O silencio

jose-maria-rojo
José María Rojo

O silencio é o que máis nos custa aceptar, malia tantas experiencias como temos na vida:

-Moitos vivimos no campo e sabemos a profundidade de reflexión dos campesiños que pasaron longas horas en contacto coa natureza, observando todo, aguzando o oído, diferenciando cores, sons, tonalidades…

-Como comunicadores frecuentemente rebelámonos contra pedantes entrevistadores que non deixan falar ao entrevistado e só se escoitan a si mesmos.

-Cantas veces quixemos levantarnos a media homilía porque o sacerdote fala e fala e fala e non comunica nada.

-A dobre imaxe máis frecuente hoxe no transporte é: ou cos parlantes ben colocados e abstraídos do que pasa ao redor dun ou coas mans aloucadas sobre o teléfono unha e outra vez porque a maioría non aguanta o silencio…

E iso malia que sabemos moi ben que Deus deunos dous oídos para escoitar moito e unha soa boca para falar pouco…

Ben fai o Papa en acentuar a importancia do silencio en todo tipo de comunicación, en remarcar que o silencio é parte integrante da comunicación e sen el non existen palabras con densidade de contido.

E, xunto ao silencio, a palabra; precisa e oportuna, iso si. Temos ese gran don, esa marabillosa calidade que non podemos malgastar. Poida que sexa suficiente dicir que a comida estivo boa pero se merece o cualificativo de sabrosa ou deliciosa, entendemos outra cousa… Por iso en quechua para dicir “Santo, santo, santo…” elixiron a palabra “sumaq”, que non só é bo senón rico e ata sabroso… porque a Palabra de Deus non se “sabe” senón que se “saborea”; a Deus non só o coñecemos coa intelixencia senón co corazón e, como di o biblista Carlos Mesters, cos pés, é dicir, camiñando tras de el, seguíndoo.

Pero ben sabemos que en comunicación non podemos falar só de palabra; sería moi frío: de novo co Papa, é necesario crear un ambiente propicio, case unha especie de “ecosistema que saiba equilibrar silencio, palabra, imaxes e sons”. Un belo exemplo diso témolo na película La Misión: o aproveitamento ao máximo de todos os elementos da vida cotiá da comunidade, sazonado coa música, producía o clima máis axeitado para a comunicación da mensaxe de salvación e liberación dos guaranís, para que a palabra (e a Palabra) cobrasen densidade. Pola contra, o “adoutrinamento” machacón que frecuentemente caracterizou as prédicas e as catequeses produciu o efecto contrario.

Nunca como agora fomos bombardeados con mensaxes e informacións; nunca como agora vivimos -con frecuencia- máis incomunicados. Necesitamos subir cada vez un pouco máis os auriculares para gritar máis e escoitar menos. Poida que teña razón a miña técnica en audifonía: os defectos que antes aparecían nos oídos aos 65 anos xa están aparecendo aos 50. Se seguimos baixando… Claro que, ás veces é preferible non oír para non ter que escoitar a cantidade de estupideces que nos ofrecen os medios, entre outras…

José María Rojo

[Ver artigo orixinal en castelán]

 José María Rojo estará en Lugo o 17 de outubro ás 20h no salón de actos do Seminario para falar da misión nas grandes urbes latinoamericanas.

Deixa un comentario

%d bloggers like this: