Domingo da Palabra

O Papa Francisco, tras recibir numerosas peticións de particulares e asociacións vinculadas á pastoral bíblica, instituíu o Domingo da Palabra de Deus. O obxectivo principal desta nova celebración é estimular aos crentes a comprender a riqueza inesgotable que provén do diálogo permanente de Deus con todos os seres humanos, posto de manifesto particularmente no desenvolvemento progresivo da historia de salvación vivenciada polo pobo elixido e testemuñada nas Sagradas Escrituras.

A Sagrada Escritura realiza a súa función profética sobre todo en quen a escoita. Impúlsanos a compartila con quen atopamos na vida; comprobamos o difícil que é para nós vivila de maneira coherente.

Outra interpelación da Sagrada Escritura refírese á caridade. Escoitar a Escritura é practicar a misericordia, ábrenos os ollos para saír do noso individualismo e maniféstanos o camiño do compartir e da solidariedade.

Trátase de que o domingo dedicado á Palabra faga crecer no pobo de Deus a familiaridade relixiosa e asidua coa Sagrada Escritura.

[Subsidio litúrxico]

Celebracións ecuménicas

Por oitavo ano consecutivo as Igrexas Ortodoxa, Evanxélica e Católica da cidade de Lugo compartirán unha CELEBRACIÓN ECUMÉNICA. Será o domingo, día 26, ás 17.30 h na igrexa de San Francisco Xavier de Lugo. A continuación, convídasea os participantes a compartir un ágape no Salón Parroquial.

O sábado, 25, a parroquia da Estación de Monforte celebra tamén un acto ecuménico ás 19 h.

Estes encontros organízanse con motivo da Semana de Oración  pola Unidade dos Cristiáns, cuxo lema fai referencia a un episodio da vida de san Paulo cando vai de Palestina a Roma porque apelara ao tribunal do César. Ía con algúns prisioneiros máis, custodiado por soldados. A nave naufraga e son socorridos en Malta con verdadeira humanidade polos nativos da illa. No libro dos Feitos (28, 2) coméntase: «Os insulares mostráronnos unha humanidade pouco común». Un relato de gran actualidade polas travesías dos emigrantes e refuxiados en busca de porto seguro no Mediterráneo.

Festa de San Tomé de Aquino

O venres 24 de xaneiro o Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso celebran a festa de San Tomé de Aquino, co seguinte programa:

Ás 12 h na Capela Maior: Eucaristía presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco

Ás 13 h na Aula Magna o profesor do Instituto Teolóxico Compostelán Andrés Fernández Farto pronunciará a conferencia titulada “La aportación de los Padres de la Iglesia a la construcción cultural y espiritual de Europa”.

Festival da Infancia Misioneira

O venres, 24 de xaneiro, os nenos de Lugo participarán nunha xincana para reflexionar sobre a migración e a multiculturalidade

 A mediados de xaneiro celébrase a campaña da Infancia Misioneira, que este ano ten como lema: “Con Xesús a Exipto, en marcha!”. No seu momento a Sagrada Familia tivera que fuxir a Exipto. Baseándose neste tema, a Delegación de Misións organiza o venres, 24 de xaneiro a partir das 17.15 h no colexio María Auxiliadora de Lugo, un festival infantil no que os nenos, a través dunha xincana descubrirán a cultura exipcia e tratarán temas como as migracións, a multiculturalidade e todos aqueles retos aos que se enfrontan quen teñen que abandonar as súas casas e comezar de novo noutro país e ter que vivir no medio dunha cultura estranxeira.

Tamén como parte desta campaña, o misioneiro comboniano, Rafael Pérez, está a percorrer colexios e parroquias da Diocese no seu labor de sensibilización misioneira compartindo cos nenos as súas vivencias en distintos países de misión. O misioneiro Rafael Pérez, natural de Valencia, estivo en Togo e Sudáfrica; posteriormente en Centroamérica, en Guatemala e Costa Rica. Na actualidade presta os seus servizos no campo da inmigración en Granada. Está no proxecto de acollida, acompañamento, formación e inserción social dos inmigrantes que chegan á fronteira sur española.

Mesa redonda sobre a Palabra de Deus

O luns día 20, con motivo do Domingo da Palabra convocado polo Papa para o 3º domingo do tempo ordinario, tivo lugar un encontro no Seminario co tema “A fontalidade da Palabra de Deus”.

O párroco de San Francisco Xavier, Jesús Fernández Aira, foi o primeiro en intervir, e sinalou que a Palabra é fonte na vida eclesial cotiá, na catequese, na vida dos laicos, na oración (lectura orante da Palabra de Deus), no compromiso no mundo e na cultura.

A continuación, o Delegado de Misións, Jesús Manuel Santiago Vázquez, falou da tradución da Biblia, algo que está feito na actualidade a 430 idiomas (a 1144 linguas no caso do Novo Testamento). E presentou o labor dos relixiosos ao longo da historia, destacando a San Cirilo e San Metodio (linguas eslavas), os xesuítas (linguas de Asia), os misioneiros en América (traducindo a Biblia ao nahuatl) e en África (ao suahili).

Finalmente o comboniano José Rafael Pérez deu a súa visión do tema: a Igrexa nace da Palabra e da Igrexa xorde a misión. Á súa vez, na actividade misioneira resulta central a Palabra de Deus, e non se pode entender unha sen a outra. Para Rafael Pérez o mellor misioneiro non é o que ten máis coñecementos ou máis rectitude, senón aquel que viviu a experiencia do encontro co Amado e desde a verdade que hai na Palabra, transforma a súa vida.

Foi un acto organizado pola Delegación de Misións e o Movemento Bíblico.

[Subsidio para a celebración do III domingo do tempo ordinario]

[Subsidio para la celebración del III domingo del tiempo ordinario]

A %d blogueros les gusta esto: