Desertización poboacional

A desertización poboacional é un feito na maioría do territorio español, a chamada “España vaciada”. Non analizo o conxunto das provincias afectadas, pois levaríanos a pensar que iso afecta aos outros. Céntrome na diocese de Lugo que abrangue parte de tres provincias e que son 50 concellos (Non incluímos algunhas parroquias pertencentes aos concellos de Arzúa, Guitiriz e Vila de Cruces). Examino datos de 1940 e 2022.

A diocese lucense tiña 414.861 habitantes en 1940 e baixa a 258.192 no 2022, un descenso de 156.669 persoas! Pero o concello de Lugo medrou en 54.406 nese período.

A desertización do territorio diocesano vese agravada excluíndo os concellos de Lugo, Lalín, Melide, Monforte e Sarria, ao baixar de 306.922 a 102.047, un descenso de 204.875 habitantes! É dicir, a poboación dos restantes 45 concellos non é un terzo da de 1940. En varios concellos hai aproximadamente o 20 % da poboación de 1940: por debaixo en Carballedo, Cervantes, Folgoso do Caurel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Samos; apenas por enriba en Baleira, O Incio, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Ribeira de Piquín e Sober. O que supón baixar de 80.031 a 15.612 habitantes!

Non se prevé un futuro optimista cos datos de 2022, pois dos 258.192 diocesanos son menores de 30 anos 56.380 (pouco máis do 20 %) pero os maiores de 65 son 76.530. Os demógrafos alármanse cando os maiores de 65 anos superan aos menores de 15, e aquí superan amplamente aos menores de 30! É máis, os menores de 10 anos na diocese son 16.702 e os maiores de 85 son 18.416, dos que son nenas 8.153 e anciás 11.683.

Agora examino os 45 concellos que baixaron a 102.047 habitantes no ano 2022. Neles son menores de 30 anos 17.263 (un escaso 17 %) e maiores de 65 máis do dobre, 37.835. Pero hai que ter en conta que moitos dos empadroados entre 18 e 30 anos viven fóra por estudos ou comezo da vida profesional. Ademais os maiores de 85 anos son 9.946, máis do dobre dos menores de 10 que son 4.804, que no sexo feminino as 6.091 anciás case triplican ás 2.353 nenas!

Todo apunta a que a fuxida de mozos da España desertizada continuará, polo que en 20 anos se perderá cerca da metade da súa poboación. E que resposta se dá desde a política? Vexamos dous feitos de xullo do pasado 2022:

– Os días 12-14 no debate do Estado da Nación Pedro Sánchez anuncia  subvencionar as viaxes dos trens de cercanías de Madrid e Barcelona.

– O día 18 achégase a Casas de Miravete (Cáceres) e culpa dos incendios ao cambio climático.

Para o presidente, onde hai votantes abondo hai medidas de política económica, pero se hai poucos e empobrecidos só queda culpar á “malvada natureza” que fai medrar a vexetación na primavera que logo seca ou reseca e arde, ou mesmo culpar aos campesiños do cambio climático por ignorantes e mala fe. Pero, non terán que ver os incendios coas medidas anunciadas nese debate?

Debo constatar que as campañas antinatalistas iniciadas no pasado tiveron tanto éxito que van deixar a moitos lugares sen antinatalistas. Mesmo hai, ao menos, dous libros, El Planeta Vacío e Suicidio demográfico en occidente e medio mundo sobre o tema.

Os datos anteriores tamén manifestan que hai pequenos sen irmáns aos que seus pais, avós e bisavós intentan “mercar” o seu cariño, xa que son o centro de atención de todos. Por iso, cando se xunten nunha clase con outros 20, sentiranse postergados, desprezados, abandonados, ninguneados, marxinados, maltratados… Con todo isto, a quen lle pode sorprender que aumenten os seus problemas psíquicos e de convivencia?

Do mesmo xeito afecta á vida da Igrexa e exprésase entre outras cousas no pouco clero, pero cando me din iso acostumo preguntar: “para que quere curas unha sociedade que non cre na vida segundo os datos sociolóxicos?”. Esta falta de cregos, non será un claro sinal anunciador do suicidio desta sociedade? É preciso espertar!. Estamos nun tempo no que hai que cultivar o “resto de Israel” que cre e aposta pola vida e o futuro.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: