Liberdade, progreso e transcendencia

De cando en vez rexorde o debate en torno ao lugar do relixioso no sociedade. Manifestacións sobre a privacidade do relixioso, os constantes intentos de apartar todo o que sexa manifestación relixiosa da vida pública, os ataques e ofensas frecuentes aos dogmas máis sagrados do cristianismo, o desprezo dalgúns cara á sagrada presenza da Igrexa no mundo da marxinalidade e a consideración da relixión como resto arcaico, son feitos innegables que as relixións e as Igrexas teñen que soportar con estoicismo e paciencia. Afírmase como evidente que as relixións son unha fase superada da historia humana, unha neurose infantil, un consolo para ignorantes e unha alienación da existencia real. Afirmacións claras coas que se quere dar a entender que crer non é razoable e que os crentes fomos privados da razón. Aquí temos, alambicada, a crítica moderna da relixión desde Feuerbach, Marx e Nietzsche ata Freud. Abundan fracasados e trasnoitados divulgadores e falsos intérpretes daqueles sabios pensadores.

Os gobernos van e veñen pero as persoas, que somos quen conformamos e constituímos as sociedades, permanecemos xeración tras xeración. Por iso as categorías fundamentais para pensar a sociedade e o lugar do fenómeno relixioso nela son a persoa e a liberdade. Negándose, non hai nin haberá nunca progreso. Elas sosteñen a cidadanía e a realidade transcendente do ser humano expresada de xeito positivo na realización relixiosa da existencia dentro da autonomía propia (laicidade positiva) ou reducíndoa exclusivamente á súa dimensión secular e temporal (laicismo destrutivo e negativo). Os dereitos dos cidadáns articúlanse na familia e nos grupos intermedios (institucións, asociacións, cabidos, confrarías, congregacións…). Neles exprésase e realizan as persoas quen a través desas articulacións, elixen e exercitan o seu destino fronte ao poder supremo do Estado, ante o cal o individuo illado é como gran invisible na engrenaxe xigante das superestruturas estatais. Desde o sentido común, os poderes deben recoñecer que hai logros definitivos na orde da liberdade, dos dereitos humanos, da ciencia e da conciencia, da moral, da ética de mínimos e máximos, detrás dos cales xa non se debería volver: ningunha política, relixión ou cultura poden negalos ou abrogalos. Ante as mareas de ambigüidades, complicidades e ocorrencias que queren atentar contra as estruturas da conciencia (a relixión non é unha fase da historia), é esencial definir e diferenciar Estado, sociedade e goberno. O primeiro somos os cidadáns quen expresamos de forma plural a nosa vontade, e a responsabilidade prioritaria dun goberno é o recoñecemento desa vontade da cidadanía. Observo, con frecuencia, pola realidade eclesial na que me toca vivir que unha tarefa pendente na nosa sociedade española é a necesaria clarificación entre ser cidadán e ser relixioso. A nosa sociedade é aínda maioritariamente católica tanto polo feito histórico do cristianismo como polo feito social e comunitario da cristiandade ou Igrexa. Crer ou non crer son dúas implantacións radicais e primarias da existencia humana que merecen respecto. Ningunha das dúas ten primacía ou plusvalía civil. Cando unha delas fai de xuíz que dicta á outra os seus deberes, exerce violencia persoal, social e institucional. Non é bo camiño cara á paz buscar sempre un culpable. Sería bo que quen se saben soamente fillos da razón ilustrada fagan tamén exame de conciencia.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Imaxe: Cathopic

Coroación pontificia da imaxe da Virxe do Corpiño

 O 24 de xuño de 2017 iniciábase no Santuario do Corpiño o Ano Santo Mariano que conclúe esta semana co seguinte programa:

23 de xuño

  • Durante todo o día: “Trae unha flor á Virxe” (as flores que acheguen os devotos colocaranse na imaxe da Virxe elaborada en madeira e de máis de 2 metros de altura).

  • Misas desde as 9h da mañá.

  • Misa Solemne ás 12h Cantada polo coro Nosa Señora do Corpiño.

  • Procesión e Ofrenda-baile á Virxe.

  • Pola tarde, Misa ás 6h.

  • Ás 11h da noite, Santa Misa á luz das candeas no exterior do Santuario e Procesión dos Fachos. Unha vez finalizada a Eucaristía farase a presentación do novo manto e saia que estreará a imaxe da Virxe o día da súa Coroación, realizarase a bendición tanto do manto como da saia, e seguidamente o autor explicará a súa obra.

  • Gran tirada de lumes artificiais.

24 de xuño

  • Misas desde as 9h da mañá

  • Ás 11:30h Procesión previa á Misa da Coroación e Gran Petalada.

  • Ás 12h Santa Misa Solemne de Coroación Pontificia da Benaventurada Virxe María do Corpiño, presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco e cantada pola Coral Polifónica do Casino do Carballiño, a Coral Polifónica Trasdeza de Silleda e a Coral Nosa Señora do Corpiño e acompañados da Banda de Música de Vilatuxe.

  • Procesión e Ofrenda-baile á Virxe.

  • Despedida da Benaventurada Virxe María do Corpiño Coroada.

  • Pola tarde, Misas ás 5 e 6h.

Poderá verse en directo a celebración da Coroación Pontificia da Virxe na páxina web do santuario.

Xornada de autoemprego organizada por Cáritas

Cáritas Diocesana de Lugo quere fomentar a cultura emprendedora. Por iso, a través do Programa de Emprego, organiza xornadas divulgativas que poidan favorecer o xurdimento de novas iniciativas. A próxima xornada terá lugar o día 22 de xuño de 10:30h. a 13:00h. no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo, Avda. Américas, 93-97.

Ese día xuño contarase con:

– Un técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que informará sobre os recursos dispoñibles para axudar á promoción e creación de empresas.

– Panel de experiencias, onde coñecer as historias de tres mulleres que un día decidiron dar o paso e emprender o seu propio proxecto profesional.

Para participar hai que inscribirse antes do 21 de xuño. Horario de atención: mércores e xoves de 10:00h a 14:00h.

O ourive Fernando Marmolejo presenta a coroa da imaxe da Virxe do Corpiño

O domingo 17 de xuño, a unha semana da Coroación Pontificia da Benaventurada Virxe María do Corpiño, estivo repleto de fregueses ao longo de toda a xornada. Durante toda a mañá chegaban autobuses de diversos lugares de Galicia: Laracha, A Coruña, Porto do Son, estes últimos, acompañados do seu sacerdote, D. Ramón, o cal presidiu a Eucaristía das 12 h. A tarde non foi menos concorrida; nesta ocasión a Santa Misa presidiuna o Vicario de pastoral da Diocese de Lugo Luis Manuel Rodríguez Pérez.

Ao finalizar, tivo lugar uno dos actos máis agardados: o mestre ourive sevillano Fernando Marmolejo explicou por medio de fotos e videos, o proceso de realización da coroa da imaxe da Virxe, o cal levou seis meses. Ao final tamén houbo un tempo para preguntas por parte dos presentes, que en varias ocasións emocionáronse e iso viuse reflectido en emotivos aplausos que fixeron saltar algunha bágoa ao ourive.

Nesta presentación o máis destacable foi a implicación por parte do autor da obra para realizar a coroa, reflectindo nela todo o que rodea á Virxe e ao Santuario do Corpiño, tanto física como devocionalmente, desde os carballos ata a Custodia da Diocese de Lugo; algo que para levar a cabo motivou varios desprazamentos a Galicia.

Asignación tributaria ou imposto?

Ata o 30 de xuño está aberto o prazo para a declaración da renda. Os cidadáns estamos chamados a contribuír cos nosos impostos na construción dunha sociedade e dun mundo mellor. De todo o que tributamos tan só podemos elixir o destino concreto dun 0,70% que, marcando simultáneamente o correspondente X nos cadros da Igrexa Católica e doutros fins de interese social, pode converterse no 1,40%. Mesmo hai iniciativas para unha nova opción, con fins científicos. Do outro diñeiro non se nos pregunta. Por iso é bo recordar que este sistema non é un imposto, senón unha asignación tributaria; un modo de exercer a liberdade e a cidadanía que é plenamente legal e constitucional, que non vai contra ninguén e si a favor de moitos millóns de persoas desfavorecidas e marxinadas.

A asignación tributaria é un acto de liberdade cidadá que non obriga a ninguén a sumarse a ela. No caso de que os cadros quedasen baleiros sería Facenda quen decidiría distribuír esa porcentaxe. Non é un novo imposto, como algúns pensan ou malpensan, xa que non grava nin desgrava un céntimo máis ao contribuínte. E é bo recordar que o destino concreto que a Igrexa fai dos fondos que proveñen da asignación é para fins ministeriais, caritativos, culturais, sociais, misioneiros e solidarios, que tanto contribúen ao ben común e que tanto aforran aos cidadáns coa multiplicidade de servizos que a Igrexa realiza. Servizos que son maioritariamente solicitados, que pola súa demanda son un constante referendo sobre a Igrexa Católica quen, para a realización dos seus servizos e accións solidarias, non distingue nin pide carnet de raza, nin cor, nin relixión nin estamento social. Miles e miles de persoas, con independencia da súa nacionalidade ou confesión relixiosa, inmigrantes, xitanos, familias desestruturadas, parados, etc. son testemuñas, nas miles de parroquias, congregacións, organizacións, fundacións e oficinas de Cáritas ou de Mans Unidas estendidas por toda España, da veracidade destes servizos e da calidade e o bo trato no exercicio da caridade e da solidariedade.

Parece razoable e laudable recoñecer que a fe en Deus segue exercendo un rol importante nas nosas sociedades modernas pluralistas, e nós, os crentes, debemos afirmalo sen temor porque somos os coidadores e gardiáns duns fundamentos culturais interrelacionados co transcendente e con cosmovisións antropolóxicas nas que o sagrado constitúe un punto permanente de referencia.

A razón de ser do servizo público é o ben común. Laudable a acollida razoablemente política dos inmigrantes. Desde o punto de vista evanxélico, impecable. Como cidadáns debemos esixir aos políticos que non fagan políticas partidistas en detrimento do ben común. O exercicio da política non debe exercerse nunca para manterse no poder. Iso é unha traizón evidente á confianza da cidadanía e a negación da honradez e da ética.

Como cristiáns, nestes momentos, a nosa xenerosidade, sensibilidade e responsabilidade esíxennos compromiso, superación de silencios improductivos, accións claras de compromiso socio-político cara aos máis pobres, defensa do medio ambiente, dunha educación para todos e dunha fe que se fai política, máis visible, máis testimonial e máis xenerosa. Marcar o X poida que sexa unha pinga no mar, pero é unha pequena boa acción para exercer tamén a política e o compromiso na vida pública.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: