Feliz día mamá!

Co mes de maio, mes adicado á Virxe María a Nai de Deus, nos países de influencia cultural cristiá, celébrase o Día da Nai. Este domingo é o día elixido en España para render homenaxe a todas as nais.

“A nosa naiciña” é unha expresión tan rica, tan garimosa, na nosa lingua galega, que soamente pronunciala, co noso propio acento, parece que o enche todo. Ela fálanos dun misterio de vida regalado, dun amor incondicional, dunha mirada inconfundible, de bágoas de dor ferida, de mans que coidan, de peitos que aleitan e de abrazos que curan. Estas nais, tantas nais que quixeron darnos a vida, ben merecen un recordo agradecido e o mellor dos nosos agasallos máis aló do detalle material ou do valor pecuniario da cousa regalada.

Ao pensar nas nosas nais facemos referencia inconfundible a aquelas actitudes cotiás que máis arraigadas están á vida: as que esixen bicos de leite, coidar os corpos, protexelos, sostelos, alimentalos, limpalos; as que esixen proximidade e tempo, apoio emocional, aloumiños, miradas que salvan e alentan, dedicación, escoita, apoio emocional. Actitudes que se repiten unha e outra vez en distintas circunstancias de cada día e sen as cales a nosa vida sería un inferno, unha existencia insoportable e imposible. A maioría destas actividades están fóra do espazo da economía e reciben a peor das valoracións por parte da lóxica económica dominante en termos de condicións salariais e laborais. Por iso, se queremos pór rostro a quen maioritariamente realizan estas actividades e cultivan estas máis altas actitudes e virtudes, son mulleres e pobres. Ao contrario, por desgraza, as actividades máis recoñecidas e de maior visibilidade están máis preto do diñeiro que das persoas.

Aínda que calquera día é importante para demostrarlle á nosa proxenitora o noso agarimo e o noso afecto, é bo dedicarlle un día de máis proximidade, de máis tempo regalado, de máis abrazos compartidos e de felicidades debidas. Tamén elas necesitan do noso agradecemento, da nosa misericordia, da nosa fidelidade e consolo, das nosas sensibilidades gozosas e das nosas querenzas por elas merecidas.

Na Diocese de Lugo, lembrarase ás nais e rezarase por elas en todas as parroquias. Pero cónstame que no Centro Interparroquial San Xosé Obreiro de Oural, desde hai uns anos, alí na misa solemne do domingo, as nais reciben unha homenaxe moi especial. Laudable iniciativa de D. Julio Fernández Doval e de todas as comunidades parroquiais da zona.

Non debemos esquecer que este día dedicado ás nais naceu por iniciativa do Papa Pío IX no ano 1824 con motivo do día da Inmaculada. Con posterioridade e tamén pola especial devoción á Virxe no mes de maio, as autoridades eclesiásticas en 1965, decidiron trasladar a celebración da maternidade ao primeiro domingo de maio. Felicidades a todas as nais e oxalá nos alegremos todos os días da súa existencia e podamos gozar moito tempo do seu agarimo incondicional.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: