A paz, algo máis ca un sentimento!

O Papa Francisco foi proposto para o Nobel da Paz no 2016, pero non lle foi concedido e aventúrome a prognosticar que tampouco llo darán en anos sucesivos. A San Xoán Paulo II tampouco llo deron, a pesar de ser proposto en varias ocasións polo seu traballo constante pola paz e máis de 50 intervencións para impedir a Guerra do Golfo contra Iraq… Algúns dirán que non llelo dan por ser líderes relixiosos. Por que entón llelo deron ao Dalai Lama (1987) e ao bispo anglicano Desmond Tutu (1984)?

Pero non só quedou sen o Nobel Xoán Paulo II e quedará Francisco, senón que tamén quedaron sen el auténticos pacifistas entre os que sobresae Mahtama Gandhi, a pesar de ser proposto en 5 ocasións, pero si se lles outorgou a varios que non son exemplo de pacifistas.

En 1981 a Asemblea Xeral declarou como Día da Paz o da apertura do período ordinario de sesións en setembro, pero houbo que agardar ao 7 de setembro de 2001 a que a ONU fixara un día concreto para celebrar o Día Internacional da Paz, que será o 21 de setembro a partir do 2002 (resolución 55/282).

No ámbito escolar, no ano 1964, púxose en marcha o “Día Escolar da Non-violencia e a Paz” como unha iniciativa non estatal, independente, libre e voluntaria de Educación Non-violenta e Pacificadora. Celébrase o 30 de xaneiro, aniversario da morte de Gandhi, ou un día próximo, pero no Hemisferio Sur por razóns de calendario soe trasladarse ao 30 de marzo ou a días inmediatos.

Na Igrexa Católica xa no ano 1967 o Papa Paulo VI (tamén sen o Nobel) institúe o 1 de Xaneiro como Día da Paz e o 8 de decembro asina unha Mensaxe para o 1 de Xaneiro de 1968. Desde entón nunca faltou unha mensaxe do Papa para ese día, que asina polo 8 de decembro. A mensaxe de 2017 é, por tanto, a mensaxe número 50, medio século de mensaxes!.

O Papa le a mensaxe o 1 de xaneiro aos membros do Corpo Diplomático ante a Santa Sé. Os medios de comunicación fanse eco desta mensaxe para coñecemento xeral.

Estas mensaxes son unha parte significativa da Doutrina Social da Igrexa, que apenas se ten en conta. Para facernos unha breve idea imos citar o título dalgunhas, que nos mostran como promover unha serie de actitudes necesarias para a construción da Paz:

Paulo VI: “A promoción dos Dereitos do Home, camiño cara a paz” (1969),  “Se queres a paz, traballa pola xustiza” (1972) “Non á violencia, si á paz” (1978)

Xoán Paulo II: “Para servir á paz, respecta a liberdade” (1981), “Para construír a paz, respecta ás minorías” (1989), “Se queres a paz, sae ao encontro do pobre” (1993), “Non hai paz sen xustiza non hai xustiza sen perdón” (2002).

Benedicto XVI: “Combater a pobreza, construír a paz” (2009), “Se queres promover a paz, protexe a creación” (2010), “A liberdade relixiosa, camiño para a paz” (2011).

Francisco: “Non escravos, senón irmáns” (2015), “Vence a indiferenza e conquista a paz” (2016). A súa mensaxe para 1 de xaneiro de 2017, asinada e coñecida o 8 de decembro de 2016, leva por título, “A non-violencia: un estilo de política para a paz”. É unha mensaxe oportuna, pois se pensamos que a paz se consegue coa violencia, non pensamos nin moito nin ben, pois coa violencia sempre gañará o máis forte, violento, tramposo, poderoso… O texto merece unha lectura sosegada, e para abrir o apetito vou salientar o que segue:

Responder con violencia á violencia leva, NO MELLOR DOS CASOS, á emigración forzada e a un enorme sufrimento, xa que as grandes cantidades de recursos que se destinan a fins militares son quitadas das necesidades cotiáns dos mozos, das familias en dificultade, dos anciáns, dos enfermos, da gran maioría dos habitantes do mundo. NO PEOR DOS CASOS, leva á morte física e espiritual de moitos, se non é de todos. (nº 2)

Despois de referirse a Gandhi, K. Abdul Ghaffar Khan e M. Luther King engade: “En especial, as mulleres son frecuentemente líderes da non violencia, como, por exemplo, Leymah Gbowee e miles de mulleres liberianas, que organizaron encontros de oración e protesta non violenta (pray-ins), obtendo negociacións de alto nivel para a conclusión da segunda guerra civil en Liberia

Non cansemos nunca de repetilo: «Nunca se pode usar o nome de Deus para xustificar a violencia. Só a paz é santa. Só a paz é santa, non a guerra».” (Nº 4)

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: