A “última comuñón”

ultima comuñón

Estamos en época de primeiras comuñóns, pero eu titulei a reflexión de hoxe así: A “última comuñón”. Pensarán que estou un pouco tolo ou que son demasiado pesimista. Quizais debería estar moi contento ao ver como segue habendo nenos que queren ser amigos de Xesucristo, pero non estou tan seguro. Cóntolles.

Fai máis ou menos un mes, fun celebrar unha eucaristía á capela das Irmás da Cruz na que un neno recibía a primeira comuñón. Aquel día impresionoume un canto das Irmás do que non recordo a letra, no que se repetía con frecuencia un estribillo: “O día da miña Primeira Comuñón”. Foi unha celebración sinxela, con poucos invitados, pero que todos vivimos con moita emoción. Notábase especialmente a presenza de Deus. Podo dicir que foi como un “monte Tabor”. Pero do monte Tabor hai que baixar. Con frecuencia a realidade é dura e descóbrenos a mentira na que vivimos: cantas veces a primeira comuñón é máis ben a “última comuñón” ou a “única comuñón”!

Sospeito que hai nenos que asisten a misa por primeira vez o día da súa primeira comuñón. Se é así, é doado ver que o que fixeron os seus pais con estes nenos foi, máis ben, “a primeira, a única e a última comuñón”. Se nunca viñeron antes, tampouco volverán despois.

Sei de compañeiros que explican con insistencia ás familias a importancia de que os nenos que van a catequese tamén asistan á misa dominical cos seus pais. Estes mesmos compañeiros e algúns catequistas tamén me contan como observan moitas veces que algúns pais levan aos seus fillos a misa e eles esperan fóra. Hai parroquias que programan a catequese xusto antes ou logo da misa para obrigar aos nenos que vaian á eucaristía dominical. Pero xa sabemos, as cousas á forza adoitan funcionar mal e queda todo nun cumpri-mento”.

Falo das comuñóns, pero pódese dicir o mesmo das vodas, confirmacións, bautizos, funerais, ou as mesmas festas e romarías que tanto abundan agora no verán.

Cunha comida unha vez na vida ou no ano, non sobrevivimos. Querer vivir a fe cunha soa misa ao ano ou cada dous anos é bastante complicado. Máis ben, é unha perda de tempo. Se imos á Igrexa para “comer” unha vez na vida ou no ano, é preferible buscar outro “restaurante” onde dean algo distinto, a ver se nos satisfai máis.

Non vou ser eu o que poña couto á graza de Deus nos sacramentos e fóra deles. Só comparto convosco os sentimentos que teño, especialmente nesta época do ano. Prodúceme moita pena que non saibamos aproveitar mellor todo o que Deus nos ofrece: uns sacramentos que nos traen a súa graza, o sentido da vida e da morte que nos dá a fe, unha comunidade de irmáns cos que camiñar unidos cara a Xesucristo, etc.

Cónstame que a primeira comuñón que celebrei nas Irmás da Cruz, e algunhas outras, non foron as últimas. Doutras moitas que fixen estes últimos anos, teño que dubidar. Laméntoo.

Se só temos en conta a opinión pública e o que din algúns medios de comunicación (bastantes) sobre a Igrexa e os bispos, nunca nos achegaremos á Igrexa, ou farémolo unicamente para celebrar de eventos sociais. Neste caso, como noutros moitos da vida, non podemos fiarnos só do que oímos. É necesario coñecer as cousas desde dentro. Asegúrolles que desde a proximidade todo é visto doutra forma e aproveitaranos moito máis. Unha vida á beira de Deus dun modo sincero e sen dobres intencións cambia sustancialmente en todos os sentidos. Supoño que moitos dos que estades lendo isto dádesme a razón. E aos que non ma dades, invítovos a probar e despois xa me contaredes.

Fai uns días faláballes da “BBC” e dos sacramentos convertidos en eventos sociais. Debíase, en parte, a isto que hoxe lles contei. Naquela ocasión pedíavos perdón pola ironía. Hoxe pídovolo polo pesimismo. No entanto, espero estar equivocado. Sería unha gran noticia.

Boa semana a todos e un recordo especial aos que pronto ides comezar as vacacións.

Miguel Ángel Álvarez

Parroquia-e. Hoja Parroquial de San Froilán de Lugo, nº 104

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: