Coronavirus: «non somos nada»

No Monte Nebo escultura de Giovanni Fantoni que simboliza a serpente de Moisés abrazada á cruz de Xesucristo

Está claro que non o temos todo controlado. Hai moita información de todo tipo, sábese todo de nós grazas ás novas tecnoloxías, pero ao final non somos donos de nada nin de nós mesmos, e de nada serven todas as programacións, plans e proxectos.

Estes días case non ouvimos falar doutra cousa e, aínda que nun primeiro momento tratamos de non preocuparnos, agora vemos como cada día seguen aumentando os casos. Estamos afeitos a crer que as cousas existen ou non existen segundo como lle parece a cada un, pero a realidade é túzara e non depende do que un queira ou non queira. A realidade é a que é e non cambia polo que eu crea ou deixe de crer.

Situacións como esta son as que nos fan ver de xeito claro que «estamos espidos» e que por nós mesmos «non somos nada» e que a grandeza do ser humano vén de fóra e non é mérito noso. Agora invádenos o pánico, non tanto polo medo á morte, senón pola desesperación de ver que todas aquelas capacidades, que criamos ter, non serven para nada á hora da verdade

De nada serve crernos deuses e querer ocupar o lugar do Deus único e auténtico. Como dicía antes, a realidade é túzara e, antes ou despois, ponnos no noso sitio. Non se trata, por tanto, de ocupar o lugar de Deus, senón de mirar á cruz do seu fillo Xesucristo, que é o verdadeiro antídoto para o mal e a morte.

Neste sentido recomendo a lectura deste episodio de Moisés no éxodo desde Exipto á Terra Prometida que se atopa en Números 21, 4-9, e que se pode ver como unha profecía do valor redentor da cruz de Xesucristo:

“E marcharon do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando o país de Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés:  “Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?” O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle:  “Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes!” Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés:  “Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá”. Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san”.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto original en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: