“O que estea sen pecado, que tire a primeira pedra”

pedra

Con estas palabras resolve Xesucristo a polémica creada polos escribas e fariseos sobre o castigo que querían aplicar a unha muller adúltera. Din que hai poucas verdades absolutas, esta é, sen dúbida, unha delas: “o que estea sen pecado que tire a primeira pedra (Xn 8, 1-11)”. Así é. Non hai ningún humano sen pecado, ata o máis santo ten pecados. No bautismo quedamos limpos da mancha do pecado orixinal, pero a condición de pecadores acompañarános toda a vida. Aínda así, malia os nosos pecados, somos moi afortunados, pois o único que non ten pecado e que podería tirar a primeira pedra non o vai facer: “Tampouco eu non te condeno. Anda, e desde agora non peques máis”.

Fai poucos días dicía o Papa Francisco: “Se non te ves pecador como vas experimentar a misericordia de Deus?” Só quen se sabe pecador pode experimentar a graza e os beneficios da proximidade de Deus, que é infinitamente misericordioso.

A adúltera do Evanxeo, do mesmo xeito que outros moitos que acudiron a Xesucristo para que os sanasen, sufriu as consecuencias do pecado pero tamén experimentou a comprensión e o amor de Deus. O pecado é condenado, pero a persoa é perdoada, restaurada e promocionada. Xa nada volve ser como antes logo de ser lavados e acariñados polas mans de Xesucristo.

O Ano da Misericordia e a Coresma son unhas boas ocasións para provocar un encontro co Deus de Xesucristo. Moitas veces condiciónannos os prexuízos e os respectos humanos. Cremos que por non pensar nos nosos pecados ou non querer velos xa deixan de existir. Outras veces consolámonos ou distraemos a atención apelando a unha liberdade ou conciencia feita á nosa medida e segundo os nosos criterios. Pero, por moito que tratemos de acalar a voz de Deus que fala á nosa conciencia, antes ou despois, todos sentiremos necesidade do abrazo tenro do Pai que cure as feridas da nosa alma.

Miguel Ángel Álvarez

Leave a Comment

%d bloggers like this: