Acender unha candea

Quen non acendeu algunha vez unha candea? Non me refiro ás que se acenden nunha noite de apagamento, falo dunha candea acesa nunha igrexa ou capela.

Os motivos polos que se acende unha candea poden ser moi diversos, pero case todos eles teñen unha connotación relixiosa ou fan algunha referencia ao transcendente.

Cando visitamos un templo é frecuente que nos atopemos con lampadarios de moi variadas formas nos que se pode acender unha candea. Hainas de moitas clases, tamaños e materiais. O formato máis coñecido é o cirio vermello. Pero tamén hai lampadarios eléctricos, con candeas de led que imitan ás auténticas, e até os hai virtuais que nos permiten acender unha candea nunha páxina da internet. Mesmo existe a posibilidade de acender unha lampadiña a través do móbil. E xa non falamos das máquinas expendedoras de cirios, semellantes ás dos refrescos, que se atopan en moitos santuarios.

Cando dalgunha cousa hai tanta oferta é porque hai moita demanda. Nun mundo secularizado estraña que sigan proliferando e aparecendo novas formas de acender unha candea nos lugares de culto. Nas miñas parroquias baixou o número de persoas que comulgan, polo que tiven que dicirlles ás relixiosas que me envían as partículas que reducisen o envío mensual. Pero o que non descende, senón que aumenta, é o consumo de candeas.

Observo como algunhas persoas no medio da misa acórdanse de acender unha candea e levántanse sen ningún tipo de rubor, aínda que sexa no medio da consagración. E, se queremos que unha celebración teña éxito o mellor é entregar a cada participante unha candea acesa, e evitar posibles pelexas por non quedar sen unha.

Vendo este panorama posiblemente esteamos a facer algo mal. Por suposto que está ben acender unha candea, pero temos que saber por que o facemos.

Na Sagrada Escritura é doado ver como se fai referencia a Xesucristo como «a luz de mundo». Certamente esta imaxe define perfectamente a Xesús e á súa misión: O sol é o que mantén con vida o noso planeta e, do mesmo xeito, Xesús vén darnos vida iluminando as tebras que provocan o pecado e a morte. Por iso un dos símbolos que temos de Cristo resucitado é o Cirio Pascual, unha candea moito máis grande do habitual, que estreamos cada ano a noite da vixilia pascual e que simboliza a Cristo resucitado e a nosa fe nel, que debe estar viva como a chama dese cirio. Recoméndolles ler con tranquilidade o pregón que se fai a noite pascua á luz do Cirio Pascual.

Chegados a este punto, o sentido de acender unha candea creo que xa pode estar claro. As pequenas candeas que acendemos son unha copia do Cirio Pascual. Facémolo para que Cristo nos ilumine nese problema especial que estamos a padecer. Outras veces, a ofrenda dun cirio farémola polas necesidades dos demais, especialmente dos que están preto de nós.

Unha última cousa. Un cirio vermello aceso á beira do sagrario en calquera lugar de culto indícanos a presenza de Xesús Sacramentado dentro. Se é así, toca saúdo con xenuflexión, pois o Señor está en casa.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: