Sindicatos e sindicatos!

O concepto SINDICATO fai referencia a realidades bastante diversas e non todas nos son igual de convincentes. Para min, a mellor definición é a de Poguet en La voix du peuple, (periódico da C.G.T. 1900): “É o grupo esencial que permite facer fronte constantemente ao explotador… preparar unha coordinación crecente das relacións solidarias… principalmente é unha escola da vontade; o coñécete a ti mesmo de Sócrates é completado coa máxima de resolve os teus asuntos por ti mesmo“.

Non se trata, por tanto, que un sindicato só se centre en conseguir mellor salario e condicións laborais, senón que busque o protagonismo social solidario de tódolos traballadores para acabar coa explotación e conseguir unha sociedade solidaria e fraterna. Esta actitude xa estaba no Preámbulo aos estatutos da 1ª Internacional (1864) que dicía “Que a emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos”, e que o seu esforzo emancipador non era para conseguir “novos privilexios”, senón “para todos os mesmos dereitos e os mesmos deberes”, baseados na “Verdade, Xustiza e Moral”. Nese Preámbulo inclúese unha expresión que repiten con insistencia os primeiros internacionalistas españois, “non máis deberes sen dereitos, nin máis dereitos sen deberes”, porque querían ser libres e responsables.

Fago un inciso para recordar que o protagonismo dos traballadores na súa emancipación está destacado na Doutrina Social da Igrexa. Só como exemplo referido aos traballadores do campo cito a Mater et Magister (nº 144) de Xoán XXIII: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben se-los mesmos interesados, é dicir, os propios agricultores”.

O estilo de sindicato que veño describindo leva consigo unha tarefa educativa que describe con claridade o Boletín do Sindicato dos Obreiros Mineiros de Asturias (EI minero de la Hulla nº 5, Decembro 1914): Compañeiros mineiros: a vosa adhesión ao Sindicato non a debedes facer co exclusivo fin de obter máis salario, menos horas de traballo e mellor trato dos xefes e vixiantes, senón que debe ter tamén un fin máis alto: o de facervos mellores (…). É necesario que deixes de facer a vida de bruto que ata a data fixeches, e que nos libros que os homes bos e sabios escribiron, busques o foco de onde irradian eses fermosos feixes de luz que te sacarán das tebras da ignorancia”.

Isto non son bos desexos, son realidades cotiás que relata Anselmo Lorenzo, membro español da AIT no libro El Proletariado Militante: «Miles e miles de traballadores pobres, de distintos países, acabadas as 10 horas de fatiga, extenuados, prescindindo xa da taberna e do alcohol, sométense a unha nova faena para instruírse nas primeiras horas da noite acerca dos asuntos sociais, quítanse o pan da boca para soster o periódico (obreiro) que os protexe, e dedican o resto da súa forza e da actividade á propaganda dos seus ideais…».

O escritor Heleno Saña no libro ¿Existe militancia obrera hoy? fai tamén unha análise dos sindicalistas do século XIX e principios do XX e resalta que destacan pola súa alta cultura, bos costumes, honradez e integridade moral. A loita era contra o burgués e tamén contra o alcohol, xogos de cartas, tabernas, prostitución, linguaxe groseira e outras lacras e hábitos embrutecedores ás que ían os obreiros para fuxir da súa gris existencia. Sabían que unha clase traballadora composta de borrachos, vagos e xogadores non podía alcanzar nunca a súa liberación, pois eran escravos do capital e tamén dos seus propios vicios. A emancipación económica e política tiña que ir precedida da emancipación humana e ética. Por iso crearon ateneos obreiros, círculos culturais, bibliotecas e grupos recreativos e artísticos.

A miseria e a ignorancia eran os principais males dos obreiros. Por iso o Movemento Obreiro decláralles a guerra: Contra a miseria, asociación!, e contra a ignorancia, libros e publicacións! Os medios culturais deben estar en mans do pobo. Poñen en marcha na historia a ORGANIZACIÓN SOLIDARIA e de promoción cultural como principal forza liberadora dos pobres, a diferencia das revoltas pasadas.

Incluír no sindicato a clara finalidade de facer mellores persoas pode sorprendernos hoxe, pero nas orixes do movemento obreiro era unha constante. Hai hoxe este tipo de sindicatos e sindicalistas? Eu non os vexo por ningures. Pode ser que o problema estea en min por non ver ben a realidade presente. Que cadaquén examine a realidade actual e saque as súas conclusións!.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: