Investigacións sobre a Catedral de Lugo nun Congreso na Universidade Complutense de Madrid

O 15 de abril presentáronse no Salón de Actos da Universidade Complutense de Madrid dúas investigacións inéditas sobre a Catedral de Lugo.

Dentro do Congreso Internacional “Usos e Costumes nas Catedrais Hispanas até 1700” presentouse unha investigación sobre a evolución do culto á Nosa Señora dos Ollos Grandes durante a Idade Moderna, realizada por José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López (na imaxe). Por outra banda tamén se presentou unha investigación sobre os enterros dos Bispos na Catedral de Lugo, realizada por Marcos G. Calles Lombao.

O congreso celebrarase até o vindeiro 17 de abril e supón un punto de encontro de investigadores vinculados ás catedrais de España.

Estes traballos sairán publicados nunhas actas proximamente.

Fonte: facebook.com/catedrallugo

Actividade de interpretación do patrimonio na Catedral

O sábado 17 de xuño, na Catedral de Lugo desde as 10 h até as 14 h, organízase unha procura de iconografía eucarística. As persoas que desexen participar nesta actividade recibirán un documento no que se lles propón buscar e atopar seis imaxes vinculadas ao Santísimo Sacramento que están na Catedral como, por exemplo, a custodia de Diego Castejón y Fonseca, a primeira custodia onde estivo exposto o Santísimo Sacramento ou ese primeiro lugar onde estaba exposto o Santísimo no antigo retablo da Capela Maior.

A idea principal desta actividade é que os visitantes tomen conciencia da tradición eucarística lucense, nunha data tan destacada como é a previa á Ofrenda do Reino de Galicia (celebrarase o domingo, 18 de xuño, ás 11 h). Todo na Catedral de Lugo fálanos do Santísimo Sacramento e do seu culto, e isto vese reflectido, tamén, nos distintos soportes da arte.

A Catedral e o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo culminan así as actividades de interpretación do patrimonio vinculadas ao Corpus Christi

Celebracións de Nadal na Catedral

  • 22 de decembro ás 21 h: inauguración do belén da Catedral. Actúa o Orfeón Lucense
  • 24 de decembro ás 24 h: Misa de Medianoite. Preside o Sr. Bispo. 
  • 25 de decembro ás 13 h: Eucaristía de Nadal. Preside o Sr. Bispo. Intervén o Orfeón Lucense
  • 26 de decembro ás 20 h Santa Misa. Cóntase co Coro do Hospital
  • 30 de decembro ás 20 h  Santa Misa e concerto do Orfeón Lucense
  • 31 de decembro ás 20 h  Te Deum
  • 1 de xaneiro ás 13 h  Misa da solemnidade de Santa María, Nai de Deus. Preside o Sr. Bispo
  • 6 de xaneiro ás 13 h  Misa da solemnidade da Epifanía do Señor. Preside o Sr. Bispo

O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia actúa na Catedral

O venres 9 de decembro ás 20:30 h actuará na Catedral de Lugo o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixido por Javier Fajardo Pérez-Sindín. O programa chámase ‘Son imprescindibles’, e mostrará parte da música coral galega máis representativa dos últimos 125 anos. Inclúese a Misa solemne na honra ao Apóstolo Santiago composta por Xoán Montes. Na segunda parte do concerto, o coro cantará obras de compositores como Joam Trillo, Margarita Viso ou Fernando Buide.

Reliquias do beato José Gregorio Hernández na Catedral

O 4 de decembro, a Catedral de Lugo acolleu as reliquias de primeiro grao do beato José Gregorio Hernández. Tras unha procesión desde o pazo episcopal ata a Catedral, Mons. Alfonso Carrasco presidiu a Eucaristía solemne. Na homilía sinalou as ensinanzas principais de José Gregorio: 1) ante as dificultades da vida, confiar no cumprimento das promesas do Señor; 2) gardar memoria da historia: José Gregorio é un símbolo da historia e da memoria dos venezolanos; 3) Deus xera nos nosos corazóns, como fixo no de José Gregorio, unha fonte de vida que fai posible a caridade verdadeira, a axuda ao próximo.

A %d blogueros les gusta esto: