Lugo, cidade eucarística

Cando un home de negocios quere acrecentar os seus ingresos, procura mellorar as instalacións da súa empresa, o primeiro que fai é buscar un técnico que lle proporcione o proxecto para este fin, por aquilo de que na dinámica humana, a idea precede á execución da obra. En función do proxecto concibido, procurará os materiais a utilizar para que todo resulte conforme ao proxecto elaborado polo técnico.

Este comportamento cualifica positivamente ao empresario, porque o seu xeito de actuar reflicte o comportamento do Señor, que ao crear o universo, pensou facer feliz ao home, ao cal lle regalou un mundo paradisíaco, expresión do infinito amor que lle movía a tal comportamento co seu amigo da terra. Moi rico é o mundo que Deus creou, e moi fermosa a terra, morada do home; o sol que a ilumina; as flores que a perfuman; o branco pan que nos alimenta… Pero os homes tamén temos corazón e “non só de pan vive o home “. Os homes somos froito do amor de Deus, e soamente o amor é capaz de satisfacer os nosos corazóns amasados en amor; os nosos sentimentos necesitan nutrirse de agarimo, e os xardíns exhalan perfume, pero non nutren os nosos afectos, e as súas flores recrean os nosos sentidos, pero non converten os sentimentos de gratitude en espíritos adoradores… Esta é a vocación dos lucenses: ser adoradores de Xesús Eucaristía, presente entre nós.

Cando nos achegamos a un organismo oficial para xestionar algún asunto de importancia, o persoal de servizo pídenos que nos identifiquemos; que demostremos que somos quen dicimos ser. Algo así nos ocorre aos lucenses: dicimos que Lugo é a “Cidade das Murallas”, e facémolo ver mostrando a nosa urbe rodeada dun cinto pétreo, construído polos romanos, alá polo século IV. Dicimos tamén que Lugo é “A Cidade do Sacramento”, porque desde tempo inmemorial, está exposto Xesús Sacramentado, no altar maior da nosa Catedral Basílica. Pero, sobre todo, temos que poder dicir que os lucenses somos cristiáns eucarísticos, non documentalmente, senón vivencialmente. Os lucenses demostraremos que somos cristiáns eucarísticos, se visitamos con frecuencia ao Señor, exposto día e noite na nosa Catedral; se potenciamos o culto ao Santísimo, inscribíndonos nalgunha das asociacións eucarísticas: Adoración Nocturna; Confraría Sacramental… e, sobre todo, valorando e agradecendo a singular presenza de Xesús Sacramentado entre nós.

Noutros tempos, Xesús fixo baixar do ceo “maná” para saciar a fame dos israelitas no deserto. Xesús multiplicou milagrosamente os pans e os peixes para dar comida ás multitudes que o escoitaban no monte. Finalmente, na Última Cea, Xesús mesmo fíxose Pan de Vida, para que nos comulgantes abunde a vida sobrenatural.

Moito amor ten que haber no corazón de Xesucristo, para chegar a tanta entrega; e moito amor pídesenos aos lucenses para corresponder a tal xenerosidade. Pero só así nos identificaremos como cristiáns eucarísticos, se adoramos ao Señor, presente nos nosos sagrarios, e buscámolo como fonte de graza e de vida.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: