Miguel A. Álvarez: Como coñecín a novena da Medalla Milagrosa

Teño que comezar  facendo unha confesión que me avergoña bastante. Cheguei a Lugo no ano 1988, fun ordenado sacerdote no 1999, e ata fai 4 anos non sabía da existencia da novena da Medalla Milagrosa que congrega a unha cantidade considerable de devotos. Para min foi unha agradable sorpresa ver, aos poucos días de estar na parroquia de San Froilán, como se enchía a igrexa de persoas para rezar o Santo Rosario e a Novena e celebrar a Eucaristía.

No longo, escuro e triste mes de novembro esta Novena da Milagrosa supón un foco de luz e alegría. Non en balde, a imaxe da Milagrosa irradia luz. Os raios que saen das mans da Virxe María son símbolos das grazas que María alcanza aos homes, Cristo mediador e salvador.

Lembro coma se fose hoxe que a primeira igrexa na que entrei na cidade de Lugo foi na da parroquia da Milagrosa. Tiña 9 anos e fora con motivo da voda da miña prima Nieves. E no 1988, cando xa viñen definitivamente para Lugo, a primeira igrexa na que entrei foi tamén a da Milagrosa. Pero non remata aquí a historia. Ordenáronme de presbítero nesta mesma igrexa. E a miña primeira parroquia non foi a Milagrosa, como poderían estar esperando, senón a de San Froilán, que no seu día foi a nai da parroquia da Milagrosa, cando fai 50 anos a cidade de Lugo expandíase cara á zona norte. E como na parroquia de San Froilán venerábase a Virxe da Medalla Milagrosa, por influencia das Fillas da Caridade, púxose baixo o seu patrocinio a nova parroquia que despois deu nome a ese extenso novo barrio da cidade. Como ven, a miña vida en Lugo está moi marcada pola Milagrosa, aínda que non soubese da existencia da súa novena tan popular ata hai pouco tempo.

Todos necesitamos que Deus faga algún milagre en nós ou en alguén a quen coñecemos. Hoxe preséntolle ao Señor por medio da súa Nai, a Virxe María da Medalla Milagrosa, todas as intencións dos que están lendo isto e necesidades. Pido tamén polas parroquias de San Froilán e da Milagrosa, polas Fillas da Caridade e polos alumnos e profesores do seu colexio. !¡

O María sen pecado concibida! Roga por nós que recorremos a ti.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: