O testamento vital

testamentovital_462

O pasado 22 de xuño o Parlamento galego aprobou, por unanimidade, unha lei de dereitos e garantías dos enfermos terminais. Unha lei que, por afectar o valor da vida humana é de singular importancia. E que precisamente por tratarse dunha esixencia ética respecto da forma de morrer, é un signo privilexiado dos valores e do dereitos socio-políticos da persoa. A metodoloxía coherente para expor os problemas éticos do morrer é a que se fundamenta no valor da vida humana, valor que ás veces se atopa en conflito con outro valor, en concreto o valor de morrer dignamente. Cando esas situacións conflitivas non existen, ningunha ética razoable atopará dificultades en manter e defender o valor da vida humana no paciente (próximo ou non ao desenlace final). As preocupacións xorden cando existe un conflito entre o valor da vida e outras realidades que tamén se xulgan como valores.

Os tratamentos paliativos cando xa se achega o final, poñen en xogo moitos valores éticos que convidan á reflexión e á procura da verdade, máis aló do simplismo e do relativismo dominante. Fronte ao valor da vida humana do paciente próximo ao desenlace final (ben sexa por vellez ou por enfermidade) soamente pode constituírse en auténtico conflito ético o valor do morrer con dignidade.

A este respecto, non podo máis que suxerir aquí a necesidade de reflexión e algúns principios xerais que poden extraerse do chamado `Testamento vital católico’ que propuxo a Conferencia Episcopal Española no ano 2010 e que máis aló do formalismo xurídico, expresa unha toma de postura nalgúns aspectos da bioética. Transcríboo coa intención de que se coñeza e de convidar á reflexión:

“Á miña familia, ao meu médico, ao meu sacerdote, ao meu notario:

Se me chega o momento en que non poida expresar a miña vontade acerca dos tratamentos médicos que se me vaian a aplicar, desexo e pido que esta declaración sexa considerada como expresión formal da miña vontade, asumida de forma consciente, responsable e libre, e que sexa respectada coma se fose un testamento. Considero que a vida neste mundo é un don, unha bendición de Deus, pero non é o valor supremo e absoluto. Sei que a morte é inevitable e pon fin á miña existencia terrea, pero creo que me abre o camiño á vida que non se acaba, xunto a Deus.

Por iso, eu, o que subscribe, pido que se pola miña enfermidade chegase a estar en situación crítica irrecuperable, non se me manteña a vida por medio de tratamentos desproporcionados; que non se me aplique a eutanasia (ningún acto ou omisión que pola súa natureza e na súa intención cause a miña morte) e que se me administren os tratamentos adecuados para paliar os sufrimentos. Pido igualmente axuda para asumir cristiá e humanamente a miña propia morte. Desexo poder prepararme para este acontecemento, en paz, coa compañía dos meus seres queridos e o consolo da miña fe cristiá, tamén por medio dos sacramentos.

Subscribo esta declaración despois dunha madura reflexión. E pido que os que teñades que coidarme respectedes a miña vontade. Designo para velar polo cumprimento desta vontade, cando eu mesmo non poida facelo a… Faculto a esta mesma persoa para que, neste suposto, poida tomar no meu nome as decisións pertinentes. Para atenuarvos calquera posible sentimento de culpa, redactei e asino esta declaración”.

Mario Vázquez

Vicario Xeral

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: