Evanxelizar e eucaristizar vivencialmente na Catedral de Lugo

O Evanxeo vivo

Dous cursos levamos dúas irmás Misioneiras Eucarísticas na Catedral de Lugo, no espazo do encontro con Xesús eucaristía exposto no altar maior.

San Manuel dicía: «no Evanxeo coñecémolo, e no misterio da Eucaristía, relacionámonos con El». Para evanxelizar é fundamental vivir sen rupturas a relación entre Evanxeo e Eucaristía; así, as dúas realidades convértense en «Evanxeo vivo».

O Espírito que o Señor infunde nos nosos corazóns (cf. Rom 5) é quen nos introduce á verdade do Evanxeo, da presenza de Deus e da súa acción salvífica.

Os tres alicerces do noso labor

A acollida, desde a pedagoxía de Xesús, que acolle persoalmente. Sexa peregrino, adorador, un grupo apostólico ou un turista, a todos ten que chegar o Evanxeo. A catedral ten vida e todos deben notala, para poder responder desde aí, cunha inclinación de cabeza ou unha oración ante o Santísimo, cun xesto ou unha admiración ante a arte que presencian.

A amizade é a ferramenta máis valiosa que temos na posmodernidade para conectar coas persoas. Pola Catedral pasa moita xente coa súa historia persoal. Tentamos conectar con eles e facer un seguimento amigable, presentándolles a Xesús.

A presenza viva: nunha Catedral diferente a todas, con pedras vivas que nos falan de Xesús, tentamos espertar esa sensibilidade eucarística desde a liturxia e o silencio.

O Evanxeo polo camiño eucarístico

San Manuel ensinaba que se chega a un encontro co Evanxeo por medio da Eucaristía; porque, entrando nunha relación profunda co Señor, sente a necesidade de buscalo e seguilo.

Na Catedral, acompañadas pola exposición permanente do Santísimo, procuramos, evanxelizar por medio da Eucaristía.

Irmás Esther e Mónica

Misioneiras Eucarísticas de Nazaret

Xornada das persoas sen fogar

O 27 de outubro é a Xornada das persoas sen fogar problema que se agravou nos últimos anos e que ten as súas raíces nun modelo socioeconómico xerador de descarte e expulsións, e que ten o seu maior impacto nas persoas sen fogar.

Son máis de 40.000 persoas as que seguen estando en situación de sen fogar en todo o territorio español. A estas engádense os miles de familias afectadas por algún dos 59.671 desafiuzamentos que se realizaron en 2018 en toda España, un 62,5% deles tiñan unha vivenda en aluguer e outro 31,7% dos casos derivan de execucións hipotecarias.

Cáritas propón liberarse de prexuízos e medos, e aproximarse á realidade do sinhogarismo, sobre todo ás persoas que o sofren, entendendo a súa situación como unha vulneración de dereitos humanos e de dignidade que ten solución.

Na campaña deste ano destaca o rostro dunha muller, dado que sofren maior invisibilidade e vulnerabilidade nas situacións de sen fogar.

[Materiais]

Entrega de certificación de calidade a Cáritas Lugo

O xoves 24 de outubro, a responsable de Apluss Ana San Román entregou a Certificación de Calidade ISO 9001 ao Director de Cáritas Diocesana de Lugo Ginés F. Plaza Fernández.

No acto interviu o Bispo de Lugo Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco, e sinalou que “son numerosas as Cáritas diocesanas que teñen certificados de calidade, certificándose total ou parcialmente a súa acción. Pero o que fai distinta a Cáritas Diocesana de Lugo é que ademais de ter certificados os seus centros e programas, tamén ten certificadas as súas Cáritas parroquiais e interparroquiais, e nisto é a primeira Cáritas diocesana en España que ten este tipo de certificación”.

Actos de Cáritas Lugo con motivo do Día Europeo contra a Trata

Con motivo do Día Europeo contra a Trata, o 18 de outubro, Cáritas Lugo organiza os seguintes actos:

Durante a mañá (até as 13.30 h) colocación de paneis informativos na praza Maior de Lugo con explicaación sobre o que é e o que supón a trata de persoas, mostrando datos, testemuños de vítimas e as actividades que desenvolve o programa de Atención a Mulleres Vítimas de Violencia, Trata e Explotación Sexual de Cáritas de Lugo.

Pola tarde (19 h) proxectarase no Museo provincial, o vídeo elaborado por Cáritas de Lugo Di non á Trata, no que participaron entre outras autoridades o Bispo de Lugo, a subdelegada do Goberno, a secretaria Xeral de Igualdade ou a alcaldesa da cidade, así como deportistas (xogadores do Breogán e do Club Deportivo Lugo) e personalidades do mundo da cultura (como o director e guionista, Jorge Coira).

Cáritas Lugo forma parte da Rede Galega contra a Trata, que celebrou a oitava xornada sobre o tema o xoves 17 de outubro en Ferrol, con participación da coordinadora da Área de Muller da Cáritas lucense.

Cáritas Diocesana de Lugo leva máis de 10 anos prestando un “Servizo de atención integral para vítimas de trata con fins de explotación sexual”.

Concerto na Catedral do organista Giulio Mercati

O mércores 25 de setembro, ás 20.45 h, a Catedral de Lugo acollerá un concerto do organista italiano, Giulio Mercati. É o primeiro dunha serie de tres concertos que este organista dará entre este ano e o seguinte coa intención de sensibilizar sobre a necesidade de recuperar o órgano da Epístola da catedral lucense. A entrada é libre e gratuíta.

O ano que vén cúmprese o centenario do inicio da construción do órgano da Epístola polo organeiro Frei Manuel Fernández e o artesán local, José Sal.

O órgano da Epístola é un instrumento de gran singularidade, pola súa beleza e capacidades expresivas. O seu complexo sistema de transmisión pneumático tubular, así como a practicamente enteira disposición horizontal dos seus tubos fan deste instrumento un unicum no mundo da organería.

Co paso dos anos este instrumento viu diminuída a súa funcionalidade técnico expresiva e, por iso, imponse a necesidade de recuperalo tanto para o acompañamento musical da liturxia cotiá como para a interpretación de concertos ou recitais.

No ano 2015 unha importante intervención de restauración logrou frear o proceso de degradación do instrumento. No entanto, agora faise necesaria unha restauración completa que devolva o esplendor e as capacidades mermadas que posúe o órgano da Epístola.

Este concerto e os próximos teñen a intención de sensibilizar sobre a necesaria restauración, recuperación e conservación deste órgano e a consecuente procura de fondos para levar a cabo a intervención.

A %d blogueros les gusta esto: