Cáritas colabora cos enfermos de ébola. A Diocese de Lugo felicita a Teresa Romero

A Diocese de Lugo fai público o seguinte comunicado:

“A Diocese de Lugo quere expresar a súa alegría sincera pola curación de Teresa Romero, orixinaria dunha das nosas parroquias, na que segue tendo fortes vínculos familiares. Con ela, tamén nós damos grazas a Deus pola súa recuperación e seguirémola tendo presente nas nosas oracións.

Así mesmo, queremos manifestar a importancia de seguir apoiando a todos os que necesitan a nosa axuda nos países azoutados pola epidemia do ébola. Alí, a falta de recursos e a ausencia de suficientes infraestructuras sanitarias fan moi dificil, senón imposible, atallar esta enfermidade que se está cobrando miles de vidas.

Non podemos reaccionar só cando nos sentimos en perigo nós mesmos, nin escudarnos na lonxanía dos afectados para non ocuparnos deles. Teresa lembrounos que este non é un problema alleo a ninguén nin, en realidade, tampouco aqueloutros que afectan ao destino dos nosos irmáns.

O xesto da nosa Igrexa, a través de Cáritas Española cunha nova achega económica a Liberia, para apoiar os programas sanitarios de control da propagación do virus, acompañar aos enfermos e facilitar alimentos e artigos de primeira necesidade (que se suma á xa enviada ás Cáritas de Sierra Leona e Guinea Conakry), é expresión dunha fraternidade imprescindible, que supera fronteiras.

Enviamos o noso afecto e oración a todos os afectados, así como aos sanitarios, voluntarios, institutos relixiosos e asociacións que non están escatimando esforzos para socorrer aos nosos irmáns máis necesitados e enfermos”.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: