A soidade habitada

Case coincidindo coa celebración da Coresma cristiá, no Reino Unido o goberno anuncia a creación dun Ministerio da Soidade. É dicir, fixeron da soidade, cuestión de Estado. As persoas máis fráxiles, segundo estudos recentes, os anciáns, nenos e novos, recoñecen sentirse sos. Esta soidade non buscada, non desexada, non elixida explícitamente, xera graves enfermidades e acaba destruíndo ás persoas. Os síntomas: problemas de inestabilidade psicolóxica, de afectividade, tristeza, depresión e, desgraciadamente, ao final do camiño, moitos casos acaban na falta de sentido da existencia e no suicidio. É o destino de moitas persoas que viven no mal chamado “Estado do benestar” capaz de xerar tanto malestar que, deixándose levar por un egoísmo xenético e destrutor, constrúe castelos na area. A construción de grandes edificios sociais ancorados no capital, tarde ou cedo, caen como a torre de Babel. As construcións que se fan sobre o orgullo, o endeusamento do poder e o esquecemento dos máis débiles e marxinados non poden subsistir.

Cando, noutro tempo Emilio José cantaba á soidade elixida, referíase a ela como “unha criatura primorosa que non sabe que é fermosa”. É verdade que hai un silencio sonoro e unha soidade habitada. Hai, aínda na nosa cultura, residuos de desexos de infinitude que buscan un tempo para a soidade, o silencio, a espiritualidade e a interioridade. Iso é precisamente o tempo que agora acabamos de inaugurar nas culturas cristiás: a Coresma. Estamos no tempo. Despois do entroido vén sempre a Coresma. Ela, co seu nome feminino refírese a unha historia moi antiga. Unha fermosa historia descrita fermosamente no Éxodo. Unha historia sempre actual, nosa propia historia, que en forma de canto á liberdade, recorda o paso do pobo de Israel, guiados por Moisés, da escravitude do poder dos Faraóns en Exipto, o paso do mar Vermello e o camiño polo deserto durante corenta anos cara á Terra Prometida. No deserto das tentacións, o pobo superou, entre outras, a gran tentación do orgullo e da idolatría. No deserto das tentacións, Xesús durante corenta días e corenta noites superou as probas típicas do ser humano rexeitando as ofertas pecaminosas do inimigo.

Benvenida sexa a Coresma coa súa chamada á conversión, ao sosego do deserto, á soidade habitada, ao silencio sonoro. Vivimos nun primeiro mundo altamente ruidoso, impermeable á espiritualidade, alérxico á austeridade e fácil para a exterioridade.

O teólogo Olegario G. de Cardedal, nunha recente obra sobre Xesucristo, subtitulada “Soidade e compañía”, afirma que: “é unha sorprendente lei da historia que quen máis soidade soportaron, máis compañía suscitaron; que quen máis penetraron na noite, máis souberon da luz do día; que quen máis silencio cultivaron, máis palabras vivas tiveron”. Por iso, os grandes pensadores afirmaron que, en certo xeito, o crecemento en humanidade é proporcional ao crecemento da interioridade. É que resulta moi difícil a solidariedade e a santidade, sen a soidade buscada no encontro persoal do Deus que nos amou primeiro e que nos ansía orantes. Deste xeito, o oculto preséntasenos como expresión do deixar facer a Deus. Velaiquí tres propostas propias da Coresma: A oración que nos abre á vontade de Deus, a esmola que nos abre á gratuidade e o xaxún que nos axuda a recoñecer a nosa verdadeira condición de esmoleiros.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: