Historia dunha vocación

Irmá Saleta Sánchez

Para buscar traballo os meus pais emigran primeiro a Ourense e despois a Holanda. Mentres están en Ourense pensan con quen confiar aos seus fillos para poder irse máis lonxe en busca de traballo e mellor remuneración, son 9 fillos e hai que darlles formación e estudos.

Unha á Sección Feminina en Lugo, 6 nenos varóns cos Pasionistas de Melide e unha servidora e a máis pequena de 4 anos no internado de Monterroso coas Obreiras de Xesús. Eu tiña 10 anos, pero aquilo gustábame, estaba contenta, admiraba moitas cousas: a orde, a limpeza, a vida espiritual, os xogos, pasabámolo moi ben.

Primeiros exercicios espirituais aos 12 anos na casa de exercicios Diocesana de Lugo. As Obreiras de Xesús en Monterroso preocupábanse moito da formación espiritual e isto daba os seus froitos coas novas vocacións que se ían forxando día a día ata chegar á consagración persoal á vida relixiosa. Irmá Sara, Irmá Estrella, Irmá Laura, Irmá Saleta. Son froito deste coidadoso traballo e hoxe cando non vexo vocacións pregúntome moitas veces que é o que pasa e intento lembrar como o facían as nosas irmás para poder conseguir as vocacións.

Oración, Eucaristía, Dirección Espiritual, Seguimento e interrogantes sobre a nosa vida, os nosos sentimentos. Era un estar pendentes da túa vida espiritual tanto ou máis que da vida material. Que época tan esplendorosa florecida!

Ano 1974: ano no que a Madre Teresa sobe ao Pai.

19 anos, toma do hábito e do Crucifixo das Obreiras de Xesús facendo a miña consagración temporal por tres anos. Paso á Residencia de estudantes de Lugo en Rúa Xeneral Tella n° 6, 4°, sen ascensor, pero cunha mocidade que nada se lle poñía por diante. Fago COU e os tres anos de Maxisterio.

Ao finalizar 1978 destínanme para Ferreirúa (Pobra de Brollón). Parecíame un paraíso terrenal, todo parecía un soño, a natureza, o afán por axudar aos nenos, a mocidade dos 23 anos recentemente cumpridos. Todo era ilusión, desexos de entrega sen pensar noutra cousa que en agradar ao Señor e servir aos irmáns.

Seis anos con outra relixiosa, Irmá Trinidad que estaba de directora. A Irmá Trinidad, foi unha das relixiosas que se encargou de levar adiante a ardua tarefa do inicio de case todas as casas en Galicia. Despois a ela trasladárona e tocoume asumir a responsabilidade de toda aquela tarefa inmensa. Nunca estiven soa, sempre coa Irmá Sara. Parecíanos que tiñamos que atender a todas as necesidades que xurdisen e chegamos a ter no internado 80 nenos. Sen moitos medios económicos, sen apenas persoal, pero con moitas ganas de axudar e facer o ben. Ano tras ano, dificultades, obras, alegrías, gozos, suores, incomprensións, pero sempre coa axuda de Deus que nos sostiña e segue sostendo, con só as forzas humanas das irmás todo isto sería imposible. Deus nunca che deixa da súa man, se che pide algo El dáche o que necesitas para facelo. Grazas Señor por tanta axuda!

Todas e cada unha das Obreiras de Xesús entregamos a nosa vida no sacrificio e a entrega cotiá dentro desta obra. É froito de cada unha de nós coa achega profunda do que somos e temos. En definitiva dos dons que Deus nos regalou.

María Saleta Sánchez Vázquez, Ferreirúa, 23 de setembro de 2015

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: