Onde están os mortos?

Nos próximos días imos celebrar a solemnidade de Todos os Santos e a conmemoración dos fieis defuntos. O mes de novembro revolve os sentimentos e recordos dunha forma especial. Os nosos defuntos fanse presentes dun modo distinto ao habitual, e quero pensar que non é só por unha simple tradición cultural.

Unha das preguntas que máis me fan como cura é: onde están os mortos? onde van? Tamén me preguntan moito se na outra vida imos recoñecernos. Isto último respóndese fácil e rapidamente: claro que si. A outra pregunta tamén ten doada resposta: os nosos defuntos están con Deus ou non están en ningún lado (léase, o inferno). Vou intentar razoar un pouco máis todo isto. A ver se consigo que teñamos máis confianza ante aquilo que, aparentemente, pon fin á existencia dos nosos días terreos e temporais.

Se temos claro que Deus existe, non deberiamos ter maior problema para saber onde están os nosos defuntos. Deus, por natureza, é eterno. Polo tanto, se conseguimos chegar ata El, tamén participaremos da súa mesma vida divina á que vai unida a súa eternidade. Para isto necesitamos que haxa alguén que estea en condicións de “pagar a peaxe” por nós: Xesucristo, o Fillo de Deus, que carga cos nosos pecados na cruz para que poidamos facer o camiño que nos leva ao ceo, limpos de pecado e libres de pesadas cargas inútiles. Os cristiáns, ante a realidade da morte, temos a confianza de saber que estamos en mans dun Deus Pai que, por amor, enviou ao seu Fillo ao mundo para que non se perda nada do que El fixo, e para que o Espírito Santo cree de novo todas as cousas.

Para os que non cren en Deus, as cousas son un pouco máis difíciles ou escuras. Dio Pilar Rahola no pregón do Domund deste ano: “Estamos tan sos ante a morte os que non temos a Deus por compañía!” Se non existe Deus, tampouco hai vida eterna e a esperanza remata, no mellor dos casos, un segundo antes do último alento. E medio segundo despois ou, se queren, un segundo despois do funeral (se é que o houbo, porque tampouco tería moito sentido) todo, absolutamente todo, terminaría, e quedarán só uns cantos recordos na memoria, pero sen ningunha esperanza. Neste caso só pode dicirse que os defuntos están na morte eterna. Esta posibilidade crea moitas incertezas. A primeira é saber de onde vimos e quen pensou en nós, pois o azar non crea nin ama, e menos con esta perfección. A segunda, é sobre o mesmo sentido da vida: merece a pena loitar e esforzarse por algo que pode rematar en calquera momento?

Máis que preocuparnos do alén ou dos seus detalles quizais deberiamos facernos outra pregunta, a mesma que se fixo no seu día santo Tomé de Aquino: Hai vida antes da morte? (Cita do bispo Munilla nas redes sociais). Efectivamente, a confianza na vida eterna vai depender moito das bases sobre as que construamos a nosa vida terreal. Se a de agora é unha vida segundo Xesucristo, a morte e o que veña despois será “carne sen ósos”. Será un paso que deamos con confianza e con total tranquilidade, porque, por fin, veremos e coñeceremos en primeira persoa e sen ningún tipo de veo a quen antes xa tratamos e quixemos. Se Cristo non existise, o noso destino sería só a escuridade e frialdade dun sepulcro, pois ninguén nos lembraría cando pasen dúas ou tres xeracións máis.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán  

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: