Primarias e Democracia nos partidos políticos

É coñecido que os partidos políticos non promoven formación política e democrática para os cidadáns, nin sequera teñen unha mínima formación para quen se afilie ao partido, para que coñeza algo da súa historia e dos fundamentos culturais nos que basear as decisións. Na Igrexa Católica si é normal que haxa formación antes de recibir os sacramentos e para os seus ministros hai un longo período de estudos.
En lóxica consecuencia temos que a formación política, autenticidade humana e responsabilidade ética dos políticos españois é manifestamente mellorable, pensemos nos actuais máximos responsables.
Ultimamente asentouse na Opinión Pública a idea de que as rimarias para elixir aos líderes supoñen a democratización dos partidos políticos. Pero non se fai unha reflexión e análise seria sobre o funcionamento democrático deles. Na praxe o que se fai é copiar o funcionamento dos partidos políticos americanos dos EEUU.
Democratizar un partido suporía que o poder sexa repartido, socializado, entre os seus membros. En toda democracia é indispensable a división de poderes, como tamén é necesario o control dos líderes polos membros da sociedade coas súas diversas institucións, ou do seu partido.
A celebración de Primarias está levando á eliminación dos órganos de control ao líder dentro da organización e a darlle autonomía completa para facer e desfacer. Non hai maneira efectiva de esixirlle que cumpra cun programa (se o hai). A historia recente xa nos ensina que o elixido asume un poder total sobre o conxunto da organización.
Diversos autores constatan que nos procesos electorais a persoa máis importante para un candidato é o director publicitario, asesor de imaxe, director de marketing… Vémolo nos dous seguintes exemplos:

1) Juan Campmany foi o encargado de levar a publicidade do PSOE entre 2001 e 2004 e no libro que publicou despois, El EFECTO ZP, 1000 días de campaña para llegar a la Moncloa, conta que nas fotos da presentación dos candidatos, os homes podían escoller entre: traxe escuro con camisa e gravata, tan só camisa branca e gravata ou o deportivo polo. Para as mulleres: traxe chaqueta con blusa ou camiseta ou, simplemente, blusa. E “Durante a fase final da precampaña e campaña electoral, só contemplamos unha alternativa nas fotografías dos candidatos; traxe escuro con camisa e gravata, para os homes; traxe chaqueta, con blusa ou camiseta, para as mulleres” (pp. 141-142)
A obediencia ao director de imaxe exprésaa con claridade Campmany cando di de Zapatero: “Asumía o guión cunha naturalidade e convicción sorprendentes, cunha espontaneidade que para si quixeran moitos profesionais. Ademais, mostraba unha ductilidade extraordinaria para aplicar, á primeira, as indicacións do equipo. Podiamos advertirlle, poñamos por caso, ‘ollo que en tal punto fixeches un movemento, tal xesto, que non acaba de convencernos; vixía na próxima toma de non repetilo’. E el procedía exactamente como lle pediramos” (p. 244). Cumpría mellor ca se fixera “voto de obediencia”!.
2) Christian Salmon escribiu un libro titulado Storytelling, la máquina de fabricar historias y formatear las mentes, no que conta o feito que lle deu a reelección a Bush no 2004 en contra dos prognósticos. Trátase dun spot de 60 segundos centrado na xove Ashley Faulkner, filla dunha vítima do 11-S, no que hai unha rápida sucesión de planos curtos con diversos testemuños, pero “o Presidente, figura central do relato, non se expresa. Non expón ningunha idea nin presenta un programa. Só é serenidade e bondade. Mediador dunha especie de milagre, só está presente a través das testemuñas que falan dos seus xestos e as súas palabras, como nas vidas dos santos ou o relato evanxélico”. (pp 131-133). Certo que quen non abre a boca non di tonterías!

Este proceso é un xeito de elixir líderes, pero sen ignorar que a historia vivida móstranos que gaña o que teña o mellor e máis eficiente director de marketing, o que minta máis eficazmente…, sabendo que como dicía Campmany: “En publicidade hai que prescindir da explicación do programa…” (p. 186).
Agora lembro a entrevista na radio a un sociólogo que fixera unha tese de doutoramento para ver o que funcionaba e o que non nas campañas electorais. Entón un periodista díxolle: “Eu prefiro aos candidatos que son auténticos”. Respondeulle o doutorando: “Si, unha vez houbo un candidato auténtico e durou 15 días. Outra cousa é dar imaxe de auténtico”.
As Primarias teñen a consecuencia de concentrar todo o poder nunha persoa, no líder, en vez de limitarllo e repartilo máis con institucións de control dentro da organización, o que sería bastante máis democrático.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: