A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza o Certame de Investigación Condado de Pallares, que na súa undécima edición gañárao Alberta Lorenzo Lastres cun traballo sobre o traslado dos templos románicos. No ano 2022 volveu gañar o Certame, e nesa ocasión abordara como eran os templos románicos no conxunto dos mosteiros femininos. Este último traballo acaba de ser publicado co título A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos e preséntase o venres, 27 de setembro, ás 19:30 h no Cuartel Vello de Taboada.
A doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña Alberta Lorenzo ten publicacións sobre a Vía da Prata, o Camiño Portugués, os cruceiros de Betanzos e Sanxenxo. E na revista Lvcensia (nº 63) o artigo “A arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade”.
As persoas aumentan o seu sentido en vida ao estar asociadas e ao ter conviccións relixiosas, existindo unha interacción entre ambas as variables que acentúa tal sentido. É algo que miden o test PIL [Purpose-In-Life] e Logotest. O test PIL é menos sensible ás conviccións relixiosas que o Logotest.
– As persoas asociadas con conviccións relixiosas considéranse con maior capacidade de control sobre as súas vidas.
– O factor flexibilidade axiológica (do Logotest) mostra unha menor flexibilidade nos asociados con conviccións relixiosas, no relativo á dialéctica entre relativismo e dogmatismo.
– Hai un efecto beneficioso para a saúde mental da apertura aos outros en forma institucionalizada, como é o asociacionismo.
– Entre os asociados con conviccións relixiosas hai un balance existencial positivo, que vai acompañado do achado de metas e tarefas a realizar.
– O sentido na contorna parece potenciado nos adultos con conviccións relixiosas que non se asociaron, orientándose máis cara á familia que ao exterior.
O texto anterior é un extracto do artigo publicado en Nous: Boletín de Logoterapia y Análisis Existencial, 51 por Ángeles Noblejas, que é doutora en Ciencias da Educación e Vicepresidenta da Asociación Española de Logoterapia.
O sábado 28 de setembro na Casa Sacerdotal de Monforte (r/Manuel María, 22) María Ángeles Noblejas será unha das participantes na Xornada de formación “Darlle un sentido á vida”.
O 18 de setembro presentouse no Museo Provincial o libro Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular. De la cera a los cuadros votivos, de José Fuentes Alende. Presentaron o acto Iria Castro, Delegada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Contouse coa presenza do prologuista José Manuel Blanco Prado, que sinalou que “con esta obra o autor situase como autor máis importante en Galicia de ofrendas e exvotos. Ademais, é un libro a ter en conta na relixiosidade popular do Estado español e na relixiosidade popular a nivel mundial”.
A conclusión do acto correu a cargo do autor, José Fuentes, que, entre outras cuestións, dixo o seguinte:
“Cito xemplos de que practicaban a relixiosidade popular desde os membros do clero, xentes da nobreza, da burguesía, de todo tipo, ofrecían a uns santuarios exvotos de trigo, por exemplo, animais vivos, hábitos… o que segue facéndose, hoxe, en moitos santuarios”.
“Hai diversos tipos de exvotos, a priori ou a posteriori.
“A priori son os que facemos por unha enfermedade ou por un perigo, pedindo a un santo a súa intercesión para que nos cure, para que nos salve dese perigo, e logo ofrecerlle unha dádiva, que é de obrigado cumprimento.
“A posteriori son os que se ofrecen por ter recibido ese favor de Cristo, da Virxe, do santo.
“Os exvotos máis frecuentes son os de cera, desde as velas ata as figuras de cera, de partes do corpo, tanto exteriores como interiores. Hai figuras humanas de nenos que poden obedecer tanto a enfermidade do rapaz como a problemas de fecundidade. Hainos tamén de madeira, principalmente pernas e brazos, que atopei nos santuarios dedicados a San Mauro, protector principalmente da reuma. Hai exvotos metálicos, ou lámpadas, das que teño localizadas oito, especialmente do século de XVII, e todas por un mesmo estilo”.
Retablo de Santo André de Ribeiras de Miño, antes e despois da restauración
A igrexa da parroquia de Santo André de Ribeiras de Miño -Ferreira de Pantón- ten un retablo barroco do século XVIII que estivo a ser restaurado nos últimos meses nunha intervención financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura. O domingo 28 de xullo organizouse unha exitosa xornada de difusión sobre o traballo realizado.
Durante os traballos de restauración atopouse unha inscrición segundo a cal o retablo, profusamente decorado, quedou terminado en 1789. Descoñécese quen foron os seus autores. As esculturas son de factura popular e presentan unha calidade artística de talla moi notable. Destacan dúas figuras humanas que, situadas en ambos os extremos da base do retablo, parecen soster todo o conxunto. É algo infrecuente nun retablo desa época, aínda que na Ribeira Sacra si hai máis presenza deste tipo de esculturas.
Entre outras actuacións, reparáronse gretamentos e restituíuse a pintura perdida respectando a coloración orixinal. Os restauradores foron Ana Celard Fernández, Clotilde Lemoine e Mario Trujillo (Conservatio).
A igrexa parroquial de Ribeiras de Miño, no lugar de Ribela, foi construída no século XVII. Conserva elementos de épocas anteriores e tamén pasou por diversas reformas en tempos posteriores á súa edificación.
Cáritas Diocesana de Lugo alcanzou un fito significativo coa celebración do seu 60º aniversario, un evento que destaca a duradeira dedicación da organización á caridade e ao traballo social.
A Eucaristía de acción de grazas celebrada o 4 de xuño, na Catedral de Lugo, presidida polo Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, é un testemuño do compromiso continuo da comunidade cos valores de solidariedade e apoio mutuo.
A participación de sacerdotes, voluntarios, traballadores e colaboradores reflicte a ampla rede de persoas que contribuíron ao impacto positivo de Cáritas na diocese.
Ao longo de seis décadas, Cáritas Diocesana de Lugo foi un alicerce fundamental na prestación de axuda aos máis vulnerables, adaptándose aos cambios sociais e económicos para seguir sendo relevante e efectiva na súa misión.
Esta celebración non só honra o pasado, senón que tamén renova o compromiso da organización co futuro, asegurando que continúe sendo unha forza de cambio e esperanza na sociedade.