O xogo do cristianismo. Os primeiros séculos na Diocese lucense

Mapa de Ptolomeo. (Figura en “A Gran Historia de Galicia”, La Voz de Galicia 2007)

Preguntarnos polo inicio de calquera amor non é unha tarefa doada: ao principiou distinguíache entre a xente. Eras unha persoa máis que camiñaba na mesma dirección aínda que paralelamente, pero chegou un día en que nos cruzamos. Desde ese intre camiñamos xuntos. Logo vivimos xuntos e, despois, naceron os nosos fillos que selaron a nosa alianza.

É un símil que nos permite falar do compoñente cristián nos primeiros séculos na Diocese lucense. Sería pueril crer que chegou un notable bispo e asentouse a partir do primeiro século do cristianismo conforme ía difundíndose esta novidade. A expansión nos primeiros séculos podémola imaxinar como un grupo de seguidores do Nazareno que vai penetrando nas diferentes clases sociais sen maior ánimo que o de seguir as doutrinas do Mestre, doutrinas que non eran entelequias, senón que tiñan aplicación práctica na vida cotiá. A novidade do cristianismo estaba en que tiña consecuencias na maneira de vivir: unha crenza que tiña implicacións na vida cotiá, algo inexistente na relixión romana. Non se distinguía ben ao principio que era iso de ser cristián.

Quizais os primeiros cristiáns lucenses camiñaron no medio da masa sen maior pretensión que ser consecuentes coa súa fe. E quizais os primeiros cristiáns que chegan a Lucus Augusti viñan como soldados formando parte das lexións romanas. Do mesmo xeito que outras sensibilidades relixiosas, por exemplo o mitraísmo, convivían dentro do estamento militar; tamén o propio cristianismo causou impacto nun grupo non moi numeroso de soldados. Ese talante disciplinario, pero non o discurso bélico co que se caracteriza o exército, concordaba coa nova relixión. Do mundo militar, o cristianismo, vai tomando a súa propia linguaxe. Lémbrese o caso da palabra sacramentum, que non é outra cousa que o xuramento que facían os soldados ao principio da súa misión.

O cristianismo é unha relixión que vai tomando ideas da realidade na que se atopa para expresarse.

Sabemos que a tolerancia do cristianismo non sucede até o ano 313 co edicto de Milán e Constantino, e que non pasa a ser relixión oficial do Imperio até o emperador Teodosio, no ano 375. Esas realidades ocúltannos, ou non permiten afirmar con claridade, a existencia do cristianismo nestas terras, pero o que podemos afirmar é que si existirían cristiáns.

O descubrimento da ara adicada a Mitra xunto á Catedral fainos pensar máis que de guerras dunha relixiosidade militar, e sobre todo no século III. Tampouco temos mártires nin casos de persecución relixiosa que nos fale dunha evanxelización precoz, case inmediata aos apóstolos. A min, particularmente, gústame imaxinar que os primeiros cristiáns que houbo nestes extremos do finis terrae, eran homes e mulleres cunha filosofía de vida moi marcada, que eran consecuentes coas súas crenzas e que pasaron pola vida facendo o ben sen loitas dialécticas. Houbo cristiáns en Lugo nas lexións romanas? Nunca o saberemos a non ser que se lean outro tipo de pegadas até agora refugadas. Xa sería máis difícil afirmar que o Camiño -así denominado o cristianismo no libro dos Feitos dos Apóstolos- penetrase nos indíxenas sobre todo á hora de adoptar unha relixiosidade diferente ao paganismo no que estaban habituados a vivir. Senón para mostra vease o De correctione rusticorum do noso San Martiño de Braga ou de Panonia (século V d.C.). Neste libro vese un esforzo por conducir á fe aos rudos homes do campo non cancelando ou condenando as súas prácticas, senón enchéndoas dun novo contido. Lembro neste caso os rezos que debían substituír as invocacións a determinados seres divinos ao recoller as herbas do campo.

Nos tempos do Arde Lucus -ambientada entre o século I a. C. e o V d. C- o fenómeno do cristianismo sería un xogo de nenos, a súa incidencia sería pouco significativa.

Óscar González Murado

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: