A Ofrenda de Galicia ao Santísimo Sacramento: historia e actualidade

Lugo vístese de festa neste domingo da Oitava de Corpus para celebrar con gozo a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na nosa Catedral. Este ano correspóndelle realizar a Ofrenda, como Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, ao representante da cidade de Ourense. O Bispo Mons. José Leonardo Lemos Montanet responderalle ao oferente. Renovarase así unha antiquísima tradición que xorde da necesidade de que o Santísimo estivese esplendidamente alumado para que deste xeito se dignificase o culto ao Señor Sacramentado.

Segundo datos históricos, Juan Velo, coengo maxistral, no cabido celebrado o día dous de outubro de 1666, manifesta que estivo na cidade da Coruña cun rexedor e na conversa falouse das posibilidades dalgunha renda do Reino para o alumado do Santísimo. A proposta foi ben acollida por tódolos membros do Cabido e acordaron que o Lectoral, Juan Pallares e Gayoso, fixese un memorial para presentar ás cidades do Reino co fin da concesión dunha axuda. Ao mesmo tempo escribiríase aos prelados “para que ayuden a fomentarlo con sus bondades y que vayan a cada una de ellas un señor de este lugar” (Actas Capitulares, L, 10’). O día 14 de xaneiro confírmase na Xunta do Reino de xeito que “cada año se ofrezca al Soberano Señor en su altar, y a la misa mayor, día del Corpus Christi, en el nombre de este católico Reino, renovando las memorias del origen de sus armas, y por mano de un capitular, caballero regidor de aquella ciudad que las represente a todas”. A historia está escrita con todo detalle e, resumindo, podemos afirmar que as primeiras celebracións realizáronse con gran solemnidade, nun ambiente de alegría e de festa. Segundo consta nas actas capitulares, mesmo houbo fogos de artificio traídos da Coruña para o acontecemento.

A conciencia da centralidade da Eucaristía na vida da Igrexa e a súa importancia para a vida social e política, así como a certeza da presenza real de Cristo Resucitado no Sacramento, permanece clara na Diocese lucense e na cidade.

Esta celebración, tan unida á solemnidade do Corpus, está a recuperarse nos últimos anos. Tanto a Confraría do Santísimo como a mesma conciencia de participación dos lucenses a través das súas parroquias recuperáronse considerablemente. O Festival  internacional de órgano, os tradicionais concursos de poesía eucarística e fotografía, os cursos de música, as publicacións, as distintas exposicións, a desinteresada participación das corais, a implicación da Xunta de Confrarías, a Adoración Nocturna e os distintos movementos eucarísticos son expresións dunha vitalidade nova. Asimesmo, a fundación do Centro Eucarístico Lucense, a boa atención aos peregrinos e aos turistas, o recoñecemento tanto da Catedral, o Camiño Primitivo e da Muralla como Patrimonios da Humanidade contribúen ao esplendor e o rexurdimento destas celebracións. Por iso podemos afirmar que o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza e fidelidade este misterio da fe, e reafirmar con ledicia que somos e seguiremos sendo a Diocese e a Cidade do Sacramento. Con Valentín Lamas Carvajal volvemos a Lugo a visitar ao Santísimo. Velaquí uns fermosos versos do seu poema “De raiola por Galicia”:

“Vamos a Lugo, vamos alá,

alá que xa!

Pobo en Galicia tan relembrado, a Xesucristo sacramentado

decote mostra na Catedral;

iste é o recordo dunha vitoria, cantan os cregos himnos de groria, brilan as luces no santo altar”.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: