Tras as pegadas do Mesías

O Antigo Testamento estaba cheo de esperanzadoras promesas, que xa están cumpridas. O amor pide presenza. Deus, que é amor sen medida, éncheo todo coa súa inmensa grandeza. Contémplao todo con eterna sabedoría. Diríxeo todo con divina providencia e perdóao todo con cordial misericordia.

Da presenza de Deus están cheos os ceos e tamén o están os espazos terrestres. Pero desde o primeiro Nadal, a súa proximidade intensificouse. Agora Deus vive no medio do seu pobo. É un de nós e busca que nós nos parezamos a el. Dúas cousas pretendeu Xesús coa súa encarnación: redimirnos e exemplarizarnos. Para redimirnos abondáballe pór a planta dos seus pés na nosa terra, pero para darnos exemplo, quixo percorrer os nosos carreiros, deixándonos as súas pegadas no camiño, a fin de que, seguíndoas, cheguemos á meta sen tropezos nin desviacións.

A vida é un camiño e nós uns peregrinos empuxados polas horas e orientados polo que Xesús ensinou e testemuñou. O camiño está perfectamente sinalizado. Isto garántenos o noso acceso á meta, pero implica o compromiso de que tamén os cristiáns deixemos pegadas co noso cotián vivir, como o fixo o Mesías. Os seus pasos deixáronse sentir. Imposible borrar as pegadas do seu camiñar. O impacto do seu testemuño non se podía esquecer. A súa presenza garantía pan ao famento, mobilidade ao paralítico, acollida amorosa ao pródigo… e este singular comportamento daba prestixio á súa persoa e credibilidade á súa doutrina. Á luz do que ensinaba, os inimigos fuxían derrotados e ao redor da súa persoa, aliñábanse miles de discípulos. O talante deste singular sementador asombraba aos seus contemporáneos. A valoración das pegadas de Xesús lémbranola o Papa Francisco na convocatoria do Sínodo dos Bispos, para que todos xuntos, xerarquía e fieis, fagámolas nosas no noso diario vivir e sirvan de “vieiras“ aos nosos irmáns no seu camiñar por sendeiros de fe e de fraternidade.

O Pontífice sinálanos que tres son os fitos do Sínodo: ENCONTRO, ESCOITA e DISCERNIMENTO. Así o fixo o Señor. VEU á terra e púxose a camiñar ao noso carón, interesándose polos nosos problemas. Foi un encontro sanante: pregunta, non por curiosidade persoal, senón para poder diagnosticar as nosas deficiencias e porlles remedio. Xesús ten claro que a súa vocación é redentora, e vívea con cordial responsabilidade.

Este comportamento de Xesús é a primeira “vieira” que nos indica o camiño para atoparnos co divino sanante. A tal encontro chámaselle vida interior, vida de piedade, vida de intimidade con Deus. Coidemos as nosas relacións con el, xa que esta é a primeira intencionalidade sinodal.

A segunda “vieira” é a ESCOITA para coñecer as doenzas que padece a Igrexa nestes momentos, e sometela a un tratamento renovador. Oímos moitas denuncias contra a autenticidade ministerial das autoridades eclesiásticas; contra a metodoloxía pastoral, pero non abonda con oír, é necesario escoitar. Oír serve para informar. Só o escoitar pódenos mover a poñer remedio. Escoitemos ao Espírito, para que nos diga o que debemos achegar á Igrexa nestes momentos, e escoitemos aos cristiáns do montón, para ver o que necesitan, e prestémoslles a nosa axuda con toda xenerosidade.

Do encontro e da escoita, xorde a terceira “vieira” sinodal: o DISCERNIMENTO. Eles ilumínannos para que o Sínodo sexa un acontecemento de graza, que libere á Igrexa de toda prepotencia mundana e a nós fáganos ver que os modelos pastorais repetitivos en que nos movemos non son os mellores para dar á sociedade o talante cristián que necesita.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: