Hai Concordato?

Cada pouco tempo escóitase que algunha personalidade pública afirma que hai que cambiar o Concordato coa Igrexa Católica. Tamén no debate das primarias que houbo entre os tres candidatos para dirixir o PSOE coincidiron nesa afirmación. Máis aló de que haxa que cambiar -ou non- o marco xurídico de relación entre a Igrexa Católica e o Estado español convén que aclaremos algunhas cuestións, porque hai bastantes falsidades e manipulación sobre o tema.

Primeiramente é necesario saber que propiamente non hai Concordato do Estado coa Santa Sé, senón Acordos sobre diversos temas (ensinanza, asuntos económicos, xurídicos e forzas armadas).

En segundo lugar cando se afirma que son preconstitucionais ou predemocráticos, non convén esquecer que o último leva a sinatura do señor Rodríguez Zapatero. Así que habería que preguntarlles aos que manteñen esta afirmación, se Zapatero foi un gobernante predemocrático; eu en principio (e só en principio) aceptaría como válida a resposta que dean. Os primeiros Acordos vixentes son do ano 1979 e a Constitución é de 1978.

Os Acordos coa Santa Sé teñen a condición legal de ser un tratado internacional e, por tanto, a reforma destes Tratados debe facerse de acordo co Dereito internacional, a non ser que aceptemos ser considerados como un país que non respecta o dereito, a legalidade e a seguridade xurídica. Moitos lembramos as tristes imaxes dos señores Moratinos e Zapatero mendigando un apretón de mans en cumios intemacionais, e todo por adiantar nun mes a fin dun acordo internacional.

En política internacional, ademais de ser sensato seguir o refrán popular de «non poñer todos os ovos na mesma cesta», débese saber que Estados Unidos ten embaixadas en 172 países, Francia en 162 e España só en 95, pero a Santa Sé ten relacións con misións diplomáticas plenas en 180 países (só 17 países soberanos non teñen relacións diplomáticas coa Santa Sé). Tampouco convén ignorar que en xeral o decano do Corpo Diplomático é o nuncio do Papa. Ignorar a realidade é exporse a que te «atropele». A política internacional debe garantir os dereitos dos cidadáns e favorecer o desenvolvemento das relacións entre os estados e os cidadáns.

A importancia da diplomacia da Santa Sé pode verse por exemplo nestes dous feitos tan distintos:

a) Contou, estando eu presente, un dos membros do movemento revolucionario M-19 que secuestraron a case 20 embaixadores na embaixada da República Dominicana en Bogotá durante dous meses en 1980, e que entre todos eles só o nuncio sabía cociñar. Para sobrevivir os secuestrados era básico comer. Loxicamente todos tiveron que fiarse do Nuncio, pois a alternativa era peor.

b) O 17 decembro 2014 restablécense as relacións diplomáticas entre USA e Cuba. O intermediario non foi nin España, nin México, nin… foi a Santa Sé e así a loaron tanto Obama coma Raúl Castro. Cousa normal, pois a diplomacia vaticana é recoñecida como a mellor diplomacia do mundo.

Non trato de asesorar a un partido político, senón compartir gratuitamente cos lectores estas reflexións con ánimo de servir á verdade. Non resulta nada atraínte asesorar a un partido politico cobrando (tes que dicirlles o que queren oír) ou gratuitamente no momento actual.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: