José Río: Dereitos e deberes da persoa

É propio do cristianismo considerar a tódalas persoas coa mesma dignidade. Non sempre se levou isto á práctica, porque en tempos pasados non había conciencia de que se debería aplicar escrupulosamente esa idea.

Esa aplicación dos dereitos humanos non se limita ao ámbito das relacións entre países senón tamén na vida cotiá. E un dos primeiros dereitos que se puxeron de manifesto foron os relativos á liberdade relixiosa.

En canto á fundamentación dos dereitos, témola na razón e no feito de seren os humanos fillos de Deus. Os estados non deben vendernos o favor de gozar dos dereitos, senón que os temos pola nosa natureza, por Deus.

Na encíclica Pacem in Terris fálase do dereito á vida (e que sexa digna), á liberdade relixiosa (tratar co trascendente), á cultura (que incluiría por exemplo, o dereito a ser instruído nas habilidades sociais), dereito á vocación persoal, ao honor.

Pacem in Terris tamén expresa que aos dereitos correspóndelles unha mesma cantidade de deberes, e que ambos son conferidos ou impostos pola lei natural. Ao dereito á vida correspóndelle o deber de conservala, ao dereito a ter unha vida decorosa, correspóndese o deber de vivir con decoro, e ao dereito á liberdade o deber de buscala.

Pero non só é deber do home corresponder os seus propios dereitos cos seus propios deberes cara á súa persoa, senón con respecto aos demais. Os dereitos do home é un tema que demandou moitos séculos no seu recoñecemento, e actualmente son unha conquista importante da humanidade, consagrados en 1789 na Revolución Francesa e con carácter universal pola ONU, en 1948.

A cada dereito do home correspóndelle un deber a cumprir, sen o cal resultaría ilusorio o exercicio do dereito. Se alguén ten dereito a que se lle respecte a súa propiedade non pode á súa vez pretender quitarlle a propiedade a outro.

Hai deberes específicos para coa sociedade, para cos fillos e os pais, o deber de adquirir instrución primaria, o de sufragar, o de obediencia á lei, o de servir á comunidade e á nación, o de cooperar coa asistencia e seguridade social, o de traballar, o de pagar impostos.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: