Miguel Ángel Álvarez: Os sacramentos, algo máis que un acto social

Falar de sacramentos non é algo estraño na maioría da poboación. Así, dicimos: “O domingo é o bautizo do meu sobriño”, “este ano teño dúas vodas”, “o domingo teñen os nenos catequese de Primeira Comuñón”, “pasadomañá son as confirmacións”, ou “o día da miña voda”…

Son expresións que se oen a calquera hora, e que reflicten como os sacramentos están presentes na vida das persoas e da sociedade, e, tamén, como condicionan aos “convidados” a estas celebracións.

Pero, a abundancia non é sinónimo de calidade, nin de que esteamos a facer ben as cousas. Por iso, a miúdo, os sacramentos quedan reducidos só a un acontecemento social.

Vaiamos, un día máis, ás palabras do Papa na encíclica Lumen Fidei, que nos di no número 40: “O espertar da fe pasa polo espertar dun novo sentido sacramental da vida do home e da existencia cristiá, no que o visible e material está aberto ao misterio do eterno”.

Dicimos ás veces que o urxente non é sempre o importante, pero neste caso, é urxente tomarse en serio o importante. E importante é a vida sacramental dos cristiáns.

Os sacramentos son para transformar nosa “vida vella” nunha “vida nova”. Posiblemente esteamos durmidos e por iso necesitamos espertar a un novo sentido sacramental da nosa existencia.

Sen este espertar, seguiremos facendo festa cada vez que celebramos un sacramento, pero, sen dúbida, non estaremos a aproveitar todos os beneficios que o Señor trata de darnos a través destas accións salvíficas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán – Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: