Pastoral de Mons. Alfonso Carrasco sobre a Campaña de Mans Unidas

Queridos irmáns,

o lema escollido este ano pola LIV campaña de “Mans unidas”, non hai igualdade sen xustiza, centra a nosa atención nas raíces profundas que son causa da fame e da inxustiza nas nosas sociedades. En termos semellantes falaba o concilio Vaticano II -cuxo cincuentenario celebramos-, expresando solemnemente a nosa fe ante o mundo: “os desequilibrios que sofre o mundo moderno están relacionados con aquel outro desequilibrio máis fundamental que ten as súas raíces no corazón do home” (GS 10).

A profundidade destes desequilibrios maniféstase en que non afectan só a estruturas económicas ou políticas, senón incluso ás relacións máis fundamentais e íntimas, constitutivas da vida de cada un, como son as do home coa muller e, polo tanto, ao amor esponsal, á familia, a paternidade e a maternidade, ao sentido da filiación e da fraternidade, etc.

En efecto, “Deus non creou ao home só: pois dende o principio os creou home e muller (Xén 1,27). Esta asociación constitúe a primeira forma de comuñón entre persoas. Xa que o home é, pola súa natureza íntima, un ser social, e non pode vivir nin despregar as súas calidades sen relacionarse cos demais” (GS 12).

O home e a muller, na diferenza do seu ser propio, gozan pois da mesma dignidade e do mesmo dereito a que os seus bens fundamentais sexan respectados. Entre eles convén destacar, con respecto á muller, aliberdade ante o varón e na determinación da propia vida, a dignidade da súa posición na familia, o acceso libre á propiedade dos bens e, en primeiro lugar, á educación.

Costumes ancestrais ou tradicións culturais non poden opoñerse á igualdade fundamental en dignidade e dereitos que está enraizada na mesma creación de Deus. E, de feito, as inxustizas nestes ámbitos determinantes de ser persoa redundan en desequilibrios e danos tamén para os varóns, as familias e o crecemento económico e cultural de toda a sociedade. A loita contra a pobreza encontra nestas discriminacións tamén un obstáculo formidable.

Entre os dereitos propios da muller, que deben ser defendidos -e que, en realidade, afectan logo a todos- están aqueles referidos a bens especificamente seus, como pode ser, por exemplo, a maternidade en todos os seus aspectos.

Este ben inmenso sofre en moitos lugares polas dificultades a levar a cabo a xestación e o parto en condicións dignas; e, por desgraza, tamén pola loita de grupos interesados na introdución do aborto nas sociedades, coma se destruír esta dimensión materna da muller, introducindo un principio de morte no máis íntimo da súa existencia, fose un crecemento na liberdade. A iso engádense campañas inaceptables de esterilización de mulleres e poboacións, movidas por intereses que non coinciden para nada co ben dos que as sofren. Éntrase así en contradicción coas conciencias das persoas e coas culturas mesmas, sen respecto ningún, mostrando de novo como as inxustizas neste ámbito fundamental afectan a todo o ser persoal e social do home.

Todas estas son tamén formas de exercicio dun poder social que non respecta á muller como tal, nin a axuda realmente, senón que a usa ao servizo da propia estratexia cultural e económica. O cal pode dicirse igualmente da imposición dunha “ideoloxía de xénero”, que non recoñece a realidade diferenciada do home e a muller, a súa vocación ao amor mutuo e o significado esencial da súa comuñón persoal para a vida de toda a sociedade.

Vencer os desequilibrios do corazón -xa nesta primeira forma de relación, a do home e a muller- e negarse ao pecado, saber discernir a verdade e amar a xustiza, é dicir, amar aos demais como o Señor nos amou, é posible grazas á fe, que acolle a luz da Palabra de Deus, e á graza, que fai posible amar tamén no esforzo e o sacrificio.

Este é o testemuño que nos ofrece publicamente a campaña de “Mans unidas”, mostrando os desafíos que a pobreza, a inxustiza e a desigualdade seguen formulando no noso mundo.

Somos axudados así a comprender mellor a urxencia de vivir a nosa fe -neste Ano da fe– con intelixencia e con desexos de renovar as nosas conciencias e os nosos comportamentos á súa luz.

Que a Santísima Virxe María, a muller que nos representou a todos coa súa palabra ante Deus Pai, a que foi nai do Fillo unixénito de Deus, irmán e salvador noso, a que permaneceu virxe, sen mancha de pecado, libre e chea de graza no seu corazón, interceda polo labor de Mans unidas, por todas as mulleres que sofren a inxustiza e a pobreza, e por todos nós, chamados a ser testemuñas no mundo da dignidade de toda persoa, e do amor e a comuñón verdadeiras.

Lugo, 4 de febreiro de 2013

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

José Pena Mouriz: A fe non a temos, tennos ela a nós

A fe non a temos como unha posesión, como unha propiedade, como algo estático. A fe tennos ela a nós: dános unha maneira de ser, de actuar, de sufrir, de amar e de esperar. É un don de Deus, para a acción: para a realización do proxecto existencial que somos.

A fe é como unha espiral en crecida, como unha semente; se non se coida, morre. Ten un sentido dinámico, e o movemento demóstrase andando. Alguén nos interpela e axúdanos a camiñar e a superar as nosas limitacións. Non ten un sentido estático como os que din que teñen fe, pero que non practican. Son ateos prácticos, pois non teñen trato con Deus, que é a maneira de coñecer de primeira man a unha persoa e de amala. É coma se dixesen: á miña esposa quéroa moitísimo, pero hai tempo que non o trato. Considéranse os únicos artistas de si mesmos, sen Deus.

Ler máis

Unha nai e profesora de Relixión fai pública a súa experiencia

Como nai, enviei aos meus fillos ao colexio católico San Xosé, onde excelentes profesionais, tanto as Servas como os profesores laicos, inculcáronlles uns valores humanos e aquela semente aínda está a dar froitos na súa actual etapa como universitarios.

Como licenciada en Teoloxía e profesora de Relixión Católica gustaríame facer as seguintes puntualizacións:

1. Os profesores de Relixión Católica non somos contratados a dedo polo Bispo, aínda que si necesitamos un certificado de idoneidade.

2. Accedemos ás nosas prazas mediante listas de contratación abertas, froito dun acordo internacional que España ten coa Santa Sé, acreditando unha diplomatura ou licenciatura, xa que non temos acceso a oposicións. Debemos lembrar que nos institutos tamén existen profesores doutras confesións relixiosas cando así o demanda o alumnado.

3. Nos centros educativos contamos cun gran número de alumnos, aínda sendo unha materia optativa, e somos moi ben acollidos e respectados polos demais compañeiros, salvo moi raras excepcións.

Como membro da Igrexa católica quero destacar que os valores inculcados na clase de Relixión son os propios do humanismo cristián, base da sociedade e cultura europea e identifícanse con aqueles que sosteñen o gran labor social e humanitario da Igrexa. Numerosas fundacións e pastorais parroquiais dedícanse de forma desinteresada a atender centros de acollida de maiores, enfermos, hospitais, escolas, casas de inválidos e minusválidos nos cinco continentes. En concreto, en España, debido á crise, multiplicaron esforzos para prover asistencia e doazóns aos máis desfavorecidos.

Pili Lolo

Un pai e un profesor falan da clase de relixión

Un pai e un profesor escriben senllas cartas ao xornal El Progreso sobre o labor do profesorado de relixión.  O pai -Arsenio Rodríguez- amósase satisfeito con ese labor, por inculcar aos fillos “o sentido da responsabilidade, a satisfacción do traballo ben feito, a admiración pola arte, a música, a literatura.., pero, sobre todo, a empatía e a tolerancia (tan escasas na nosa sociedade). Todo isto mentres os alumnos matriculados en alternativa, actividades de estudo ou como queira que se chame, gozaban da aula de informática, do patio ou do bar sen que os profesores apenas poidan facer nada”.

Ler máis

Presentación do libro Conocimiento y razón práctica

O día 22 ás 8 da tarde o Circulo de las Artes acolle a presentación do libro libro titulado Conocimiento y razón práctica. Un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur. O seu autor é Marcelino Agís Villaverde, catedrático de filosofía de la Universidad de Santiago, ademais de tertuliano de radio

Interveñen no acto: José Pena Mouriz, investigador da filosofía de Paul Ricoeur, ex profesor de filosofía no Seminario lucense.

Manuel Regueiro, ex Director xeral de Política Lingüística da Xunta e ex catedrático de filosofía do Instituto Ánxel Fole de Lugo.

E por suposto tamén intervén pechando o acto, Marcelino Agís Villaverde, autor do libro

A %d blogueros les gusta esto: