San Xosé Mª Díaz Sanjurjo, un santo con denominación de orixe

Sospeito que máis dun criticará esta especificación que fago da figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, en termos só correctamente aplicables a produtos da terra e do traballo dos homes.

A estimación dun produto vén avalada polo lugar da súa procedencia e pola calidade da man de obra que intervén na súa elaboración, de aí a denominación de orixe con que se etiquetan certos artigos de consumo.

A santidade non é produto do campo nin tampouco da industria humana, senón froito da graza de Deus. Con todo, moito ten que ver na santificación do home a achega dos humanos e a contorna ambiental en que estes se moven. Isto lévame a pensar que non debe ser un despropósito de vulto dicir de san Xosé de Suegos que é un santo con denominación de orixe.

Á súa santificación contribuíron grandemente a responsabilidade dos seus pais, os cales inculcaron aos seus fillos as virtudes que eles vivían, o  ambiente cristián do seu tempo e a coidada      formación espiritual que recibiu no noso Seminario de Lugo.

Por todo isto, non considero fóra de lugar o que estou a dicir. Sexa como sexa, acepto a crítica negativa que se me poida facer, se a expresión “un santo con denominación de orixe” contribúe a que os lucenses valoremos un pouco     máis a egrexia figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, ilustre fillo de Lugo, insigne polas súas virtudes e polo seu saber.

Cando por todos os medios procúranse promocionar outros valores da terra e dar a coñecer a outros fillos ilustres da nosa terra, é inexplicable que deixemos caer no esquecemento a persoas tan eminentes como o noso santo.

Lugo tivo moitos fillos ilustres. Non cito a ningún, para que non se me poida esquecer algún, pero entre eles, san Xosé Mª Díaz Sanjurjo brilla con luz propia pola súa ciencia e virtude: doutor en ambos os Dereitos, autor dun tratado de Dereito Natural, sacerdote dominico, misioneiro do Tonkín (hoxe Vietnam), bispo de Platea aos 30 anos e… mártir de Cristo aos 38. É un lucense que o deixou todo para darse totalmente a todos. Ben merece, coa nosa admiración, o noso aprecio e nosa estima, tamén o noso recoñecemento.

Xunto a san Xosé Mª, figuran tamén na lista de santos lucenses: san Capitón, primeiro bispo de Lugo; san Froilán e a súa nai, santa Froila, fillos da nosa cidade; san Rosendo, bispo de Mondoñedo, san Inocencio de Foz…

Á vista destes nomes, cabe afirmar, plaxiando o dito castelán, que se Ávila é “terra de cantos e de sabios”, Lugo o é “de nabos e de santos”. Os nabos de Lugo son os mellores do mundo e os santos lucenses o son coa santidade dos mellores fillos da Igrexa. Pero, ollo! que a lista non está pechada.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: