Humanismo ou Cristianismo? (II)

Así exposta a pregunta, a resposta é doada. O Humanismo procura a promoción do home sen ningunha referencia a Deus. O Cristianismo pola súa banda, contempla ao home como un ser que ten a súa orixe en Deus, e a Deus tende como ao seu fin.

Para un crente, non abonda o Humanismo, segundo o cal, a nosa existencia comeza no berce e remata na tumba. Nós sostemos que Deus é o principio e o fin do home: “Nel vivimos, movémonos e existimos”. Agora ben, Humanismo Cristián, ou Cristianismo Humano? Certamente, Humanismo e Cristianismo non se identifican, pero non deben ignorarse o un ao outro.

O cristianismo ten que considerar ao home na súa integridade corpórea e tamén na súa dimensión espiritual. Se descoida o primeiro, convértese en “anxelismo”; e os homes non somos anxos. Pero se esquece o segundo, identifica ao home cun ser irracional, que ten a facultade de falar; e con esa pedra de muíño non comulgamos os crentes.

O Evanxeo contempla ao home na súa dobre referencia a Deus e aos irmáns, e lémbranos que a Deus debemos amalo “con toda a alma, con todo o corazón e con toda as forzas”, porque é o noso creador e Pai; e que aos homes debemos amalos con verdadeiro amor de irmáns, porque con eles compartimos orixe, historia e destino. Xesús díxoo moi claro: “Nisto coñecerán que sodes discípulos meus: en que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. Xesús dirixiuse ao pobo con palabras e con obras, e engadiu: “se non credes as miñas palabras, crede as miñas obras”. El pasou polo mundo tendendo a man ao pobre, compadecéndose do oprimido, ofrecendo acougo aos que perderan a esperanza, devolvendo a saúde aos enfermos que buscaban nel a curación das súas doenzas, e poñendo pan nas mesas dos menesterosos. As obras de Xesús son “falas de Deus”, segundo dicía Santa Teresa de Xesús. Cando alguén nos fala do que oíu, a súa palabra é crible; se nos fala do que está a ver, a súa palabra é irrefutable, e se nos fala do que está a vivir, a súa palabra é incontestable. Este é o caso de Xesús. El mesmo é “Palabra de Deus”: non fala de oídas: vive o que di, e transmite vida co que di. Fai aos cristiáns “sacramentos” da súa vontade. Os sacramentos non fan presente a Cristo, senón que o propio Cristo faise presente nos sacramentos; actúa por medio dos signos sacramentais. Iso debemos ser os cristiáns: “sacramentos itinerantes” dos que Cristo se vale para seguir evanxelizando ao mundo. Os cristiáns somos os “signos” visibles do facer de Cristo; pero o axente operante é El mesmo. Este comportamento de Xesús dá un cariz humano ao seu modo de actuar, pero non o converte en “humanismo” posto que a virtualidade non a pon o home, senón Cristo mesmo, o cal se vale de nós para seguir facendo marabillas no noso mundo.

Pode servirnos de exemplo a motocicleta e o sidecar: este fai que a moto poida dispor dun asento á beira do motorista, pero a forza motriz achégaa a motocicleta. Sen esta, o asento axustado sería un elemento inútil. A súa achega depende do seu axuste ao motor da máquina.

A achega de home é cristianismo na medida na que os humanos actuamos en sintonía con Xesucristo. O que facemos á marxe de Cristo, é humanismo e ten cousas positivas, pero está exposto a notables carencias e até a lamentables inmoralidades. Para evitalo, axustémonos a Xesús e pasemos polo mundo facendo o ben no seu nome.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Texto en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: