Encontro de nenos de Primeira Comuñón

O sábado 22 de abril de 10:30 a 17h tivo lugar no Colexio María Auxiliadora un encontro de máis de 200 nenos de Primeira Comuñón de Lugo.

Estaban convocadas todas as parroquias, todos os nenos da catequese de Primeira Comuñón para participar nun gran xogo titulado “Os piratas do clan de Xesús”. Os participantes, distribuídos en grupos, superan distintas probas e así conseguen ensamblar todo o necesario para navegar no barco pirata do clan de Xesús. Ao superar cada proba recíbense distintivos: parche en forma de corazón, bandeira da amizade, vela do Espírito, o gancho do cariño, o loro da alegría… A festa  ten  como  obxectivo  achegarse a Xesús, que é o anfitrión.

Xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese

O sábado 28 de xaneiro de 10 h a 13 h a Delegación para a Educación na Fe organizou unha xornada de formación sobre o Directorio para a Catequese.

O Delegado episcopal para a educación na fe, Alberte Leiva, saudou aos presentes, “sempre dispostos a colaborar na misión de contaxiar no medio das familias, parroquias e colexios o bo ambiente do Evanxeo de Xesús. Coñecer e actualizarse en pedagoxía, estar ao tanto do que nos di a Igrexa será como unha vara na que apoiarnos para levar adiante e con éxito a encomenda que o Señor Xesús pon nas nosas mans”

E o delegado de Catequese de Santiago, Miguel López Varela, presentou o Directorio para a catequese. Comezou sinalando que “se non facemos catequese, a Igrexa deixa de ser Igrexa… A catequese está en diálogo co que está a acontecer no mundo”.

Desde o Vaticano II houbo 3 actualizacións do Misal Romano; a Eucaristía é importante, polo que cómpre actualizarse. Como a Igrexa tamén considera que a catequese é importante, preocupouse de ir actualizándose e foi elaborando sucesivamente tres directorios. O actual tamén tivo 3 etapas no seu proceso de redacción e o texto final estrutúrase en 3 partes. As claves de lectura son máis: cristocéntrica e eclesiolóxica, pneumatolóxica, misioneira e kerigmática, teleolóxica, catecumenal, comunitaria, dialóxica, cultural e da inculturación.

A alegría de ser catequistas

Bota a andar un novo curso de catequese e querémolo emprender con moito ánimo. Lembrade: o alento do Señor Xesús precédenos e empúrranos dende sempre.

Este curso teremos como lema “A alegría de ser catequistas”. Esta frase recolle a esencia daquelas persoas que ano tras ano se entregan con xenerosidade a misión de transmitir a fe nas nosas parroquias. Unha alegría que brota do encontro co Señor. O Papa Francisco convídanos a unha nova etapa de evanxelización marcada pola alegría (Evangelii gaudium)

Que alegría ser catequistas chamados polo mesmo Señor Xesús!
Nas nosas mans está a encomenda de axudar a cativos e familias a medrar en amizade con Xesús e no coñecemento da Igrexa.  Ben certo, atoparemos atrancos coma a saturación de actividades, os horarios e as presas… mais non nos ha faltar o Espírito que vive na comunidade e nos inspira e move á acción.

Que alegría ser catequistas que prestan as súas capacidades e o seu tempo nas nosas comunidades cristiás! Esta antiga vocación renova decote na Igrexa o compromiso de proclamar a nosa fe, de pasar uns a outros o testemuño pascual: Cristo Vive!

Que alegría ser catequistas e celebrar collidos das mans a presenza do Deus Amor! É o Señor quen nos convida a comer e beber o pan e o viño da alegría e da fraternidade.

Que alegría ser catequistas que coidan os pequenos detalles! A fe emerxe das cousas pequenas de cada día: do acoller, do empregar palabras sinxelas e doces, do ter xestos de complicidade coas familias, do sorrir, do collerse das mans…

Que alegría ser catequistas e contaxiar a alegría do Evanxeo!

Departamento de Catequese

Delegación Episcopal para a Educación na Fe da Diocese de Lugo

[Folleto explicativo do cartel e suxestións para a 1ª reunión]

Encontro – retiro de catequistas

O Departamento de Catequese da Diocese organiza o sábado 9 de abril de 10 h a 13:30 h na Parroquia do Bo Pastor (Lugo) un encontro – retiro de catequistas. Faise baixo o lema “Camiñando xuntos cara á Pascua”.

A Diocese agradece a cada unha das persoas que leva adiante a catequese e desexa infundirlles ánimo, porque o seu ministerio é fermoso e esencial para as comunidades. Pola súa parte, o papa Francisco preséntalles un reto: “Catequistas creativos, que atopen “novos alfabetos” para anunciar o Evanxeo e non se mostren “cansos e repetitivos”.

Preparación do novo curso catequético

A situación actual permite retomar e continuar coa actividade catequizadora na parroquia, que é a casa común de todos os cristiáns e a casa da catequese por excelencia. Alí os nenos teñen a oportunidade de vivir e aprender, xunto con todos os crentes e cos catequistas, a alegría da fe e de crer en Xesús.

Vai seguir apoiándose e dando continuidade á experiencia nos fogares. Porque a catequese sempre comeza na casa. O fogar e a familia é o primeiro ámbito natural de crecemento e maduración da fe e, nel, os pais e avós son os primeiros catequistas.

O Equipo de Catequese de Galicia axudará a párrocos e catequistas a asegurar esta continuidade da catequese nas parroquias.

[Orientacións sanitarias e pedagóxicas]

[Explicación de lema e cartel]

A %d blogueros les gusta esto: