«Comprar é sempre un acto moral»

non piques 001

Os micropréstamos rápidos están de moda. En 15 minutos e sen papeleo tes todo arranxado. Abonda dicir canto diñeiro necesitas e canto tempo vas tardar en devolvelo.

En principio, todo é correcto e, ata, laudable que haxa alguén disposto a axudarche nun momento de necesidade extrema: por exemplo, que se lle rompan as lentes ao neno.

En cuestións de diñeiro todos sabemos que as cousas non son así e que ninguén ata os cans con longanizas, e ninguén dá os duros a catro pesetas. Alguén intentou ler na TV a letra pequena destes anuncios? É imposible. A única forma de facelo sería gravando o anuncio e reproducilo despois a cámara lenta e pausando a imaxe.

Se aplicásemos o sentido común e lésemos as condicións finais veriamos que as cousas non son tan doadas nin tan bonitas, pero a estas alturas xa estabas todo ilusionado con que poderías ir de vacacións ou arranxar as lentes do neno.

Quédanme algunhas dúbidas:

-Estes micropréstamos rápidos están limitados a unha cantidade aproximada de 600€ a 30 días. Se non teño hoxe 200€ (para as lentes) vou ter dentro dun mes 221€? Non teño diñeiro para o arranxo das lentes, pero vexo o anuncio nunha TV que me custou 700€.

-Se é todo tan rápido por que a letra pequena sempre di “oferta de financiamento suxeito á aprobación de N.” ou que teñas a man DNI e a última nómina? Non me creo o dos 15 minutos nin o de “sen papeleo” Se teño nómina e o asunto tarda uns días, o mellor é esperar a cobrar o soldo do mes para arranxar as lentes; e afórrome 21€.

Fai uns anos, cando empezou esta moda, estaba na cola dun banco e chegou un mozo solicitando un destes préstamos. O argumento que el esgrimía era o da carta publicitaria que lle chegou a casa. Polo que puiden escoitar, as cousas non eran tan rápidas nin tan fáciles, e quedaba de manifesto que a publicidade era enganosa. O mozo estaba decepcionado e sen solución para o que cría ter un remedio milagroso do “deus-banco”.

Fai uns meses veu unha freguesa cun problema económico. Tratábase de liquidar a herdanza dunhas leiras e necesitaba pagar o imposto. Viu un destes anuncios en TV e chamou. Enviáronlle o sobre coa documentación para solicitar o préstamo, pero aparece un problema: excedía o límite de idade esixido. O seu gozo nun pozo. Ao final o préstamo rápido e sen máis requisitos que a súa palabra concedeullo Cáritas Parroquial.

Poderíanse extraer moitas conclusións de todo isto. Non creo que sexa algo tan inocuo como parece. Detrás hai un complexo modo de vida que non é saudable para as persoas que nos leva a asumir riscos innecesarios e caer en pozos cada vez máis profundos.

Termino con dúas citas da encíclica do Papa Francisco Laudato si: “Mentres máis baleiro está o corazón da persoa, máis necesita obxectos para comprar, posuír e consumir”(LS 204) “Comprar é sempre un acto moral, e non só económico” (LS 206).

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: