Campaña de Cáritas “Grazas a ti, poden elixir”

Durante este Nadal tan singular e complicado, Cáritas Diocesana de Lugo anima a colaborar coas persoas que afrontan estas datas nunha situación de maior vulnerabilidade. Por iso, levan a cabo a campaña “Grazas a ti, poden elixir”, mediante a cal poden adquirirse tarxetas solidarias de diferentes contías económicas que se utilizarán para que as persoas en necesidade poidan realizar a compra dun xeito normal.

Estas tarxetas poden comprarse en supermercados colaboradores de Lugo e realizando un donativo a través da páxina web www.caritaslugo.es

[Máis información]

Advento – Nadal / Aninovo

Tempo de graza que nos abre a mirada e o corazón ao Milagre Encarnado e, desde El, ao irmán e ao mundo”

Ás portas destas festas tan entrañables, os meus mellores desexos de harmonía e de paz; tanto desde o sentimento humano, como desde a fondura do espírito do Nadal: o aniversario do Señor. Estes bos desexos sen dúbida que están presentes en todos; de aí a riqueza do compartir en múltiples direccións, fortalecendo así os lazos comunitarios e de amizade. Grandeza da condición humana cando nos desexamos comprometidamente o mellor uns a outros.

As circunstancias que nestes momentos tócanos soportar, e nas que nos imos preparando para o Nadal, non son as que todos desexariamos; pero están aí, afectándonos en maior ou menor medida tamén a todos.

Poida que estas circunstancias estean a dicirnos que a nosa paz interior, o sentirnos razoablemente ben e afrontando todo con forza de ánimo e horizonte esperanzador, son realidades ou desexos moi fráxiles se os facemos depender exclusiva ou excesivamente de que “todo” nos vaia ben, de poder gozar de todas as cousas ou de confiar tamén excesivamente na nosa autosuficiencia para arranxalo todo a través dos nosos logros.

Os grandes anhelos do corazón humano están abocados ao fracaso frustrante se só se apoian no benestar que esperamos das cousas e das situacións.

Ao longo do camiño e até o final do camiño, a verdadeira chave para alcanzar con consistencia esa alegría e esa paz está no que imos celebrar moi pronto: o “Deus connosco”, o “aniversario do Señor”.

Cando deixamos ao Señor que nos vaia modulando día a día, tecendo harmonicamente ese dinamismo entre as nosas “grandezas” e as nosas miserias, como vai cambiando o noso mundo interior! Vai cambiando o clima nas nosas familias, as nosas interrelacións…, e o xeito de afrontar individual e colectivamente as circunstancias dos nosos camiños e travesías.

Circunstancias adversas e non desexadas que nos toca soportar moitas veces como pacientes, pero tamén como protagonistas comprometidos para melloralas, para un e para os demais; mellor talvez, para os demais e, en consecuencia, tamén para un.

Por iso, que forma máis auténtica e fecunda de prepararnos para o Nadal abrindo o noso espírito, a nosa vida, os nosos fogares, a nosa realidade social, ao acontecemento divino e salvador que se expresa no máis pequeno, no máis humilde, no máis sinxelo: nun “Portal de Belén”. Este abrirnos é “facer camiño”, camiño que nos marca o Advento como estrela cara ao “Belén”. Isto é centrar e tentar sentir e celebrar o Nadal en clave cristiá, que é a verdadeira.

Se prescindimos da súa dimensión sacra, salvífica, de fe, non é NADAL. En todo caso será ou sería un pretexto para manifestacións e celebracións como as felicitacións, as luces, as vacacións, as reunións familiares e sociais, etc. Moi lexítimo e poida que bo todo isto pero; só por iso, non é Nadal no seu xenuíno/verdadeiro sentido.

Pois resulta que, non desexando para nada esta longa e penosa travesía desde hai case un ano, poida que nos axudenos a celebrar moi fondamente este Nadal, tanto na súa dimensión sacra como na súa expresión relixiosa; aspectos estes tan necesarios canto máis percibimos a nosa fraxilidade e baleiro existencial se só quedamos no puramente humano, social e técnico.

Sen dúbida que a contemplación oracional do Neno Deus, así como as correspondentes celebracións eucarísticas compartidas comunitariamente, farannos máis fortes para afrontar con máis ánimo, e animándonos, as circunstancias adversas do noso camiñar.

E, se estas Festas non podemos celebralas este ano en amplos grupos de familia ou amigos, temos claro que de ningunha maneira faltará nesas ceas e comidas a presenza alentadora do Neno/Deus, talvez facendo así máis fortes os nosos lazos de familia e amizade ao percibir a non presenza e si a distancia.

Que, como Xoán Bautista, preparemos os camiños ao que ha de vir; camiños que Deus quere para todos!

Que, cos Anxos, saibamos deixar resoar no noso corazón a Gloria do Señor!

Que, como os Pastores, adorémolo humilde e gozosamente!

E, que, con María e Xosé, queiramos ofrecerlle ao Neno-Deus un humilde “belén” no noso interior, nos nosos fogares, no noso mundo!

A todos os que ledes estas liñas, deséxovos de corazón o mellor; deséxovos fortaleza de ánimo e, animándonos uns a outros desde esa mirada ampla da grandeza do corazón. Que con esta disposición podamos comezar o próximo ano!

Feliz aniversario do Señor! e feliz próximo ano novo!

Antonio Fernández González

[Artículo en castellano]

O Señor está á porta e chama

Non. Non é o home o que busca a Deus, senón Deus quen busca ao home. Na arca da nada, Deus buscou ao home para ter a quen amar. Na esfera terrestre buscou ao xénero humano para coidar del coa súa providencia amorosa. Na madrugada infiel do home, Deus buscou a Adán para prometerlle a redención.

E sucedéronse incontables xeracións; e o corazón de Deus continuaba máis ferido de amor que de xustiza. E chegou a hora do perdón: non importa o prezo. O que interesa é a reconciliación do ceo, coa terra. Deus valóranos tanto, que El mesmo se fai prezo do noso rescate. Entre o ceo purísimo e a terra pecaminosamente ennegrecida, hai un abismo insalvable, pero o amor non entende de distanciamentos nin os soporta. Deus ponse en camiño como na madrugada da creación, pero con mellor sorte que naquel amencer. Agora o home faise o encontradizo mediante a unión hipostática da nosa natureza pecaminosa e a súa santísima. No seo virxinal de María, Deus e o home fanse amigos. Ela é a ponte da que o Redentor se vale para pisar terra. É máis, María é o campo previamente abonado con plenitude de graza para a aterraxe do Fillo de Deus no noso chan. Ela dixo “si”, e o proxecto redentor de Deus fíxose realidade. Só se require que ao “si” de María únase o noso “si” para que o amor redentor de Cristo contaxie as nosas vidas. Fagámolo pronto, posto que ao Señor úrxelle estrear outro mundo, no cal os homes se comporten como irmáns e o pan abunde en todas as mesas.

Deus ofrece o remedio. Unha humanidade sen valores cristiáns, é a pobreza máis contundente para os seres máis prezados do mundo. O creador enriquecéraos con toda clase de bens de natureza e de graza. O home era un verdadeiro “ti de Deus” pero antollóuselle ser o seu competidor. A vontade do seu facedor era que o home fose un irmán entre os irmáns, pero a convivencia esixe renuncia aos intereses persoais e actitude dadivosa en favor do contendente. Con todo, a mentalidade dos descendentes de Adán non lles cadra aos homes de onte nin aos de hoxe. Imponse unha nova normativa moral que regule os nosos comportamentos cívicos. E Xesús ofrécenola coa súa exemplaridade e o seu Evanxeo.

Nadal é a cita de Xesús connosco. Está á porta e chámanos, ofrecéndonos un novo código de comportamento para que isto cambie.

Ofrécenos a súa compañía, para facer realidade o seu proxecto. Con El ao noso carón, nada bo é imposible; pero a nosa decisión aprema, porque o Mesías “está á porta e chama”. Saiamos a recibilo.

Indalecio Gómez

Cóengo Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

O advento, oferta de gozo e de paz

A variante temperatura estacional pode servirnos de referente para explicar o comportamento do home na historia da salvación.

A temperatura desta estación é invernal: A neve cobre os campos, e o frío conxela as augas. Pero volverá a primavera e co seu cálido clima, a floración embelecerá novamente os bosques e as pradarías. Á primavera seguirá o estío rico en espigas, e ao estío seguirá o outono xeneroso en froitos.

Tamén a historia do home pasou polo inverno da graza: nesa estación conductualmente invernal, a humanidade non se distinguiu pola súa floración nin polos seus froitos de santidade. A invernía do noso mal comportamento privou ao mundo da súa riqueza orixinal e inoculou no corazón do home parálise para toda obra boa. Pero para Deus nada hai imposible, e o poder e bondade do Señor comprometéronse en devolver ao home o seu primitivo estado de graza. Así nolo fan ver os tres personaxes do advento: o profeta Isaías, lembrándonos as promesas de redención do Señor. San Xoán Bautista, anunciándonos que “O Redentor está á porta, e chama”; e a Virxe, acollendo ao Fillo de Deus no seu seo virxinal, convertido agora no primeiro sagrario do mundo.

O advento é a síntese do misterio da redención. No proceso deste misterio redentor existen unhas constantes que marcan o camiño que nos conduce á reconciliación con Deus. Son as seguintes:

Recoñecer que necesitamos ser redimidos. Por nós mesmos non podemos recuperar as nosas boas relacións con Deus;

Pedir que veña o Redentor e que nos salve;

e acoller ao Salvador, que non se presenta con aspecto de xuíz, senón con man acolledora.

As crises producen pesimismo, derrota e tristeza. Pola contra, a esperanza procrea gozo e paz. Este é a mensaxe do presente domingo: ALEGRÁDEVOS, TEDE PAZ. Alguén dirá: non podemos ter paz nin hai lugar para o gozo mentres exista tanto mal no mundo. Certo que non se pode ignorar a existencia da desorde na nosa sociedade. Á vista están a crecente descrenza na nosa contorna. A onda de inmoralidade por todas as partes; o desprezo multitudinario dos valores cristiáns; o abandono masivo da práctica relixiosa… Pois, a pesar de todo, “alegrádevos e gozade de todo corazón, porque o Señor cancelou a túa condena e comprácese en ti, ámate e alégrase con xúbilo”, xa que neste mundo, o ben excede ao mal. Son máis os xustos que os malvados; somos máis os que cremos en Cristo, que os que renegan del; somos máis os que amamos á Igrexa, que os que a perseguen? E aínda que fósemos menos en número non somos un “residuo” moribundo dun cristianismo agonizante, se non o “resto” revitalizador dun cristianismo actualmente asediado polas forzas do mal, ás cales estamos dispostos a resistir desde a Igrexa de Xesucristo, “sempre perseguida pero nunca vencida”. Pois, alegría e paz, porque, aínda que odiados e maltratados, nunca seremos derrotados, porque “eu estarei convosco até o fin do mundo”, di o Señor.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Advento, oferta de graza

A graza é o don máis prezado de Deus ao home. É o sol da vida. Sen o sol, o día faise noite. Sen a graza, a vida faise morte. Os cristiáns que perderon a graza santificante, son cadáveres ambulantes.

Así se comportou o Señor connosco. Primeiro foi o bico de Deus, despois, a maldade dos homes. Cando nacemos, hai en nós máis graza que pecado. Coa graza podémolo todo. “Abóndache a miña graza”, díxolle o Señor a San Paulo.

Pero tamén o pecado ten forza sedutora. Por cada promesa de felicidade, esíxeche unha porción de liberdade, ata facerche escravo. Con todo, non é invencible. Deus vén na nosa axuda: “estou á porta e chamo”.

O Advento mira ao Nadal, como a primavera mira ao verán. O Advento é tempo de gozosa esperanza e de cristiá responsabilidade. O home é máis o que espera que o que posúe. A esperanza convérteo en conquistador; estimúlao a buscar algo mellor.

Ningún ben comparable a Deus no noso mundo, nin na vida de cada un de nós. Esa divina bondade ofrécenos Xesucristo no Nadal. Hai que facer sitio ao Mesías Salvador. O Bautista úrxenos abrir as nosas portas ao Señor e a acollelo con corazón limpo. Imponse un cambio radical no mundo. Dá a impresión de que no noso mundo non hai espazo para Deus. A nosa sociedade non valora a Deus, pero necesítao.

Urxe cambiar o derrotismo polo convencemento de que “outro mundo é posible”.

Urxe que cambiemos nós mesmos, convencidos de que “unha vida máis cristiá é posible”.

Urxe cambiar xa, porque o mañá non é noso e porque ao Señor agrádalle a inmediatez. Urxe cambiar o ambiente, xa que os ambientes, bos ou malos, son o resultado de moitos comportamentos concretos, e o ambiente actual é refractario a Deus e aos seus divinos valores.

Urxe cambiar o convencemento de que nós sós podemos cambiar o mundo. Necesitamos a axuda do Señor. Nós non podemos facer nada bo sen a graza do alto. O Advento que acabamos de estrear, lémbranos que o Señor quere regalarnos os seus dons. Abrámoslle a nosa alma agora que chama á nosa porta. Non deixemos para mañá a oferta de graza que Xesús fai hoxe. El gusta das respostas inmediatas: “Zaqueo baixa deseguida”, e a salvación entrou na casa de Zaqueo.

Tamén entrará na nosa, se nos abrimos á súa chamada, e o mundo será digna morada dos fillos de Deus.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: