Programa de Emprego de Cáritas Lugo

 O programa de emprego de Cáritas desenvolve varias liñas de axuda á xente que está buscando traballo, desde darlles información para achegalos máis ao mundo laboral ata apoialos cando teñen algunha idea para emprender pola súa propia conta.
A Cáritas pode ir calquera persoa que se atope en situación de desemprego. Cada persoa é acollida, escoitada e sabe que Cáritas é a súa casa. A través de distintas entrevistas vese cal é a súa situación e en que camiño se lle pode acompañar.

Información, asesoramento, formación e apoio económico
Cáritas dá información sobre o emprendemento e espazos de asesoramento para aqueles que xa teñan unha idea e queiran emprender. Algo fundamental é a formación, pois ter unha idea está moi ben, pero para emprender hai que ter moitos conceptos claros. Non se pode emprender sen máis, e entón Cáritas facilita todas as ferramentas necesarias.
Moitas veces os emprendedores non poden levar a cabo a súa idea porque lles falta apoio económico. Cáritas dá axuda económica naqueles proxectos que se ven viables.
Como tantas cousas no mundo actual, non é doado emprender. No ano 2013 xurdiron 3 novos empresarios e actualmente un continúa coa súa actividade. E o apoio económico que lle deu Cáritas está devolvéndoo de xeito regular para que outros emprendedores tamén poidan beneficiarse. 

Emprégate II organizou o día 23 de setembro un acto para motivar o espírito emprendedor entre os partipantes do programa. Puideron comprobar que o autoemprego é outra saída e tratouse de abrirlles outra porta. Hai moita xente que se achega ao programa de emprego que ten capacidade suficiente para facer unha actividade pola súa propia conta e o único que lles falta é o acompañamento, alguén que anime, que lles diga “ti podes”. Explicóuselles como está o emprendemento na cidade de Lugo a través de comunicacións de organizacións empresariais: Mulleres Empresarias de Lugo e Xoves Empresarios de Lugo. Son dous colectivos que á hora de emprender teñen que poñer moita máis forza.
Tamén interviñeron un representante de CEI-Nodus e persoas que decidiron emprender e contaron a súa historia para que os asistentes visen que si é posible.

Javier Yáñez

Da súa intervención no programa de radio El Espejo (25 – IX – 2015)

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: