Feliz sacerdocio

Entre que celebramos a Resurrección, que fai un sol fabuloso en Lugo, que estamos preto do verán… quen lembra xa de que levamos máis de 30 días confinados! Pero admito que non vou escribir diso. Haberá tempo, preto de cincuenta días, para falar destas cousas. Hoxe quero darlle unha nota máis persoal. Quero falar do sacerdocio.

Esta noite falecía un dos sacerdotes que máis admirei na miña vida: Don José Diéguez Fernández. Quen lea isto e non sexa de Lalín, non lle vai dicir nada. Pero el, cos seus 102 anos, viviu preto de 75 sendo sacerdote. Todos iamos confesarnos con el. Sempre estaba alí, no confesionario xunto á Virxe de Fátima. Subía a praza co seu caxato debaixo do brazo, con certa dificultade nas pernas, pero cunha cabeza moi lúcida. Na sancristía sempre nos contaba anécdotas do Seminario na súa época, riamos con algún chiste… E coidabámolo en todo; era bonito ver como se deixaba coidar por nós, que o axudabamos a revestirse, a que non se lle esquecese o caxato ou a boina, a subir e baixar do presbiterio…

Dun sacerdote seguro que se poden dicir moitas cousas. De don José todos destacabamos sempre o seu amor a María, a quen buscaba coa mirada e a quen rezaba con tanto agarimo. Dela falaba con moita ilusión, como un neno fala da súa nai. E tamén tiña un agarimo especial ao Corazón de Xesús e a San Xosé. Un sacerdote fiel, que era feliz no seu ministerio e que todos compartiamos esa mesma alegría. Era simpático todo o tempo, que nos prognosticaba sempre como bispos dalgún sitio (como se chegue a cumprir o meu, morro! ha, ha, ha).

Nunha sociedade que cada vez valora menos a dimensión espiritual, que renega da fe en Deus, que prefire vivir só nun plano horizontal, sen posibilidade de que exista unha relación coa transcendencia… Que pinta un cura! Realmente nada. Ou iso pásame a min pola cabeza moitas veces. Pero logo chama alguén, outro escribe, un terceiro que cando convida a tomar algo e presenta unha chea de dúbidas… E se cadra é que caemos nun profundo soño, como o de «A bela dormente». Que aínda hai xente que ten unha semente de fe no seu corazón, disposta a crecer.

Pero hoxe atreveríame a dicir unha cousa que repito con certa frecuencia a quen me rodean: vós, cristiáns, non seguides a un sacerdote, senón a Cristo. Porque o sacerdote pode ser dunha forma ou da contraria, máis novo ou vello, cantar peor ou mellor, ter unhas calidades ou outras, pero o sacerdote tráenos a Xesús, lévanos a xesús e actúa na persoa de Cristo. Cando J. Raztinger -non o escribiu como Papa- comentaba o colocar a cruz no altar, diante do sacerdote, servía para que o pobo lembrase que camiñaba cara a El e que o sacerdote non buscase o protagonismo, senón que a súa mirada se fixase en Cristo como Aquel a quen estaba a servir.

Eu hoxe celebro tamén o meu aniversario sacerdotal. E este ano quería celebralo ao grande. Porque foi un día decisivo na miña vida, tanto como o meu nacemento e o meu bautismo, e porque celebrar aquilo que se nos deu é celebrar o amor de quen nolo deu, o amor de quen o fixo posible, o amor de quen nos empuxou a iso. Cando un sacerdote celebra o seu aniversario non está a buscar o seu protagonismo, colocándose no centro e dicindo o marabilloso que é (que tamén pode ser certo, non o descarto); o que fai é dar grazas ao Señor pola súa chamada, á súa familia pola entrega xenerosa, á Igrexa por coidar este sacramento… En verdade, toda a Igrexa está de festa porque un, que foi elixido por Deus, que entregou toda a súa vida ao Señor neste ministerio, segue dicindo «si» cada día.

E, por último, todos sabemos o que levamos no corazón, o que vivimos, o duro que é ás veces o día a día. Tamén hai que celebrar iso, que a Resurrección de Cristo levantounos do sepulcro, conferiunos «nacer de novo», recibir a súa graza unha e outra vez. Porque Deus non deixou de amarnos, a pesar do noso pecado e a nosa pequeñez. Conta con ela cando nos elixe para seguilo! Por todo iso, moitas grazas, Señor.

Déixovos, como final, un dos prefacios que máis me gustan, sobre o que prediquei en varias ocasións e que se utiliza na festa de Xesucristo, sumo e eterno sacerdote. Grazas, Señor por don José, servidor bo e fiel! Grazas por seguir chamándonos e amándonos!

En verdade é xusto e necesario,

é o noso deber e salvación,

darche grazas

sempre e en todo lugar,

Señor, Pai santo,

Deus todopoderoso e eterno.

Que constituíches ao teu único Fillo

Pontífice da Alianza nova e eterna

pola unción do Espírito Santo,

e determinaches, no teu designio salvífico,

perpetuar na Igrexa o seu único sacerdocio.

El non só conferiu a honra do sacerdocio real

a todo o seu pobo santo,

senón tamén, con amor de irmán,

elixe homes deste pobo

para que, pola imposición das mans,

participen da súa sacra misión.

Eles renovan en nome de Cristo

o sacrificio da redención,

preparan aos teus fillos o banquete pascual,

presiden ao teu pobo santo no amor,

aliméntano coa túa palabra

e fortaléceno cos teus sacramentos.

Os teus sacerdotes, Señor,

ao entregar a súa vida por ti

e pola salvación dos irmáns,

van configurándose a Cristo,

e han de darlle así

testemuño constante de fidelidade e amor.

Por iso, nós, Señor,

cos anxos e os santos,

cantamos a túa gloria dicindo…

Nicolás Susena Presas

[Texto en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: