Miguel Ángel Álvarez: A fe fai que a nosa vida sexa plena

A fe non só se presenta como un camiño, senón tamén como unha edificación, como a preparación dun lugar no que o home poida convivir cos demais”

Así di a cita do número 50 da Lumen Fidei. Certamente, con frecuencia, falamos da fe como un camiño e, como tal, así tratamos de facelo: camiñar ata o encontro definitivo con Deus. Un camiño que, por outra banda, comezamos cando o mesmo Deus quixo chamarnos á existencia.

Pero o Papa, ademais, convídanos a ver a fe tamén como unha edificación, como un “lugar” no que o home poida “vivir” e “convivir” cos demais. Efectivamente, esta é a gran achega da fe, non só algo que nos sirva para despois da morte, senón como algo que, xa desde agora, fai que a nosa vida, e a dos demais, sexa auténtica, sexa unha VIDA con maiúsculas.

Como case sempre, as aparencias enganan. Mirando fría e materialmente a vida dun cristián e a dun non cristián non se distinguen en nada. Ambos teñen que comer e traballar, ambos terán momentos alegres e tristes, éxitos e traballos, enfermidade e saúde… pero, non podemos confundir vivir con sobrevivir. Os animais sobreviven, as persoas tratamos de vivir. A fe fai que a nosa vida sexa plena. Un non crente non pode esperar nada máis aló da morte, un cristián pódeo esperar todo.

Nós, os que tentamos seguir a Cristo no camiño da fe, vivimos cunha esperanza que non se esgota nunca, e isto é, precisamente, o que nos fai vivir, xa desde agora, coma se estivésemos no mesmo ceo. De nós depende que edifiquemos ben “esta casa” para convivir como irmáns.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: