O delito da Igrexa

Marcos TorresPamplona, Oviedo, Lleida, Barcelona, Murcia, Sevilla, Narón… E máis.

O pasado martes tocou na Universidade Autónoma de Madrid onde disque algúns e algunhas estudantes, valentemente encapuchados e encapuchadas e posuídos e posuídas por un brote de eunuca intelixencia, violaron a capela católica desa universitas magistrorum et scholarium. Encheron o chan e o mobiliario de pintura vermella (que gasto máis parvo!) e tiveron a marabillosa ocorrencia de escribir nas paredes (sen faltas de ortografía -milagre!-) unhas frases moi deste século (ironía en “modo on”): “Aborto libre” e “Educación Laica”.

Ata aquí os feitos; denigrantes, condenables, aborrecibles. Agora, se mo permites, poñemos o toque de humor lendo a explicación que dan estes fascistas pseudoterroristas do porqué do atentado. Segundo eles “esta acción pretende despertar ese espíritu crítico que no quieren que tengamos y reclamar esa universidad libre que todos buscamos cuando pasamos selectividad”. Isto rezaban (perdón pola inclusión dun verbo tan confesional) os pasquíns que deixaron tirados polo chan dese lugar sagrado. Volve lelo; verás como sorrís.

Espírito crítico que non queren que teñamos? Reclamar esa universidade libre? Seica si. E quen hai que atacar? Correcto! A eses molestos e latosos personaxes que cren, seguen e adoran a un desafiuzado de Nazaret que lles dixo que o amor había ser sempre a maior das leis. Delito.

Dicía Graham Greene que “as bágoas só serven para regar as verzas”. Como non teño horto, paso de chorar. Certo que non imos alimentar a fogueira do odio que estes inquisidores de vello cuño pretenden avivar cos seus actos; poden esquecerse. Pero (síntoo; ou non) si imos seguir chamando ás cousas polo seu nome: vida á vida, amor ao amor, liberdade á liberdade e igualdade á igualdade. E con grande orgullo sabendo que só as contribucións críticas e libres son as únicas capaces de cuestionar con eficacia as ficcións dominantes. De nada. Isto non é delito.

A grande maioría das persoas cristiás non son ilustres, nin saen nos xornais, nin teñen centos de miles de euros nos bancos, nin sequera son coñecidas máis aló da súa aldea pero si aman, viven e esfórzanse teimudamente por ser cada día mellores. Grande delito, non? Que pena de sociedade!

Por certo, estes actos de persecución son menos intelixentes que cuspir para riba e poñerse debaixo; algúns tentaron antes rematar coa historia da Igrexa e xa están no recuncho máis escuro da historia e a Igrexa, en troques, tan viva coma sempre. Pensarán que si pero non lles será doado, non; será, sinxelamente, imposible.

Confeso que sinto certa pena cara estes rebeldes inútiles porque no fondo nunca saberán que a súa eterna derrota está en que son enganados polos profesionais do poder. Si, marionetas dun poder. Dun poder ao que se resistiu Xesucristo e os seus. Un poder que non soporta que estes “nazarenos” de hoxe (e de onte) poidan ser, pola forza divina do fundador, a grande enerxía da civilización. Un poder que non pode aturar que a Igrexa permaneza insubmisa ao seu control e use os seus espazos para alimentar criterios alternativos aos politicamente dominantes.

Pero non teñen medo, non desconfían (isto pode que si sexa un delito).

 

Marcos Torres

Delegado para as Vocacións

Leave a Comment

%d bloggers like this: