Que podemos atopar na parroquia?

Dirán algúns que a pregunta non está ben formulada. É certo. O correcto sería preguntar a quen podemos atopar na parroquia? Se a pregunta fose así, a resposta tamén sería moi doada, polo menos na teoría: na parroquia poderemos atoparnos con Xesucristo.

Pero non é menos certo que a parroquia tamén pode dispoñer de medios que nos sirvan para atoparnos con Xesucristo, tal como foi a súa vontade, cando enviou aos seus apóstolos de dous en dous a anunciar o Evanxeo.

Na parroquia pódese participar da Eucaristía dominical coa que se celebra a resurrección de Xesucristo, que é o fundamento da nosa fe.

Na parroquia uno pódese formar formarnos na fe para coñecer mellor a Xesucristo e escoitar a súa Palabra.

Na parroquia poden recibirse os sacramentos de Xesucristo, signos sensibles e visibles que nos alcanzan a graza.

Na parroquia pódese atopar un espazo de silencio para a oración e a adoración  eucarística, especialmente os xoves despois da Misa.

Na parroquia pódese despedir cristianamente aos seres queridos, encomendándoos á  misericordia de Deus e rezar polo seu eterno descanso.

Na parroquia pódese atopar a unha comunidade de irmáns cos que compartir e celebrar a fe en Xesucristo resucitado.

Todo no que a parroquia se fai e vive é unha axuda valiosa para o noso encontro persoal con Cristo, de tal forma que El transforme a nosa vida ata darlle un sentido pleno e unha felicidade auténtica.

Pero, se se vai á parroquia con outra intención que non sexa a de atoparse con Xesucristo, a decepción e o aburrimento poden ser grandes. A parroquia tampouco é un lugar para facer feira ou para que me organicen un acto máis ou menos vistoso con ocasión da miña voda; ou para botarlle un pouco de auga pola cabeza a un pobre neno inocente e rir todos; ou a ocasión para ver cantos amigos me corresponden no funeral do noso familiar para quedar ben.

A parroquia é para outra cousa: é para que a nosa vida se atope coa de Cristo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Misioneiros presentes en Lugo con motivo da Xornada da Infancia Misioneira

Toda esta semana, previa á Xornada de Infancia Misioneira, que este ano se celebra o día 27 baixo o lema “Con Xesús, a Belén Que boa noticia!” dous misioneiros percorren distintos colexios e parroquias na Diocese de Lugo:

– Rolando Ruíz, misioneiro xaveriano. Nacido en México. Viviu 6 anos en Camerún e 9 anos no Chad. Desde hai 10 anos vive en España. O seu traballo é a animación misioneira que consiste en falar con nenos en colexios, con mozos en institutos e Universidades para contarlles o que fan os misioneiros e para axudarlles a descubrir que todos teñen un corazón misioneiro.

Cada verán acompaña a mozos para ir a Ceuta a un campo de inmigrantes. Tamén se achegaron até Tánxer, onde os mozos atópanse cunha realidade moito máis dura. “Este choque, de xente tan distinta e ao mesmo tempo tan parecida, reposiciona ao mozo de hoxe na situación de Xesús -explica o P. Rolando-. Pregúntanse: Que podo facer eu por este mundo? E no seu corazón queda sementado o amor polo outro”.

– Enrique Bayo, misioneiro comboniano. Nacido en Calatayud (Zaragoza) en 1966. Os seus primeiros votos foron en 1997. Estudou Teoloxía en Kinshasa (República Democrática do Congo) e xornalismo en España. Entre os anos 2006 e 2010 estivo na parroquia de Santa Ana en Isiro (República Democrática do Congo). E de 2010 a 2017 traballou no Centro de Animación Misioneira “Afriquespoir” en Kinshasa. Na actualidade está en Madrid facendo animación misioneira.

A partir do minuto 11 pode verse a intervención de Enrique Bayo falando sobre a Rep. D. do Congo.

Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns

Actúa sempre con toda xustiza” (Dt 16, 18-20) é o lema para a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns 2019 que se celebra do 18 ao 25 de xaneiro.

Durante esta semana convídase a reler os capítulos 12-16 de Deuteronomio, tema bíblico que crea unidade e promove concordia e reconciliación.

Con motivo da Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, na Diocese de Lugo teñen lugar os seguintes encontros ecuménicos:

Sábado 19, Vixilia de Oración, ás 20 h na Igrexa Ortodoxa (Casa Diocesana de Exercicios, na rúa Bispo Ona de Echave, 14 Lugo).

Domingo 20, Celebración Ecuménica ás 17: 30 h, na Igrexa Ortodoxa (Casa Diocesana de Exercicios).

Os actos están organizados pola Delegación de Apostolado Segrar, Boas Noticias e Igrexa Ortodoxa.

[Programa da Celebración Ecuménica]   [Materiais da Conferencia Episcopal]

A %d blogueros les gusta esto: