O inmundo

Hai uns días. Oito de decembro. Solemnidade da Inmaculada. Festa nacional vinculada á tradición católica. Patroa de España. Os sacerdotes españois teñen o privilexio de vestir casulla azul celeste, cor inmaculista, na celebración da Eucaristía.

Habituados a certas expresións e celebracións (a solemnidade da Inmaculada) paréceme pedagóxico titular este artigo polo seu oposto. O sucio, o inmundo, é o antónimo do inmaculado e, por antonomasia, da Inmaculada Concepción da Santísima Virxe María: a impoluta, a limpa, a intachable, a impecable, a pulcra. Cualificativos que habitualmente utilizamos para resaltar a beleza e a limpeza interior. A este respecto, pensadores actuais refírense a actuacións éticas asignadas á esfera do público coa nostalxia propia dunha praxe política onde parece que xa non existe a virtude. E o peor é que se intúe pero nin sequera é desexado. Xa case ninguén fala de virtudes, senón de valores (sen entrar en debates, afirmo que os valores sen virtudes deixan de ser principios básicos que poidan rexer a existencia humana). As virtudes, é dicir, as teologais e cardinais: a fe, a esperanza, a caridade, a prudencia, a xustiza, a fortaleza e a temperanza parecen ocupar espazos nos faiados de antigos edificios en decadencia e necesitados de urxente reconstrución. Gran erro.

Que quere dicir que algo é inmundo? A nosa intuición cotiá remítenos á orde do sucio, o repugnante. O termo latino inmundus aparece na Biblia para designar literalmente o que é impuro ceremonialmente, “o que está sucio ou o que é feo”. Resáltase así tamén, por contraste, o significado fondo e actual da Inmaculada, da figura de Maria na historia da humanidade e a súa achega para o futuro.

Algúns datos significativos respecto da figura de María: Ela é o rostro materno de Deus. É o que Deus pretende e elixiu para si mesmo do feminino. É a Gran Nai, a Theotokos (Nai De Deus) dogma acollido con gran entusiasmo no pobo cristián. Organizouse en Éfeso unha gran manifestación grandiosa, con fachos, para proclamar este dogma arraigado na alma popular. Miles de voces cantaban o nome de Maria, Nai de Deus. Pero non sucedeu soamente en Éfeso. Ante a figura de María, tamén se desbordou a piedade tradicional do pobo español. Foi España quen máis impulsou o dogma da Inmaculada Concepción, mesmo ante a oposición dalgúns teólogos e santos. A devoción filial a María, enraizada en todo o que a nai significou en moitas culturas, chegou mesmo a esaxeracións, pero no fondo da gran devoción latexa o feito de que nunha pobre gruta aconteceu o máis transcendente da nosa historia: unha sinxela muller de Nazaret dixo si a Deus e o Verbo fíxose carne. E habitou entre nós.  Ela foi ditosa porque creu.

Se se considera a María como expresión suprema do feminino, como o contrapunto da inmundicia e da corrupción, como o modelo da transparencia e da pureza, por que non podemos afirmar que aquela pobre de Nazaret, que con tanto gozo cantou o Magníficat, é o noso modelo de integridade, interioridade e fe?

Convido a contemplar algunhas das fermosas imaxes da Inmaculada na nosa Catedral de Lugo: en pintura, fermoso cadro anónimo do século XVII, na Sala Capitular. Na capela de San Xoán Bautista, coroando o retablo, unha bela imaxe da Inmaculada. O noso Seminario Menor tamén está dedicado á Inmaculada. Parabéns a todos os que aspiran a encarnar nas súas vidas o decoro, a beleza, a verdade e o ben.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: