencia.

A razón de ser do servizo público é o ben común. Laudable a acollida razoablemente política dos inmigrantes. Desde o punto de vista evanxélico, impecable. Como cidadáns debemos esixir aos políticos que non fagan políticas partidistas en detrimento do ben común. O exercicio da política non debe exercerse nunca para manterse no poder. Iso é unha traizón evidente á confianza da cidadanía e a negación da honradez e da ética.

Como cristiáns, nestes momentos, a nosa xenerosidade, sensibilidade e responsabilidade esíxennos compromiso, superación de silencios improductivos, accións claras de compromiso socio-político cara aos máis pobres, defensa do medio ambiente, dunha educación para todos e dunha fe que se fai política, máis visible, máis testimonial e máis xenerosa. Marcar o X poida que sexa unha pinga no mar, pero é unha pequena boa acción para exercer tamén a política e o compromiso na vida pública.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: