Algo máis ca unha foto

city-mall

No ano 2007 pedíronme que explicase a Globalización a un grupo numeroso de persoas que estudaban Biblia. Entendín que a mellor maneira de explicárllela era cos equipos de fútbol, xa que algún club tiña xogadores de 15 nacións de Europa, África, América e Asia. As camisetas levaban un logo vinculado a un país como Alemaña ou Estados Unidos, eran fabricadas en países pobres do terceiro mundo e a publicidade, que levaban escrita, estaba vinculada a outro país como Xapón, Qatar….

A primeiros de setembro de 2016 envíanme dende Honduras esta foto no City Mall (Centro Comercial) da cidade de S. Pedro Sula. Na foto vemos xuntos tres símbolos deportivos que aquí son fonte de fortes controversias, pero cando se trata de facer negocio á costa doutros non hai problema de ir en harmonía.

O primeiro símbolo é o da coñecida como “La Roja”, que emprega unha camiseta de Adidas (empresa creada por un dos irmáns Dassler, chamado Adolf: de aí Ad-i-Dass) que lle paga á selección española desde un mínimo de 10 millóns de € anuais ata 24, se hai éxitos deportivos, que en parte van para primas, luxos e despilfarros dos xogadores e directivos… pois esta camiseta custaba en Honduras 2000 lempiras, ó cambio 80 € (1 € = 25 lempiras). Na industria manufactureira hondureña con 10 ou menos traballadores o salario mínimo mensual é de 7619 lempiras, é dicir, para mercar a camiseta necesitan máis dunha semana de traballo. Unha camisa de vestir feita a medida custaba no país menos da metade. Calquera estudante de 1º de económicas sabe que para Adidas isto é un negocio rendible.

O 2º símbolo é o escudo do Barça nun coxín e o 3º o escudo do Real Madrid noutro coxín. Cando miramos as contas do Real Madrid da temporada 2013-14 vemos que ingresaron por merchandising, publicidade e patrocinios (ver foto) 247,3 millóns de €, o capítulo máis importante; por dereitos de televisión 199,9 millóns e por entradas só 129,8 millóns. Distribución de ingresos similares dáse no Barça. Tamén me enviaron foto de botellóns de refrescos de Honduras e Guatemala co escudo do Barça. Outros obxectos similares hai nese país e noutros dos que sacan beneficio os clubs.

Con ese diñeiro págase unha parte dos cerca de 40 millóns de € brutos do salario de Messi e Ronaldo, e tamén do de outros coma Neymar, Bale, Suárez, Benzema, Piqué, Ramos… Se temos en conta que arredor do 50 % do seu soldo o pagan en impostos, temos que uns cantos millóns van para a Facenda Pública, é dicir, para estradas, ensino, sanidade, soldo dos políticos, etc. Resulta que os hondureños (xunto con outros moitos pobres do mundo) pagan unha parte do supersoldo destes xogadores e tamén do que chamamos o “noso Estado do Benestar”, que non deixa de ser gran un espolio dos empobrecidos.

Ademais todos temos visto fotos de nenos coa camiseta de Messi, Ronaldo… xogando descalzos por non poder mercar unhas zapatillas.

Hoxe é fácil atopar moitas persoas que critican a colonización de fai 500 anos… esquecendo o que sabe calquera campesiño: “que auga pasada non move muíño”, pero calan diante das novas formas de colonización e explotación… Ese dobre comportamento é obxectivamente favorecedor deste espolio. Onde están os movementos políticos que combaten esta explotación? Eu non os vexo presentes no actual Parlamento español.

Nos centros educativos normalmente hai un obxectivo común (transversal a tódalas materias) que vén dicir: “Capacitar ós alumnos para facer unha análise crítica da realidade social actual”. Entón cabe preguntarse: A cantos se capacitou para facer unha análise como a precedente?…será ese obxectivo un mero “corta e pega” que está mandado poñer para non o cumprir?

Quizais deba pedir perdón por este comentario non favorecedor dos seareiros de “La Roja”, Barcelona e Real Madrid, por non ser submiso a estes mitos nin ser favorecedor destas devocións idolátricas, pero, no meu pobre entender, penso que pode ser de xustiza, incluso unha necesidade, facer o precedente comentario.

Antón Negro

Leave a Comment

%d bloggers like this: