Advento, oferta de graza

A graza é o don máis prezado de Deus ao home. É o sol da vida. Sen o sol, o día faise noite. Sen a graza, a vida faise morte. Os cristiáns que perderon a graza santificante, son cadáveres ambulantes.

Así se comportou o Señor connosco. Primeiro foi o bico de Deus, despois, a maldade dos homes. Cando nacemos, hai en nós máis graza que pecado. Coa graza podémolo todo. “Abóndache a miña graza”, díxolle o Señor a San Paulo.

Pero tamén o pecado ten forza sedutora. Por cada promesa de felicidade, esíxeche unha porción de liberdade, ata facerche escravo. Con todo, non é invencible. Deus vén na nosa axuda: “estou á porta e chamo”.

O Advento mira ao Nadal, como a primavera mira ao verán. O Advento é tempo de gozosa esperanza e de cristiá responsabilidade. O home é máis o que espera que o que posúe. A esperanza convérteo en conquistador; estimúlao a buscar algo mellor.

Ningún ben comparable a Deus no noso mundo, nin na vida de cada un de nós. Esa divina bondade ofrécenos Xesucristo no Nadal. Hai que facer sitio ao Mesías Salvador. O Bautista úrxenos abrir as nosas portas ao Señor e a acollelo con corazón limpo. Imponse un cambio radical no mundo. Dá a impresión de que no noso mundo non hai espazo para Deus. A nosa sociedade non valora a Deus, pero necesítao.

Urxe cambiar o derrotismo polo convencemento de que “outro mundo é posible”.

Urxe que cambiemos nós mesmos, convencidos de que “unha vida máis cristiá é posible”.

Urxe cambiar xa, porque o mañá non é noso e porque ao Señor agrádalle a inmediatez. Urxe cambiar o ambiente, xa que os ambientes, bos ou malos, son o resultado de moitos comportamentos concretos, e o ambiente actual é refractario a Deus e aos seus divinos valores.

Urxe cambiar o convencemento de que nós sós podemos cambiar o mundo. Necesitamos a axuda do Señor. Nós non podemos facer nada bo sen a graza do alto. O Advento que acabamos de estrear, lémbranos que o Señor quere regalarnos os seus dons. Abrámoslle a nosa alma agora que chama á nosa porta. Non deixemos para mañá a oferta de graza que Xesús fai hoxe. El gusta das respostas inmediatas: “Zaqueo baixa deseguida”, e a salvación entrou na casa de Zaqueo.

Tamén entrará na nosa, se nos abrimos á súa chamada, e o mundo será digna morada dos fillos de Deus.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: