Pastoral de defuntos e “o punto limpo”

Se cadra vistes o outro día o programa de humor Land Rober na TVG. En clave de humor falouse dos funerais civís e dixo que era como levar o defunto “ao punto limpo” e deixalo alí.

Quero aclarar que non teño nada en contra dos funerais civís. Considero que son un acto de profunda coherencia para quen non cre en Deus. Máis aló da simple broma, non se pode comparar unhas exequias civís coa actividade dun “punto limpo”. O non crente non perde a súa dignidade de persoa nin deixa de ser querido polos seus, só faltaría. Ademais, no fondo, neste tipo de actos percíbese o desexo de eternidade e de que a morte non sexa o final absoluto: faise mención ás virtudes do defunto e maniféstase o desexo de que non morra para sempre.

Xa sei que este tema non é para facer bromas. Unha vez pasada a graza inicial non puiden sacar esta comparación da cabeza. Non polos funerais civís, que xa o aclarei antes, senón porque as confusións en materia de fe e costumes dos que nos chamamos cristiáns, ou solicitamos exequias eclesiásticas para os nosos defuntos, poden levarnos a facer cousas estrañas que non teñen demasiado sentido.

O 90% das veces que os fieis acoden aos curas, sobre todo nas zonas rurais da nosa Diocese, é por asuntos de pastoral de defuntos. Para os funerais de enterro xa nos chaman os da funeraria. Despois está a gran odisea de encargar misas por defuntos e atopar o día e a hora en que poidan vir todos (curmáns, sobriños e demais familia) ao aniversario, sen madrugar moito e volver ás súas casas antes de que sexa de noite.

Para cumprir con todo isto é no que gastamos a maior parte do noso tempo os sacerdotes ou, polo menos, as mellores horas do día e da fin de semana. Tampouco é un problema gastar o tempo, para isto estamos, para servir aos fieis, rezar con eles e por eles.

O problema é o que nos toca ver moitas veces e que nos produce bastante tristeza. Vemos a familias enteiras que descoñecen o que é rezar por un defunto, encomendalo a Deus, celebrar a Misa por el, etc. Persoas que nunca pensaron no que supón que Cristo resucite e que antes morrese na Cruz, para o perdón dos nosos pecados e poder ter unha opción (ou moitas) de salvarnos.

Se non cultivamos a nosa fe e a nosa vida espiritual, o cemiterio fácilmente convértese nun “punto limpo”. Cando un electrodoméstico deixa de funcionar ou  quedou obsoleto levámolo ao “punto limpo” para que desapareza, porque é un final sen retorno.

Para os cristiáns o cemiterio e a sepultura son signos de esperanza na resurrección. Lonxe de ser o final, son o comezo de algo absolutamente novo, a Vida Eterna.

Para rematar permítanme dous pequenos consellos máis. Non fagan as cousas por facer, ou por quedar ben, ou “polo que dirán”. Por favor, non fagan un simple “paripé”. Se teñen dúbidas ou non saben ben como facer, o sinxelo é a mellor opción. Non é necesario mobilizar a todo o mundo para rezar pola persoa que se nos foi. E segundo, por favor, non obriguen ao seu neto ou sobrino, que ten unha ideas totalmente contrarias á fe da Igrexa a ir ao funeral ou aniversario do avó. E, moito menos, non o fagan sentar no primeiro banco. Así nos evitamos pasalo mal todos, tamén o cura.

Lembren: “o máis importante nesta vida é que o máis importante sexa o máis importante”. (Stephen Covey). “Aos mortos non lles importa como son os seus funerais. As exequias suntuosas serven para satisfacer a vaidade dos vivos.” (Eurípides).

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Imaxe: Cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: