Orietur Stella

R. Fidalgo

Ouro, incenso e mirra. Abonda con saber  escudriñar debaixo das súas roupaxes míticas para decatarse de que tras o relato do Nacemento de Xesús agóchase unha verdade  teolóxica dunha radicalidad palpitante. A Epifanía é o momento da revelación, a  revelación de Deus que vén entre os homes para trastornalos, nunha inversión paradoxal do que debería de ser un nacemento real: fronte aos boatos da corte, a sinxeleza do  presebe; fronte á solemnidade das relixións civís pagás, coa súa apoteose e o seu culto imperial, a nudez da relación íntima con Deus; fronte ao particularismo hebraico, o universalismo da Igrexa das nacións representada polos Reis Magos.

Máis aínda: o simbolismo latente na historia do nacemento de Xesús vén reforzar ese paradoxo, expoñendo toda unha teoría sobre a relación entre o cristianismo e o poder.

Vexamos.

Os reis son cinco. Un é Herodes, imbuído de todos os atributos do forte, do poderoso;  Herodes o hábil, o astuto, o maquiavélico, o calculador, o político pertrechado tras as murallas de Xerusalén. O outro é o que é chamado o Rei dos xudeus, o Mesías, que acaba de ver a luz. Un neno inerme, fráxil na súa humanidade, rexeitado na pousada antes mesmo de nacer. O desafío consiste en elixir entre un dos dous, algo verdadeiramente actual. O rei poderoso ou o rei débil.

A posición de Melchor, Gaspar e Baltasar marca neste sentido o camiño que os crentes debemos seguir: o de quen o deixa todo para seguir a chamada dunha estrela. Os Reis Magos abandonan os seus palacios, os seus tronos e os seus reinos, trocando a magnificencia oriental polos azares da viaxe ata chegar a Belén e prosternarse ante o verdadeiro rei do mundo nun acto de humildade. Esta idea vén reforzada polo feito de que os primeiros en ser chamados á Adoración non só foron os reis, senón tamén os pastores, isto é, os dous extremos da escala social. Curiosamente, levando ao extremo o paradoxo, un parentesco misterioso úneos: os Reis Magos eran sabios, os pastores que velaban preto de Belén probablemente fosen iletrados e pobres de espírito. Os Reis viron á estrela porque eran astrónomos. Os pastores viron ao anxo porque eran humildes. O nacemento de Xesús é, politicamente falando, unha inversión total dos valores: o alto convértese no baixo e o baixo no alto, igualando á humanidade ante Deus sen negar por iso as súas diferenzas. O mito informa ao  logos, o logos ao mito, enlazando así o un e o múltiple.

A Epifanía implica o recoñecemento dun paradoxo, postulando unha saída racional á  irracionalidade do poder con toda a súa carga de arbitrariedade.

A primeira palabra de Deus feita carne, é dada no pranto dun neno recén nado. O reino de Deus empeza nun presebe.

Seica pode haber algo máis marabilloso que iso?

O catolicismo é a relixión das contradicións aparentes.

R.Fidalgo, publicista Diocese de Lugo.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: