Advento, oferta de graza

A graza é o don máis prezado de Deus ao home. É o sol de vida. Sen o sol, o día faise noite. Sen a graza, a vida faise morte. Os cristiáns que perderon a graza santificante son cadáveres ambulantes. Así se comportou o Señor connosco. Primeiro foi o bico de Deus; despois, a maldade dos homes. Cando nacemos, hai en nós máis graza que pecado. Coa graza podémolo todo. “Abóndache a miña graza” díxolle o Señor a S. Paulo.

Con todo, tamén o pecado ten forza sedutora. Por cada promesa de felicidade, esíxeche un anaco de liberdade, até facerche escravo. Pero o pecado non é invencible. Deus vén na nosa axuda: “Estou á porta e chamo”.

O Advento, que acabamos de estrear, lémbranos que o Señor quere regalarnos os seus dons. Abrámoslle o noso corazón, agora que chama á nosa porta.

Aproveitemos a ocasión. Non deixemos para mañá a ofrenda de graza que Xesús fai hoxe. El gusta das respostas inmediatas: “Zaqueo, baixa decontado….”, e a salvación entrou na casa de Zaqueo.

Tamén entrará na nosa, se escoitamos a súa chamada e aceptamos a súa oferta.

As crises están á vista, pero a oferta do Señor permanece. Pois, contra crise, esperanza.

Crise é carencia, é desánimo, é frustración.

Crise económica é carencia de recursos.

Crise laboral é falta de postos de traballo.

Crise cultural é absentismo escolar.

Crise familiar é tensión entre pais e fillos.

Crise….no fogar é baleiro total.

Tamén abunda crise espiritual.

Crise de fe: só a experiencia empírica é fonte de coñecemento.

Crise de moral: só o grato é norma de comportamento.

Crise de piedade: non conta o relixioso.

Crise de valores espirituais: só o contable é noticiable.

Pois contra crise, esperanza.

Sen esperanza, o mesmo amor, a familia, a amizade, etc., non son máis que un cúmulo de preocupacións e de constante dor.

A esperanza é o mellor antídoto contra todo tipo de frustración.

Con esperanza supérase todo.

Pois, o prato da esperanza está servido na mesa da liturxia de Advento. Comamos deste manxar, e a nosa esperanza converterase na realidade prometida.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: