Está claro!

As persoas que lemos podemos atopar textos que son clarificadores para un mellor coñecemento da realidade. A continuación transcribo un que podería deixalo como se fose meu, pero considero máis oportuno neste momento facelo como cita literal:

“Salta ós ollos de todos, en primeiro lugar, que nos nosos tempos no só se acumulan riquezas, senón que tamén se acumula unha descomunal e tiránica potencia económica en mans duns poucos, que a maior parte das veces non son donos, senón só custodios e administradores dunha riqueza en depósito, que eles manexan á súa vontade e arbitrio.

Dominio exercido da maneira máis tiránica por aqueles que, tendo nas súas mans o diñeiro e dominando sobre el, apodéranse tamén das finanzas e dominan sobre o crédito, e por esta razón administran, diríase, o sangue do que vive toda a economía e teñen nas súas mans así como a alma da mesma, de tal xeito que ninguén pode nin aínda respirar contra a súa vontade.

Esta acumulación de poder e de recursos, nota case característica da economía contemporánea, é o froito natural da ilimitada liberdade dos competidores, da que sobreviviron só os máis poderosos, o que con frecuencia é tanto como dicir os máis violentos e os máis desprovistos de conciencia.

Tal acumulación de riquezas e de poder orixina, á súa vez, tres tipos de loita: lóitase en primeiro lugar pola hexemonía económica; establécese logo o rudo combate para apoderarse do poder público, para poder abusar da súa influenza e autoridade nos conflitos económicos; finalmente, pugnan entre si os diferentes Estados, xa porque as nacións empregan a súa forza e a súa política para promover cada quen os intereses económicos dos seus súbditos, xa porque tratan de dirimir as controversias políticas xurdidas entre as nacións acudindo ó seu poderío e recursos económicos.

Ultimas consecuencias do espírito individualista na economía son esas que vós mesmos no só estades vendo, senón tamén padecendo: a libre concorrencia destruíuse a si mesma; a ditadura económica apoderouse do mercado libre; por conseguinte, ó desexo do lucro sucedeu a desenfreada ambición de poderío; a economía toda fíxose horrendamente dura, cruel, atroz…”

Este texto téñoo empregado nas miñas actividades en diversos contextos. Cando pregunto quen será o seu autor as respostas son do máis plural e incorrectas. Pouco despois da crise de 2008 e do rescate que se fixo de certas institucións de crédito, dixéronme nalgún claustro de profesores que describía a situación económica tal e como era. Nalgunha exposición formativa que  teño feito, onde había persoas que si tiñan lido o documento do que procede o texto, non lograron recoñecelo.

Isto lémbrame o que lle sucedeu a Guillermo Rovirosa segundo nos contou un gran amigo seu. Rovirosa na metade do século pasado fixera un artigo para unha revista da diocese de Madrid e o censor tacháralle moitas liñas e parágrafos. Cando Rovirosa viu as correccións díxolle que lle acababa de ensinar o moito que lle faltaba para ser fiel ó maxisterio da Igrexa, porque en todo o tachado non había nada do escrito por el, senón que eran afirmacións literais do maxisterio. Entón o censor comentoulle que deberían ir os textos do maxisterio entre comiñas, ó que Rovirosa respondeu que non, pois el quería facer pensamento propio as ensinanzas da Igrexa. Por iso ten lóxica, e non nos debería estrañar, que Guillermo Rovirosa estea hoxe en proceso de beatificación na Igrexa.

Certamente que hoxe tamén moitos cristiáns suprimiriamos o texto que citei antes, porque non o considerariamos concordante coa fe cristiá. De feito non está incluído en diversos programas de formación cristiá. O texto pertence á encíclica Quadragesimo Anno de Pío XI, números 105 – 109. Do texto suprimín as palabras que teñen por finalidade dirixirse ós lectores e personalizalos, e que son: “venerables irmáns e amados fillos” (nº 109), pero que non engaden nada ó contido da citada encíclica papal.

Finalmente, tamén sorprende que este texto non apareza citado por persoas de fóra da Igrexa e que, a min non me cabe dúbida, estarían de acordo cos contidos destas afirmacións do papa Pío XI, ou acaso estou esaxerando?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: